Xesús realizou, si, feitos extraordinarios, tal como nolos transmitiron en diversas ocasións os evanxeos. Pero non era ese o seu modo normal e ordinario de se comportar. Eran só manifestacións exteriores puntuais da súa bondade e do seu poder, para que non perdésemos de vista a súa íntima e fonda relación co poder e a bondade de seu Pai Deus. Pois o que verdadeiramente chamaba nel a atención era o seu modo de ser, as cousas que dicía e cómo as dicía. Xesús era unha persoa sinxela, pobre, falaba con humildade e ó tempo con íntimo convencemento e autoridade, creaba e promovía a cotío irmandade e fraternidade, anunciaba un Deus Pai común de toda a humanidade, do que todos somos fillos empezando por el mesmo, irmán maior noso e fillo primoxénito e especialmente benquerido de Deus.
Toda a vida de Xesús estaba en consonancia con esta incribelmente complexa personalidade súa: coa súa misteriosa orixe divina e coa súa característica identificación humana cos pobres e necesitados. A multiplicación dos pans e dos peixes hai que vela así como unha manifestación máis do poder e da bondade do Fillo de Deus que se preocupa tamén polas necesidades materiais dos seus irmáns.
Mais Xesús é sempre algo máis que iso. O Xesús multiplicador de pans e de peixes é o mesmo que, segundo nos refire Mateo, lle respondía a Satán, ó ser tentado por este no deserto para que convertese as pedras en pan, deste modo: “non só de pan vive o home, senón de toda palabra que sae da boca de Deus” (Mt 4, 4). É o mesmo do que Mateo nos transmite tamén este outro dito: “Non amoreedes tesouros aquí na terra, onde a traza e o caruncho os roen, onde os ladróns abren buratos e os rouban. Amoreade tesouros no ceo” (Mt. 6, 19-20). É tamén o mesmo Xesús que, unha vez máis segundo o evanxelista Mateo, nos advertía: “Non andedes agoniados pola vosa vida (o que ides comer, o que ides beber), nin polo voso corpo (o que ides vestir)... Por todas esas cousas andan angustiados os pagáns; e ben sabe o voso Pai celestial que as precisades. Procurade primeiro o Reino de Deus e maila súa xustiza, e todas esas cousas hánsevos dar de máis a máis” (Mt. 6, 25-33).
De modo que se trata, en definitiva, dunha cuestión de prioridades. Pois Xesús anúncianos que a fraternidade ou irmandade que el nos ofrece e nos dá, ó se facer en canto Fillo de Deus irmán de todos, é o verdadeiro alicerce da xustiza e do benestar universal. Se todos nos unimos a esta fraternidade, o reino de Deus establecerase na terra, converténdose así, como se di tamén na mesma liturxia, nun “reino de xustiza, de amor e de paz”.
Todos estamos chamados a traballar por esta fraternidade. Un traballo que debería ser cousa doada, porque se basea nun “don” grandioso de Deus ó mundo, concentrado no galano do propio Xesús, que hoxe nos di que “traballemos non polo pan que se acaba, senón polo que dura deica a vida eterna”. Resulta que o mesmo Xesús nos di que el é ese pan: “Eu son o pan da vida: quen vén onda min non pasará fame e quen cre en min endexamais terá sede”. Desde logo, a xente debería quedar engaiolada e abraiada con estas palabras súas, porque en calquera caso non eran palabras normais e ordinarias. El preséntase a si mesmo como o pan que vén de arriba, do Deus Pai que olla polo ben do mundo, e que saciará a fame e dará vida ó mundo: “Meu Pai é quen vos dá o verdadeiro pan do ceo: pois o pan de Deus é o que baixa do ceo e dá vida ó mundo”.
Como cristiáns, deberiamos aprender a poñérmonos na perspectiva de Xesús nun mundo onde tantas veces se pensa que o que hai que facer na vida e acadar como sexa un prestixioso posto social e económico para termos así asegurado un porvir libre de problemas. Xesús dinos, polo contrario, que o primeiro que deberiamos meter e empaquetar ben nas nosas propias alforxas de viaxe é ese pan, que non balorece nin se estraga co tempo. Un pan que leva a marca “Xesús”. Un pan que non ten outros aditivos nin mesturas que lle cambien o seu auténtico sabor nin lle rebaixen a súa capacidade de fortalecer as nosas vidas para a transformación do mundo nun reino de xustiza, de amor e de paz.
Un pan, ademais, gratuíto, polo que non hai que pagar nada. Non igual, polo tanto, ó pan que mercamos nas tendas, porque así, de maneira totalmente gratuíta, nolo dá en Xesús para a vida do mundo seu Pai Deus.
A relación que todo isto ten coa Eucaristía e de maneira especial coa recepción sacramental do corpo de Cristo na comuñón é, como é doado ver, moi estreita. No pan eucarístico recibimos en realidade ese pan, tan gratuíto como inmensamente fortalecedor, que é Xesús mesmo en forma dun anaco de pan. É un claro símbolo de sermos alimentados realmente por Deus mesmo para a realización cristiá das nosas tarefas diarias onde queira que nos atopemos. Con esta que poderiamos chamar carga divina recibida no interior de nós mesmos irémonos transformando pouco a pouco neses “homes novos, creados a imaxe de Deus” dos que o apóstolo Paulo nos fala na súa carta de hoxe ós Efesios.
Claro que para todo isto precisamos naturalmente desa fe da que nos fala Xesús hoxe ó pedirnos que “creamos naquel que Deus Pai mandou”, o propio Xesús “mandado” a nós polo Pai.
Deberiamos hoxe, pois, recitar con especial fe a oración do “Noso Pai que estás no ceo”, cando nela lle pedimos ó noso Pai Deus aquilo que nos aprendeu Xesús a dicir: “Dános hoxe o noso pan de cada día”.
Pan para o noso alimento corporal e pan para o noso fortalecemento espiritual.
* Domingo, 2 de agosto de 2015