En realidade, a vida de Xesús non foi tampouco unha cousa idílica, tranquila, ocamente pacífica, senón intensa, apaixonada, comprometida, “encarnada” nunha sociedade e nun tempo ben concretos. Non fai falla ser moi espelido para se dar conta de que o que Xesús, aberta e publicamente, dicía ou facía provocou divisións e enfrontamentos de tal envergadura, que por tal razón os poderes fácticos chegarían de feito a eliminalo da maneira máis ignominiosa. Pero, de modo curioso e paradoxal, o que Xesús dicía e facía non era máis que anunciar e proclamar a igualdade e fraternidade entre todos, en canto fillos dun mesmo Pai do ceo. Ou sexa, que é a mesma mensaxe de amor e fraternidade, asumidas e practicadas, a que vai provocar divisións e conflitos.
E non podía ser doutra maneira, porque os que posuían o poder político, social, relixioso e tamén económico non podían aturar unha mensaxe (e sobre todo unha práctica) deste tipo, pois púñanse eles mesmos en perigo de perder o seu status e as súas seguridades adquiridas. Velaquí vedes, pois, as razóns do conflito e das divisións que a mensaxe de Xesús provocou no seu tempo, continúa a provocar hoxe e provocará sempre.
A mensaxe de Xesús fai xurdir, pois, en canto tal, dinámicas e movementos que teñen que ver directamente, tal como comentaba, co tomar ou non en serio a fraternidade e dignidade humanas. Dignidade de sermos todos fillos de Deus. Fraternidade e mais igualdade, porque ninguén é máis fillo de Deus ca outros. Nese sentido somos todos iguais.
Como vedes, unha mensaxe sinxela, mais explosiva. Cando Xesús anuncia “Lume vin traer á terra: e ¡qué máis querería eu ca que estivese xa a arder!” non se converte por iso nun pirómano destrutor da vida, do mundo ou da humanidade, senón no seu verdadeiro construtor. Lembraredes como o papa Francisco, nunha das súas estancias en América latina, deixou caer algunha vez, ante unha gran multitude de xente moza de moitos países que o escotaba, a seguinte frase, bastante explosiva tamén: “pídovos que fagades lea (‘lío’, en castelán)”... Porque a mensaxe de Xesús non é un somnífero que se toma para pasar a vida durmindo ou adormecido, senón unha potente incitación a loitar pola xustiza, o respecto, o amor, a dignidade, a igualdade entre tódalas persoas. E isto leva consigo que se producirán seguramente conflitos. De modo que a loita pola paz e pola fraternidade, aínda que pareza contraditorio, provoca case necesariamente o conflito. Porque hai xente, precisamente os máis poderosos, que se oporán a tal cousa, pois o que eles queren é estar por encima dos febles e necesitados, para así podelos explotar e utilizar ó servizo dos seus propios intereses.
Por iso, sobre este pequeno anaco do evanxeo de hoxe escribe un comentarista, coido que moi acertadamente, o seguinte: “Lucas é o evanxelista que fala da paz para a xente no momento do nacemento de Xesús, mais é tamén o evanxelista que na hora da súa presentación fala del como sinal de contradición e enfrontamento”. E engade aínda pouco despois: “Xesús veu traer paz, pero a través do conflito. Sen conflito non medramos as persoas, non medran as comunidades, nin medran os pobos. Porén, case sempre fuximos covardemente do conflito, e así estámonos condenando a permanecermos ananos, incluso a morrer. Hai demasiada relixión ó servizo das cousas paradas, ó servizo dos intereses establecidos dos poderosos, ó servizo dos nosos mesmos egoísmos... A mensaxe de Xesús, o seu reclamo grande de irmandade sen límites crea división entre os pobos, na mesma Igrexa, dentro das comunidades, no interior de cada persoa... Xesús optou ata a morte por todo o que constrúe a irmandade entre a xente ante o Pai do ceo”.
Por todo isto, a vida de Xesús foi eliminada, cortada de raíz polos poderosos só tres anos despois de comezar o que chamamos a súa vida pública. Mais este mesmo Xesús prometeunos e deunos o seu Espírito Santo. E co seu Espírito volve ou continúa no mundo ese “lume” sobre o que Xesús dicía que nolo “veu traer á terra”. No día de Pentecoste, no día da vinda do Espírito Santo, o Espírito presentouse e mostrouse, ante os apóstolos (estamos na igrexa dos “Apóstolos”) e ante tódolos seguidores de Xesús, en forma de “linguas de lume”. E ese Espírito, que, coma o lume, purifica, ilumina e dá calor, segue a estar presente, de moitos modos e maneiras, na súa Igrexa e en tódalas persoas do mundo, homes e mulleres, de boa vontade.
Deixémonos, pois, purificar, iluminar e quentar por ese “lume” de Deus para dese modo seguirmos a facer presente no mundo a mensaxe liberadora de Xesús, por moitos conflitos e problemas nos que por iso nos vexamos enredados.
Nisto a carta de hoxe de Paulo ós Hebreos pode servirnos de estímulo e acicate, cando el compara a dinámica da nosa fe co esforzo dun deportista, que vén sendo todo o contrario dunha persoa indolente e preguiceira. “Corramos –dinos Paulo- con tenacidade a carreira que temos por diante, fitos os ollos en Xesús, o primeiro guía e perfeccionador da nosa fe ... Aínda non resististes ata o sangue na vosa loita contra o pecado”. E pecado é, como sabemos, todo aquilo que se opón ó proxecto de Xesús da fraternidade humana universal.
Que o Espírito de Deus, que coma o lume pode quentar e iluminar os nosos corazóns, nos dea forzas e ánimos para unha tarefa tan grande e tan fermosa.
* 14 de agosto de 2016