* [Publicado no “Faro de Vigo”, mércores, 23 de xullo 2014, p. 57].
Os políticos de profesión ou os casualmente erguidos a tal función amósanse nerviosos, escépticos, indulxentes ou excesivamente seguros de si mesmos ante a irrupción dun fenómeno político-social co que case non contaban. Refírome, xaora, a “Podemos”. Coido que aquí se fai presente un problema importante das sociedades contemporáneas. Trátase nin máis nin menos que do problema, case filosófico, das “mediacións”. Dito de maneira máis simple. ¿Ata que punto nunhas sociedades abertas coma as actuais, nas que a información flúe rápida ou case instantánea, se precisan aínda os ríxidos conglomerados dos partidos que pola súa propia dinámica tenden a considerarse a si mesmos como a auténtica realidade social? Pois é así xustamente como deixan de “mediar”, de transmitir limpa e directamente os problemas e as necesidades daqueles cidadáns que os ergueron a un posto socialmente relevante e apetecíbel. De modo que, en vez de actuar como verdadeiros re-presentantes, é dicir, en vez de facer presentes ós que representan, agáchannos máis ben a estes de maneira consciente ou inconsciente. Serven ó partido, é dicir, a si mesmos, máis que a aqueles que os elixiron. O posíbel ou previsíbel futuro éxito da nova formación política depende intimamente da súa capacidade de manter a pretendida estrita fidelidade ó que é a orixe ou base mesma do termo democracia, é dicir, do goberno do pobo, das xentes mesmas afectadas polos problemas e que os políticos tenden a desvirtuar na medida en que corren o perigo de ocupárense máis de si mesmos ca daqueles ós que representan. Corrupción ou ineficacia teñen aquí a súa raiceira viva. A política só será respectada cando sexa unha actividade honesta, cristalina, moral. E a política dáse non só nos chamados políticos, senón tamén en moitos outros que rexeitan para si mesmos tal cualificación e que, porén, actúan realmente como tales. A política está presente en calquera institución humana, tamén nas agrupacións relixiosas, nas igrexas, etc., que preguntadas a tal respecto responderían con contundencia que elas nada teñen que ver coa política. Agora ben, o que importa é que a política non tenda a acugularse de poder, senón de servizo. Por iso, o lema dun partido como “Podemos” debería ser, de maneira paradoxal, o do “antipoder”, xustamente porque non pretende erixirse nunha instancia autónoma, fixa e opaca, fronte ó único poder xerador da actividade política que é o pobo, as xentes concretas, individuais e libres. Se a historia, como diría Hegel, é o progreso na conciencia da liberdade, entón a nova formación podería dispor dun florido futuro.
* [Publicado no “Faro de Vigo”, mércores, 23 de xullo 2014, p. 57].
0 Comentários
Deixe uma resposta. |
Publicacións
Outubro 2020
CategoriasOutras referencias
Entrevista en Noticieiro Galego Arquivos
|