Quen é Manuel Rivas? Nos nosos electrónicos tempos case ninguén é descoñecido para ninguén. Pulsamos unha pequena tecla e alí se descobre todo ou case todo sobre alguén. Polo tanto, semella que case non precisamos de presentación. As persoas, porén, somos todas no fondo un pequeno misterio. Non resulta cousa doada mergullarnos nese vedado interior de cadaquén. Incluso un mesmo non sabe todo sobre si mesmo.
Por iso voulle contar a Manuel Rivas quen vén sendo el para min, pois el non ten por que sabelo nin, se a caso, lembralo. Ó tempo, e como de paso, comunícovos tamén a vós, os que viñestes a este acto, algo sobre o noso grande escritor.
Hai xa algúns anos puiden saudar persoalmente a Manuel Rivas cando veu á Rapa das Bestas de Sabucedo, a miña aldea natal, e subiu comigo e con outros moitos ó alto dos montes na procura de bestas para baixalas ata o curro, aproveitando el tamén a ocasión para encher os seus pulmóns das forzas telúricas do noso país, esas que moven e conmoven a súa pluma. E tiven o pracer de agasallalo entón tamén cun libriño que trataba xustamente sobre esa coñecida festa nosa.
Outra vez foi en Madrid, aínda que o encontro ocorreu a una certa distancia física. Eramos milleiros de persoas os que alí nos manifestabamos o 23 de febreiro do 2003, clamando “Nunca máis”!, e reclamando e protestando contra a desfeita do “Prestige”, que enzoufara de chapapote as nosas praias galegas. Na madrileña Porta do Sol non podía faltar Manuel Rivas. Sobre o palco alí instalado dicía el, no manifesto final daquela clamorosa manifestación, cousas coma estas: “Aquí está o mar. El é o primeiro manifestante desta marea humana... Non somos un país de servos”.
Porque, amigas e amigos, se por algo cómpre loitar na vida é pola liberdade, por esa liberdade que xera dignidade. Pola liberdade a tódolos niveis, social, político ou individual. Quen hoxe está connosco aquí é e pretende ser un home libre. Por iso é, ó mesmo tempo, moitas cousas: escritor polivalente (poeta, xornalista, novelista, ensaísta, etc.), patriota e comprometido coas cousas e as causas nobres, home do seu e do noso tempo e, ó tempo, auscultador dos tempos idos, das nosas tradicións, da nosa ubérrima nai natureza.
Por todo isto e por outras cousas máis que o acompañan -como o seu fino, humano e humorístico xeito de escribir- non é nada estraño que sexa un dos escritores más lidos e premiados do noso país.
Manuel Rivas no é só un profesional das palabras. El sabe ademais agarimalas e quentalas coa súa propia riqueza interior. Un vello artigo seu que publicou no xornal “El País” hai vinte anos, cando un desalmado matou nos montes de Sabucedo un famoso garañón dunha das greas de bestas, chamado “O Neghro”, comezaba así. Traduzo ó galego o texto de M. Rivas:
“A pedra máis querida da ourivería galega é o acibeche, que se ofrece engarzado en prata. Así era O Neghro. Puro acibeche. E tiña tamén O Neghro unha estrela de pel branca na fronte. A derradeira vez que foi visto relucía no alto da montaña, pulido polo sol de inverno, coma un soño mouro. Era o garañón máis célebre, o rei dos cabalos que se crían salvaxes en Galicia”.
Benquerido Manuel Rivas, cando quero deixar voar ou fecundar a miña imaxinación, case sempre boto man dalgúns dos teus libros. Nestes cinco anos que levo en Vigo lin estes catro escritos teus: “Todo é silencio” (2010), “O máis estraño” (2011), “As voces baixas” (2012) e “O último día de Terranova” (2015). Non son moitos, claro, mais sabes ben que da dozura do mel tampouco se pode abusar.
Teño agora a intención de me facer con outro libro teu que leva como título “A boca da terra”, pois lin nalgún lado que publicas nel un fermoso poema que leva como título “Sabucedo” e ese é xustamente o meu recuncho natal. E ti, claro, coñécelo ben tamén.
Xa ves. Seguiremos xuntos, irmandados na palabra, esa grácil e misteriosa bolboreta que busca sempre a luz e non coñece fronteiras.
MOITAS GRAZAS por vires onda nós. Benvido sexas!
*Colexio Apóstolo Santiago, Vigo (5 de abril de 2016)