Xesús comía e bebía, máis que dos alimentos e das fontes ou pozos deste mundo, desa inesgotábel riqueza e fonte de vida que era e segue e seguirá a ser Deus, Pai seu e noso tamén. Xesús oraba, falaba, moito con seu Pai. Como de día moitas veces non podía facelo polas multitudes que anceiaban escoitar a súa palabra, facíao de noite. Deus é desde sempre, e tamén para Xesús, esa marabillosa realidade persoal, plena e infinita, que en si mesma é vida e que enche de variadísima vida a realidade toda que temos diante e da que formamos parte, aínda que a descoñezamos nas súas íntimas fonduras e inmensidades. Xesús é totalmente incomprensible sen atender a este Deus Pai que o converte no seu Fillo predilecto. E se Deus Pai o quere tanto é porque o encheu tamén a el da súa mesma plenitude de vida.
Por iso Xesús podía dicir de si mesmo: “Eu son a Vida”. E se Xesús se define a si mesmo como “Vida”, cómo vai poder el darnos a nós outra cousa máis ca vida? É case incríbel como se puido desfigurar tantas veces a mensaxe de Xesús coma se fose unha mensaxe de febleza ou debilidade, de indixencia e de morte. A mensaxe de Xesús é todo o contrario. Xesús non ten que ver nada coa morte, pois el é a mesma Vida.
Xoán dínolo ben claro hoxe ó presentarnos a Xesús como bo pastor que coñece as súas ovellas, é dicir, o pobo todo que o segue como rabaño feliz de se sentir ben acompañado e dirixido por el. “Eu –así soan as palabras que Xoán pon en boca de Xesús- eu doulles vida eterna”. Son expresións de moita relevancia e fondura, que teñen que ver cunha necesidade básica de todos nós. Como xa tantas veces vos teño comentado, ¿hai alguén que non queira vivir e vivir sempre, vivir eternamente? Ninguén. Se lamentabelmente nas noticias que lemos ou oímos, máis dunha vez sentimos que nos bate forte o corazón ó lermos ou oírmos que alguén se quitou a vida por algún tipo de problema que o afectaba moi duramente, podemos estar ben seguros de que estes irmáns nosos non fixeron tal cousa porque non quixesen vivir. Todo o contrario, pois o impulso de vida déunolo Deus mesmo e a iso non somos nós capaces de renunciar en circunstancias normais. O que pasa é que os problemas da vida, que non necesariamente eles mesmos senón quizais máis ben outros lles crearon, poden chegar a facer crer ou convencer a un de que a propia vida non ten sentido nin futuro. E sen ningunha esperanza de vida nin de futuro é imposíbel querer seguir vivindo. Aínda que pareza contraditorio, abandonan a vida porque a queren precisamente con toda a alma mais senten que tódalas portas para acadar vivir se lles pechan.
De todo isto temos que deducir que, se como cristiáns cremos que Deus nos deu a todos vida e en Xesús e por medio del nola deu tamén como “vida eterna”, entón temos que loitar de tódalas formas posíbeis -cada un da forma que o Espírito lle inspire- para que esta vida que recibimos non sexa só a miña, senón a de todos. Porque a mensaxe de Xesús non está só dirixida só a unha ou dúas ovellas, utilizando a linguaxe pastoril e rural de Xesús, senón a todo o rabaño, é dicir, a todo o pobo de Deus, a todo o mundo. Por iso nada do que ocorre fóra da pel do meu corpo me pode ser indiferente. Todo e todos deben interesarme e afectarme. Tanto máis canto que a vida dos demais é algo que ten que ver tamén coa miña, pois a vida é un agasallo común de Deus para todos e ninguén pode considerar como algo exclusivo seu a vida que Deus concedeu para todos.
Volvendo ó que nos di Xoán. Tan grande e tan divina é a vida que Xesús recibiu do seu Pai (e lembremos que os pais son precisamente os que dan a vida) que o mesmo Xoán pon unha vez máis aquí na boca de Xesús estas outras palabras: “Meu Pai e mais eu somos un”. Palabras que aluden ó misterio da persoa de Xesús, tan intima e profundamente unida ó misterio de seu Pai Deus.
Mais isto significa tamén que traballando nós pola dignificación e pola vida de tódalas persoas -e de maneira especial a prol daqueles que se senten ameazados na súa vida e na súa dignidade- estamos ó tempo a traballar pola divinización do mundo. Esa é, en definitiva, a meta, o fin da aparición entre nós de Xesús, no que Deus, a humanidade e o mundo formamos xa en realidade e tamén en proxecto unha misteriosa e inconcibíbel unidade. Estamos, si, chamados todos en Xesús e por medio de Xesús, o Deus humanizado, a sermos moi humanos. Mais ese é tamén o único camiño para facérmonos moi divinos, á imaxe de Xesús que era “un” co Pai.
Por iso nos fala Xoán tamén, na 2ª Lectura, da plenitude da nova vida que se nos abrirá trala nosa morte particular. Daquela non teremos xa “máis fame nin sede”, porque a nosa vida estará entón unida á de Deus mesmo, que é a mesma fonte de vida e de plenitude.
* (17 de abril 2016)