Nunca debemos esquecer que tanto os profetas como calquera que, en todo tempo ou lugar, proclame a necesidade de practicar o ben ou que simplemente faga o ben e se comporte como cómpre na súa vida, todos eles, están movidos polo espírito de Deus. El actúa sempre no mundo por medio dunha ou doutra persoa. Todos deberiamos aguzar oído, vista e corazón para escoitar, albiscar ou sentir os sinais que, dunha ou doutra maneira, nos chegan del a nós por medio da bondade e humanidade de tantas persoas. Porque el é sempre o misterioso creador e sorprendente impulsor de todo ben que ocorre na terra, e moitas veces de maneira inesperada para nós.
Hai xa anos que son coñecidas polos técnicos e mais pola xente (polo menos de oír falar delas) unhas que chaman tuneladoras que realizan un traballo moi complexo, furando debaixo da terra para construíren con rapidez e comodidade grandes obras, como vías para trens, etc. Hai xa un par de anos furaron nas proximidades de Vigo para o acceso do AVE á cidade olívica dúas destas tuneladoras que levaban nomes de dous candorosos seres vivos: “Miñoca” e “Lebre”.
Pois ben, o Bautista era, na dimensión social e relixiosa, algo así como unha especie de tuneladora, un proclamador e facedor de grandes obras, no caso del obras morais. Viña sendo como un animador do comportamento moral das persoas para que o Deus que estaba e está sempre a vir non se atopase con tantos atrancos no súa vinda onda nós. O Bautista intentou, de maneira semellante ó que hoxe en día fan os enxeñeiros e obreiros por medio desas grandes máquinas, achanzar o camiño moral para que, en definitiva, as persoas e os pobos puidesen vivir en paz e xustiza, unidos e irmandados entre si.
O Advento é un tempo dedicado a preparármonos para a vinda, a chegada de Deus onda nós. A vinda dun Deus, que naturalmente está desde sempre xa onda nós, pero que quere facerse cada vez máis activo e presente en todos e cada un de nós. El non forza a ninguén a entrar no seu Reino, mais non deixa por iso de convidarnos a cotío a un encontro cada vez máis estreito con el. Cada un de nós poderá saber, ou polo menos sospeitar, que tipo de atrancos lle poñemos para se facer verdadeiramente presente nas nosas vidas.
En calquera caso, non deberiamos enganarnos. O encontro paternal e filial de Deus con nós, que se realiza en Xesús, non chegará a se facer realidade verdadeira mentres non saibamos encontrármonos fraternalmente con calquera persoa coa que nos atopemos na vida. Por iso o “preparade o camiño do Señor, endereitade os seus vieiros” do Bautista vén coincidir de feito co esforzo particular e grupal que deberiamos practicar por derrubar barreiras e valados que entorpezan o camiñar das persoas e dos pobos cara á súa liberdade, cara ó seu desenvolvemento, xeral e particular, nos eidos cultural, social ou relixioso. Pois Deus só pode vir onda nós e atoparse a gusto con nós cando vaiamos construíndo, el con nós e nós con el, un mundo onde haxa xustiza, paz e mutuo entendemento. Porque, tal como escribe o apóstolo Pedro, na súa carta de hoxe, “nós, conforme á súa promesa (é dicir, conforme á promesa de Deus), esperamos un ceo novo e unha terra nova, onde exista a xustiza”.
Cara aí haberá de camiñar o noso esforzo, individual e comunitario. Cara a ese novo ceo e nova terra, que rexeitará como vello todo o anterior, pero que certamente terá o seu asento na xustiza, no amor e na igualdade ou fraternidade. Gloriámonos moito e con razón da cantidade de adiantos técnicos que podemos advertir e admirar durante o tempo que dura unha curta vida como a nosa. Do mesmo xeito, deberiamos tamén desexar que os nosos adiantos morais, que tanta relevancia teñen para a felicidade das persoas e dos pobos, non tivesen un ritmo inferior.
O Bautista chamaba seguramente a atención dos seus contemporáneos vivindo no deserto, vestindo e comendo pobremente. Ese consecuente modo de se comportar atraía a xente cara a el. Nin ía campado con roupa de marca, nin podía convidar a ninguén a beber con el un viñiño dunha selecta denominación de orixe. Para vivir, éralle a el abondo, como comenta o evanxelista Marcos, con manterse “de saltóns e mel bravo”.
Mais non o dubidemos. O Bautista sentíase seguramente feliz no seu papel de precursor, na súa tarefa de anunciar e proclamar o ben, a xustiza e o arrepentimento polos malos comportamentos. El sabía que as velas da súa barca estaban ben inchadas polo vento do Espírito de Deus e aturaba así con paciencia e bo ánimo calquera contratempo que puidese xurdir. O importante para el era saber que o vento de Deus era o que movía e impulsaba a súa vida ó servizo do que ía vir: do Mesías, o Deus encarnado que se convertería desde entón e para sempre en irmán maior noso, de tódolos homes e mulleres da humanidade toda.
Traballemos, pois, conxuntamente para que esta proxectada e iniciada irmandade se vaia facendo realidade, cada vez máis ampla e intensa, no noso mundo.
*7 de Nadal de 2014