todos din que teñen alma de muller,
pois eu que n’as canto, Virxe da Paloma,
Ay!, de que a terei?
Traemos aquí estes versos como exemplo da consciencia rosaliana a respecto das súas transgresións. Rosalía coñece a súa función como escritora no medio dun movemento colectivo de recuperación lingüística. Os seus textos transmiten as sutís distincións existentes entre persoas usuarias do galego e público receptor da súa obra, como ben indicou ao afirmar aquilo de que “As multitudes dos nosos campos tardarán en ler estes versos, escritos a causa deles, pero só en certo modo para eles”. Recoñece así formar parte dun movemento de orixe (semi)urbana, por moito que denunciase a situación das clases populares. Rosalía e os seus contemporáneos diríxense ás persoas ilustradas, a unha elite intelectual, para tentar movelas cara a unha identificación co país. Poderiamos sinalar que este público receptor está conformado por persoas que tiñan o galego como lingua próxima, quer por seren criadas nela, quer por percibíreno no seu contorno e mesmo podéreno utilizar ocasionalmente.
Rosalía planifica perfectamente. Non están no centro do seu horizonte inmediato de recepción as clases populares, que xa empregan espontaneamente o galego nin as persoas que o atacan. Están esoutras que, pola súa instrución, mais tamén pola súa orixe e/ou relación directa cos espazos de uso cotián do galego, poden contribuír a unha mudanza de actitudes e a prestixiar, cando menos literariamente, “o noso dialecto”.
A maneira de defender a patria é, desde a súa primeira obra e inequivocamente, a través da lingua: “Has de cantar”: “Canta, si queres, / na lengua que eu falo” [...] “Cantarte hei, Galicia / na lengua gallega, / consolo dos males, / alivio das penas”. Eis unha declaración de intencións a través do canto, que podemos identificar perfectamente coa lingua. A transcendente idea da necesidade de cantar (e de cantar en lingua galega), de falar, de se expresar aparece máis veces, de xeito simbólico, ao longo das composicións de Cantares gallegos. Existe unha constante presenza da expresión como instrumento de construción e de autoaformación.
A intencionalidade colectiva que subxace nos seus poemas (“Así mo pediron / na beira do mare”) acompáñase coa escolla de abordar o seu reto desde as pequenas cousas, dando voz a “todo aquelo, en fin, que pola súa forma e colorido é digno de ser cantado”. A reivindicación da modestia como punto de inicio aparente fica explícita novamente no último poema, onde tamén se observa a enerxía e a soltura adquirida tras a viaxe poética, que posúe tamén unha relectura (socio)lingüística:
Eu cantar, cantar, cantei,/ a grasia non era moita, / que nunca (delo me pesa) / fun eu meniña grasiosa. / Cantei como mal sabía / dándolle reviravoltas, / cal fan aqués que non saben / direitamente unha cousa. / Pero dempois paseniño, / i un pouco máis alto agora, / fun botando as miñas cántigas / como quen non quer a cousa.
[...] Non me espriquei cal quixera / pois son de espricansa pouca; / si grasia en cantar non teño / o amor da patria me afoga.
Rosalía non pretende conciliar ámbitos de uso, acrecentalos, xustapoñelos; ela non quere unicamente elevar o galego ao ámbito do público e prestixialo. A súa intención última reside en romper –e/ou fusionar, o que é máis interesante, ao unir maxistralmente o individual e o colectivo- coas esferas do público e do privado. Neste mesmo eixo temos que situar o seu afán de superar a dicotomía clásica entre progreso e sentimento, entre obxectividade e subxectividade, na procura do que denominariamos modernamente unha ollada desde a interseccionalidade. A súa perspectiva parte da indagación nas pequenas cousas, desde unha aparente humildade que daría cabida a cantar o privado, na aposta por uns valores estéticos e lingüísticos baseados no popular, mais tentando transcendelos. Na construción do imaxinario colectivo serán as escollas paisaxísticas as que ofrezan, metonimicamente, un todo global da Galiza. E a unión de lingua e paisaxe é central nos Cantares.
Rosalía opta por unha análise parcial e localizada, situando a raíz do problema nun nivel que procura a responsabilidade social ao tempo que conmove as conciencias. O seu discurso rupturista é evidente en moitos dos seus versos, mais quizais sexan estes, os tan malentendidos e deostados de “Castellanos de Castilla”, os que fagan explícita a través do canto a autoafirmación e a construción que discorre, case sen nos decatarmos, dun eu a un nós a través da descrición positiva da natureza que nos rodea:
Pero máis val que enmudesa, / pois tes condición de ingrata; / que predicar en deserto / da miña terra n'é usanza. / Si fun curpabre en quereros / coma ningún vos amara, / por ser de terra gallega / e serdes vós castellana, / en paz, señora, vos deixo / ca vosa soberba gracia, / e voume á Galicia hermosa / donde en xuntanza me agardan / o que no tendes, señora, / i o que en Castilla n'achara: / campiños de lindas rosas, / fontiñas de frescas auguas, / sombra na beira dos ríos, / sol nas alegres montañas, / caras que nacen sorrindo / e que sorrindo vos aman, / e que inda mesmo morrendo / en sonrisiñas se bañan. / Alí, señora, contento / cantando o doce ala lala, / baixo a figueira frondosa, / en baixo da verde parra, / c'aquelas frescas meniñas / que mel dos seus labios manan, / cando en falar amoroso / meigo nos din en voz maina / con tódalas de Castilla / nobrísimas castellanas / olvidareivos sin pena, / anque sós vós tan fidalga.