A bordo dun autobús, os vinte e cinco integrantes da expedición chegamos ao aparcadoiro de Chan de Mamas (por riba dos 950 m de altitude) a iso das 10:30 h dunha mañá óptima para o paseo, malia que no horizonte se albiscasen as chuvias de contra a tardiña.
Naquel planalto, por moita bonanza que reine no val, as temperaturas son adoito un chisco máis baixas. Estes valores numéricos vense acentuados pola airexa incesante que inflúe de xeito considerábel na sensación térmica. Para que nos entendamos, no monte do Seixo un sempre sente máis frío do que en realidade vai; xa que logo, cómpre ir provistos de roupa de abrigo. Mellor que sobre ca que faga falta. Este é un bo consello para os que xa temos unha idade, porén, bendita mocidade, algún machotiño baixou do autocar en camisola e pantalón curto, aturando o fresquío sen engruñamento ningún.
Os que nos dedicamos á docencia ben sabemos que, ao respecto das actividades ao ar libre, todas as recomendacións que lles poidamos facer aos rapaces caen sempre en fol rachado. Esta é unha das moitas batallas perdidas. Tamén é certo que os que hoxe profesamos o maxisterio fomos, xacando, alumnos e, así que botemos a vista atrás, deberemos recoñecer que ninguén está libre de pecado.
A visita do alumnado do IES de Forcarei ao monte do Seixo podémola cualificar de histórica, xa que, case dez anos despois de inaugurado o “Roteiro da Montaña Máxica” (decembro de 2005), na xornada do pasado venres (marzo de 2014), un centro de ensino pertencente a un dos cinco concellos que estreman naquela montaña (Cerdedo, Forcarei, Beariz, A Lama e Cotobade) materializaba o seu interese por coñecer o rico e fascinante patrimonio material e inmaterial do Seixo, primorosamente distribuído en máis de trinta estacións míticas que abranguen uns 24 km2 de superficie, espazo ao que dei en outorgarlle o cualificativo de parque temático da nosa mitoloxía popular. Nunca é tarde.
Para os que gustan da estatística, engadirei que, dende aquela primeira edición, levo guiado polos distintos roteiros deseñados para a montaña a 2.426 persoas, algarismo que supera con creces, por exemplo, a poboación do concello de Cerdedo. Así mesmo, débense contar por milleiros os que, pola súa conta, auxiliados co mapa de rotas anexo á publicación Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas (2008), escolleron a privilexiada paisaxe montesía para investir as súas horas de lecer e entretemento.
Hai uns días, en Cerdedo, alguén que segue de perto as andanzas de Capitán Gosende, recoñecía o moito ben que as nosas iniciativas culturais fan na hostalaría local. Agradecemos os afagos e, valorándoos na súa xusta medida, conviremos en que, cando menos, o “sistema Gosende” florece como alternativa ilusionante nun ermo de absentismo, desleixo, derrota e incompetencia. Mágoa que a controvertida autoridade só demostre habelencia na xestión do seu chope forestal. Por outra banda, a socorrida estratexia de abandeirar as reivindicacións veciñais co obxectivo de eludir responsabilidades acabou por darlles a razón aos que pensan (agora en voz alta) que os causantes dos problemas xamais nunca serán a solución.
A rapazada do Chano Piñeiro completou sen novidade e contra o reloxo os 2 quilómetros e medio de percorrido, pois, os excursionistas debían estar de volta en Forcarei ás dúas da tarde. Cumpría camiñar lixeiros, tamén para correr o frío, mais conviña, asemade, pór no coñecemento da rapazada o saber transmitido, boca a boca, a través dos séculos.
As novas xeracións teñen a obriga de difundir a sabenza popular, enxalzar a nosa tradición cultural que, amais de honrar os devanceiros, nos erixe como pobo diferenciado. No tocante ao monte do Seixo, a estes mozos, futuros mandatarios da bisbarra, tocaralles, antes ou despois, rectificar os moitos erros cometidos por quen consentiu a transformación da montaña sagrada nunha vulgar instalación industrial.
A sacralidade do monte non é tema de discusión, pois, alén das romaxes da Santa Mariña (18 de xullo) e da Cruz do Seixo (24 de xullo), o labor de divulgación que ao longo destes anos veño facendo de Portalén e mais da súa ritualidade asociada, conseguiron que, á roda do singular afloramento rochoso, se amoreen hoxe innúmeros exvotos e ofrendas (candeas, ramos, efectos persoais...), depositados polos devotos peregrinos do Maís Alá, como ben puidemos comprobar na xeira do venres.
É difícil convencer a quen visita o monte do Seixo de que tras toda aquela chatarra espaventada se agocha un cemiterio neolítico, un outeiro da fertilidade, unha pedra abaladoira, un cortello lobeiro, un altar heliolátrico, a porta do Outro Mundo ou o Marco do Vento, a meirande pedrafita da Galiza; ás veces, o arboredo eólico non nos deixa ver o bosque. Así e todo, o máis complicado é asumir que os artífices da desfeita ficaran impunes.
Calros Solla
Faro de Vigo-Terra de Montes (30-3-2014).