Xoán Carlos Garrido
90 anos despois de Castelao alí estaban máis unha vez recreadores de cultura, cultivadores en definitiva que desde os seus ámbitos representan moitos outros que polo país adiante están a manter vivo o facho da nosa dignidade. Desde a investigación da nosa cultura e literatura, creación poética e literaria, musical, fotografía, escultura, vídeo, teatro, etc... e sobre todo o asociacionismo de base que lle dá pulos e soporte a toda esta creación, alí estaban representados. Asociacións como O Galo Vagalumes da federación Galiza Cultura, ou do entorno do Pico como son as de Boqueixón e Vedra. Citar a Abelardo Rendo, Marisa Otero, Mª Antonia Pérez, Pepe Penabade, Valdi, Xosé Luís Santos Cabanas, Iolanda Aldrey, Francisco Fernández Rey, Maria Xosé Sánchez Sebio, Mini e Mero, e outros nomes dos que subliñamos o de Xan Muras que deixou testemuño fotográfico desta xeira como no seu momento fixera Pedro Brey. Fálanos Iolanda Aldrey de como grazas a Xan conservamos a imaxe da Pena do Corvo nas súas fotografías aínda que, como ela ten dito, moitos aínda teñen presente no seu espírito ese penedo tan cheo de lendas que servía de faro para orientar a creación compartida dunha comunidade que empregaba como lugar común. Unha Pena do Corvo destruída pola voracidade, polo ánimo lucrativo dun empresario franquista que segue poñendo ao servizo do seu beneficio particular o que é de todos e todas.
Agardamos que non aconteza o mesmo cun pico Sacro ameazado por unhas canteiras que día a día van achegándoselle como o chapapote do Prestige se achegaban ás nosas rías cando Mini e Mero compuxeron un dos himnos máis fermosos e intelixentes adicado á resiliencia dun pobo:
Imos estando por aquí,
levamos séculos aquí,
neste sen norte.
Con esta fala e este ser,
con este eterno escurecer,
con esta noite.
Imos do fondo de vagar,
sen intención de renunciar
as madrugadas.
E seguiremos por aquí,
eternamente por aquí,
fato de mentes aluadas.
Pois procuramos unha luz,
a nosa historia, esa luz
que non se apaga.
A luz de ser chegando a ser
un camiñar de pobo e fe
en alborada.
E arredaremos dunha vez
o voso noxo, o voso fel
que nos desnorta.
Odio que tedes cara nós,
odio tamén de vós para vós:
Guerra de idiotas.
A Matria clama a corazón,
en liberdade, na razón
no sufrimento.
Vós reclamades quer vivir
no privilexio de esixir
sometemento.
Nada vos queda por facer
a vosa teima fai crecer
a nos a loita.
Sempre volvemos renacer
sempre xurdimos outra vez
tras mil derrotas.
E aquí estaremos ó final
en pé de Matria comunal
coa luz na porta.
Con esa luz que nos negou
tanta mentira que borrou
a nosa historia…
imos estando por aquí, levamos séculos aquí…
Benvida de Xosé Luís Santos Cabanas
Alba de Gloria
Mini e Mero na Capela
Reportaxe fotográfica 2014
Alba de Gloria |