A Asociación Cultural “Vagalumes” presentará o vindeiro sábado 6 de maio o libro “Funámbulas” de Charo Valcárcel. O acto terá lugar na sala Abanca da Estrada, ás 20:00 h. e nel intervirán a autora, Charo Valcárcel; Iria Morgade e David Otero.
Os relatos de Funámbulas están protagonizados por mulleres que se ven obrigadas a facer arriscados equilibrios na perigosa fronteira da violencia, a inxustiza, a soidade, a cordura, a vinganza... Hai mulleres que non son mulleres, hai outras que só son unhas nenas, hai mulleres maduras e mulleres novas, mulleres soas e mulleres acompañadas, pero unhas e outras son funámbulas sobre o delgado fío no que se converteu a vida baixo os seus pés. Charo Valcárcel Mato, nada en Vinseiro (A Estrada). Foi profesora de lingua e literatura galega no IES Valle Inclán de Pontevedra. Logo do libro de poesía “Cando os bosques sintan frío”, proponnos neste libro de relatos protagonizados por mulleres situacións nas que estas se ven obrigadas a facer arriscados equilibrios na perigosa fronteira da violencia, a inxustiza, a soidade, a cordura, a vinganza... Hai mulleres que non son mulleres, hai outras que só son unhas nenas, hai mulleres maduras e mulleres novas, mulleres soas e mulleres acompañadas, pero unhas e outras son funámbulas sobre o delgado fío no que se converteu a vida baixo os seus pés. A Asociación Cultural “Vagalumes” presenta o libro de Calros Solla “O pote de ouro” o vindeiro sábado 22 de abril ás 20:00 h. na sala Abanca de A Estrada. Intervirá o propio autor, Calros Solla e o escritor e investigador Héitor Picallo.
Os tesouros son, sen lugar a dúbidas, os seres máis extraordinarios e sublimes da mitoloxía galega. Calquera outro numérico, seráfico ou diabólico– foi concibido polo estro popular para servilos de avatar, espantallo, séquito ou paladín. Arredor dos máxicos tesouros, enfrascados na súa salvagarda, rebolen mouras, mouros, fadas, serpes, lagartos, demos, trasnos, xigantes ananos…; e a preservación da súa transcendental integridade é leitmotiv nos contos da tradición oral. “Para liquidar aos pobos comézase por arrebatarlles a memoria, destruír os seus libros, a súa cultura e a súa historia… despois diso, os pobos van esquecendo lentamente o que son e o que foron” (Milan Kundera) Lola Varela Dionísio Pereira O día 29 de abril e coa denominación de Burla Verde, está convocado en Sabucedo un grande encontro de colectivos e xente de toda Galicia baixo o lema “pola defensa da terra”. O noso sentir está sen reservas coa iniciativa, mais nas distintas actividades previstas atopamos unha falta sensible: a de lembrar e reivindicar que esta terra, a Terra de Montes, soubo de rexas loitas a prol do territorio que deixaron pegada na veciñanza. Velaí: Ao longo dos anos 40 do século XX acelerouse a repoboación forestal masiva dos montes comunais por parte do consorcio formado por Patrimonio Forestal del Estado, a Deputación Provincial e os Concellos, perdendo a veciñanza o seu control e os usos tradicionais do monte en detrimento das capas máis humildes. Daquela, houbo resistencias locais; a comezos dos 50, na parroquia cerdedense de San Martiño de Figueroa a veciñanza (a maioría mulleres, xa que os canteiros andaban na emigración) negouse á prestación obrigatoria esixida para os traballos de repoboación, obrigando á Forestal a traer xente de fora. E houbo tirapuxas cos gardas polas multas que impuñan a quen levara gando ao monte. Como resultado, varias mulleres de Figueroa foron presas pola garda civil e pasaron días na cadea. Algo semellante ocorrera pouco antes en San Isidro de Montes, onde o abade Erundino Gago (natural de Quireza) apoiou á veciñanza no seu preito contra o Servicio Forestal de Pontevedra e o Concello de Campo Lameiro,por terse apropiado dos comunais. Anos andados, correndo 1977, a revista Teima daba conta da paralización por parte de FENOSA do proxecto de construción dun grande encoro en Dorna, que ía afectar ao 70% dos mellores lameiros do Concello de Cerdedo. Sitios como Vichocuntín e OSerrapio ían quedar asolagados e outros como Fondós, Bugarín ou Pedre (coa súa ponte medieval), moi afectados. Diante disto, a veciñanza reaccionou e acadou unha cumprida compensación económica coa que puido repoñer a vida que lles era arrebatada. Mais o encoro nunca se fixo.. Mediado os anos 90 unha nova ameaza pairou sobre Cerdedo. Saturado o vertedoiro de O Rapadiño (Cerponzóns) onde se amoreaba o lixo de Pontevedra e Sanxenxo,na procura de alternativas polos arredores ambos concellos estiveron a piques de aceptar a proposta dun particular que mercara varias parcelas no monte de Vilar de Figueroa, para dedicalas a tal fin. Entre a Comunidade veciñal de Vilar e a AAVV “San Roque” de Cerdedo paralizouse este despropósito xa que, ademais de prexudicar á veciñanza pola proximidade das vivendas, ese vertedoiro podería danar augas subterráneas e os camións de grande tonelaxe esnaquizar camiños e pistas, entre outras consecuencias. A Plataforma pola Defensa do Lérez creouse no ano 2000 por asociacións veciñais, ecoloxistas, comunidades de montes, entidades culturais tal que a Asociación Ecoloxista e Cultural de Terra de Montes “Verbo Xido”, partidos políticos… para frear o proxecto de FENOSA de instalar 6 minicentrais ao longo do río, desde Cerdedo ate Pontevedra. A construción dos encoros sería, máis una vez, unha ameaza para a ponte e a calzada romana de Pedre, afectando ao coto troiteiro e ás augas medicinais de San Xurxo de Sacos. Tras dura confrontación, o proxecto se concretou só con 3 minicentrais. A loita contra a ampliación dos parques eólicos que xa existían na Serra do Cando e a implantación dalgún novo nos montes de Quireza e Montillón, foi unha das actividades senlleiras da Asociación de Terra de Montes “Verbo Xido” entre 2002 e 2004, en apoio da veciñanza afectada. Marchas polo monte, alegacións e actos de denuncia, permitiron que os plans iniciais ficaran en auga de castañas. “Non ao AVE por Terra de Montes” foi un lema constante de“Verbo Xido” a partir de 2004, data na que UGT propuxo o trazado por Cerdedo malia afectar á Rede Natura 2000 e poñer en perigo a gandeiría extensiva e o patrimonio arqueolóxico, etnográfico e artístico da zona, causandoa maiores un grave impacto ambiental. Hoxe é un proxectosemi-paralizado pola falta de investimento privado, pero que certos intereses políticos teiman en resucitar. Divulgar a situación dos ríos e aumentar a concienciación ambiental a través da participación cidadá, son obxectivos do “Proxecto Ríos”, creado por ADEGA no 2005 e no que “Verbo Xido” colaborou durante varios anos limpando o río Quireza. E tamén se fixo un seguimento dos verquidos da canteira de Malvar ao río Castro e da construción da minicentral de Cernados. Ao cabo, no ano 2013 varias empresas multinacionais alentaron unha megamineríade tantalio, estaño e litio en Presqueiras. O proxecto, prexudicial para as actividades agro-gandeiras e forestais, causou moita inquedanza na zona pola masiva utilización de auga no procesamento do mineral. Así ficou ás claras por partede os presidentes das Comunidade de Montes de San Miguel de Presqueiras e de Xirarga, a representante do Sindicato Labrego e o da rede ContraMINAcción nun acto organizado por“Verbo Xido”. Logo, non se volveu falar da iniciativa, malia que a ameaza persiste en bisbarras colindantes como O Suído. As resistencias de antes e as de agora forman parte dunha cadea que ven de moito atrás e continúa ate os colectivos actuais que defenden o territorio, caso do “Capitán Gosende”, o Galpom Social "A de Rousmeri" e, sobre todo, da “Alarma na Terra de Montes”. Recuperemos, pois, a memoria desta teima resistente para que ocupe o lugar que merece na identidade colectiva da nosa maltratada Terra de Montes. O próximo sábado, 15 de abril, ás 19:00 h. terá lugar a presentación d´O libro negro da lingua galega, organizada pola AC Vagalumes. No acto intervirá o autor, Carlos Callón, profesor de Xeografía e Historia no Instituto Español de Lisboa e doutor en Estudos Lingüísticos e Literarios do Galego e do Portugués. É tamén presidente de honra da Mesa pola Normalización Lingüística e activista incansábel na defensa do noso idioma e na loita pola súa normalización social. O libro negro da lingua galega céntrase na recollida e divulgación de documentos de diversas orixes (xurídicos, intervencións e debates en cámaras de representantes, artigos xornalísticos, noticias, testemuños persoais…) cos que o autor demostra, tal e como se indica no subtítulo do libro “Quiñentos anos de represión e silenciamento” da lingua galega nun período que abrangue dende finais do século XV até finais do XX. O primeiro chanzo na listaxe de agravios, ofensas e prohibicións que constitúen a cerna d´O libro negro da lingua galega corresponde ao 1480, ano en que en reunión das Cortes en Toledo se adopta unha decisión que acabará por eliminar a nosa lingua dos documentos administrativos e notariais: a obrigatoriedade de examinárense en castelán, no Real Consejo de Toledo, todos aqueles que quixesen acceder ao cargo de escribáns públicos. A última parada na antoloxía de afrentas escolmadas por Carlos Callón corresponde ao ano 1986, coa sentenza do Tribunal Constitucional que converteu a suposta cooficialidade entre galego e castelán nunha ficción, ao anular a posibilidade de equiparar as dúas linguas en dereitos e deberes. A subordinación do galego ao castelán quedou fixada pola propia lei: a cidadanía galega ten o deber de coñecemento do castelán e, con respecto ao galego, tan só o dereito. Son os dous exemplos, o de 1480 e o de 1986, os que serven de marco a un longo conxunto de leis, accións, condutas e opinións prexudiciais, daniñas e ofensivas cara a nosa lingua. Fica sobradamente demostrado, ao longo das páxinas d´O libro negro da lingua galega, que a a galegofobia existiu e existe, que o castelán foi imposto pola forza na Galiza e que houbo políticas lingüísticas contrarias á nosa lingua dende hai séculos (e non só na época franquista). Os poderes públicos, inicialmente casteláns e posterioremente españois, trataron e tratan a nosa lingua con odio, desprezo e animadversión e conducírona até o estadio avanzado no proceso de substitución lingüística en que se encontra na actualidade. Mediante o coñecemento do pasado pode entenderse mellor a situación no presente e saber que é o que debemos facer para recuperar falantes e conseguir a normalización. E ese é o obxectivo do autor. |
Un proxecto de:Colaboracións
Tudo
Estamos en:Histórico
Dezembro 2024
Tabeiros Montes (Portal cultural de Tabeirós-Terra de Montes) de Asociación Cultural "Vagalumes" e Asociación Cultural e Ecoloxista "Verbo Xido" ten unha licenza Creative Commons Recoñecemento-Non comercial 4.0 Internacional. Con base nunha obra dispoñíbel en http://www.tabeirosmontes.com/. Os permisos alén do foco desta licenza pódense atopar en http://www.tabeirosmontes.com/colabora.html. |