Dionisio Pereira
Os “camisas viejas” falanxistas agromarán tanto en Cerdedo como en Soutelo de Montes en acomodadas familias dereitistas, vinculadas en distinto grao ao poder municipal da Restauración: os irmáns Manuel, Luis, Francisco e Ángel Gutiérrez Torres, emparentados con Carmen Díaz, viúva do alcalde (1920-23) Serafín Sieiro Moreira; Jesús Taboada Cachafeiro, fillo do rexedor (1927-28) José Taboada Mouteira; Antonio Sieiro Giadás, neto do ex secretario do concello José Giadás Otero; Julio Bugallo Cachafeiro, alicerce dos Flechas y Pelayos en Quireza, familiar directo de Secundino Bugallo Sieiro, secretario municipal até a Fronte Popular….Como contrapunto, nesta Falange (FE) primixenia tamén houbo afiliados de orixe humilde, caso do construtor da Ínsua Gerardo Cadavid ou do xornaleiro radicado en Quireza Ramón Bao, persoa de pésimos antecedentes.ii
En Soutelo seguiuse o mesmo patrón: os primeiros falanxistas foron, xunto co crego da Madalena Aquilino López Picón, os irmáns Ángel e César Ballesteros Gutiérrez, curmáns dos Gutiérrez de Cerdedo e pertencentes a unha abastada familia, así como os transportistas José e Vicente García Dapena, xunto co mestre José Couceiro Taboada. Mentres, en Forcarei os pioneiros foron o canteiro José Vilaboa Escudero e o mestre Francisco Filgueiras Gulías.
No devalo republicano, este fato de fascistas contará coa colaboración a cada máis estreita de mozos dereitistas procedentes das JAP en accións que comezaban a ter un aquel violento, caso da tentativa de asalto á Casa do Pobo de Castro, a rotura de pasquíns do Estatuto en Cerdedo ou un incidente con esquerdistas de Figueiroa en Baloutas. Daquela, unha vez que a Guardia Civil domina Cerdedo o 21 de xullo, algúns deles vanse incorporar de contado á FE, caso de Nilo Sieiro de Castro, Manuel Camba de Pedre ou do cerdedense José Caramés Giadás, fillo do ex alcalde Caramés. Ademais, durante os primeiros tempos da guerra a FE cerdedense continuou a recibir achegas procedentes de RE; pola súa significación posterior nas tropelías, citaremos á tendeira de Outeiro-Quireza, Paulina Bugallo e a Bernardino Torres “O Ferrador”. Naquel ano, pois, FE contaba con 60 afiliados en Cerdedo, 52 en Forcarei e 54 en Soutelo, aos que se deberían sumar a Sección Femenina e os Flechas.
Canto á Guardia Cívica ou Somatén, ficou conformada en Forcarei a partir do 22 de xullo e na capital cerdedense poucos días despois; no primeiro concello, o delegado de Orden Público Sabino Mariño alentou a súa creación e armamento por parte da Guardia Civil, contando coas armas requisadas aos esquerdistasiii. Na súa composición tamén albiscamos, quer persoas de procedencia social acomodada, quer xente sen oficio estable: “homes do aire”, acaída expresión que definía aos cerdedenses Laurentino Barros, Secundino Horta “Lapote” ou “Chan da Vela”, implicados nas accións punitivas. Porén, as actividades dos “cívicos” estiveron intervenidas polos falanxistas, que ocuparon os postos de responsabilidade da milicia: eis, Paco Filgueiras e José Pérez, en Forcarei; o mestre Secundino Jorge e o comerciante Antonio Troitiño, en Cerdedo; José Couceiro e José García Dapena en Soutelo.
Detencións e sacas
Tras o golpe, falanxistas cerdedenses armados aseguraron xunto coa Guardia Civil o control da vila, requisando armas, vehículos e radios. Logo, foron destinados pola Comandancia da Guardia Civil de Pontevedra á limpeza de Tui e contorna, retornando a fins de xullo á capital, onde o naquel entón xefe provincial de FE Felipe Bárcena, tomou a iniciativa de concentrar a militancia no seu Cuartel de Milicias sito na antiga Normal de Maxisterio, como fase previa á organización da rama pontevedresa da Bandera Legionaria Gallega de Falange. A comezos de agosto, pois, estaban alí falanxistas cerdedenses e souteláns, como Manuel e Luis Gutiérrez Torres, Antonio Sieiro, José Caramés Giadás, Gerardo Cadavid ou Venancio Otero, entre outros. Dende entón e até a partida da Bandera para a fronte o 19 de agosto, ían e viñan aos seus lugares de orixe, colaborando coa Guardia Civil nas represalias. Velaí, descrita por un miliciano acuartelado, unha “razzia” realizada o 2 de agosto en Folgoso:
…Allí me pasé el resto de los días hasta que vinieron los de C. [Cerdedo] y nos llevaron por la parroquia a registrar las casas y buscar armas…[Referíndose agora a un veciño de Folgoso alcumado “O Xipas”, continúa]: …recibió una paliza de las terribles el día que vinieron a recoger las armas de todos los sospechosos y cuando (venía un G.C. y varios jóvenes)…le llevaron a C. y le calentaron las costillas de una manera que a mí me impresionó desagradabilísimamente.iv
Malleiras, por certo, nas que se distinguiron os gardas Jesús Maceiras e Desiderio Carbajo, de Cerdedo e Forcarei, respectivamente, a carón do “cura trabucaire” Picón armado de pistolón e fusta, empregada a eito en ambos cuarteis e nunha “checa” a modo de cuarteliño que os falanxistas souteláns argallaron na Plaza de los Jueces Merinos, diante da pasividade das novas autoridades. Algo que, por certo, se repetirá en Quireza, onde os falanxistas requisaron unha casa para tal cometido.
Durante a primeira metade de agosto e arroupada por un afervoado clima bélico levouse a cabo unha sistemática xeira de detencións, dirixida aos resistentes dos días 19 e 20 de xullo e a certos cargos políticos republicanos. Nese tempo, foron recluídos quer no Cuartel de Cerdedo, quer na “checa” de Soutelo, Severino Bugallo, José Torres, José Cortizo, Manuel Garrido, José Taberneiro, Jesús González, Francisco Arca, Secundino Bugallo Iglesias, etc…Nas redadas, tomaron parte a Guardia Civil, “camisas viejas” e “cívicos”, tal que Manuel Gutiérrez, Antonio Sieiro, “Ferrador” ou “Lapote”, de Cerdedo, Barreiro “O Mengo” e os irmáns Ballesteros de Soutelo, Paco Filgueiras ou Camilo Dapena, de Forcarei, entre outros, obviándose ás veces a xurisdición territorial das respectivas falanxes locais.
O procedemento adoitaba ser: detención pola “fuerza” mixta; ingreso no “cuartelillo”, atestado e interrogatorio conxunto por parte da Guardia Civil e dos “cívicos”; posta a disposición do Delegado de Orden Público ou Comandancia Militar; reclamación por orde verbal ou escrita da superioridade (Delegación Orden Público, Comandancia Guardia Civil, mando militar)….Mais ás veces a cadea crebaba e os milicianos actuaban ceibos. Tal aconteceu a fins de xullo, cando Picón ao mando “de varios guardias civiles y voluntarios” asaltou a casa do líder do PSOE forcareicense Alfredo Iglesias, para facerse á brava con diversas probas de cargo. De feito, é “vox populi” a ascendencia daquel crego sobre a garda civil, tanto de Soutelo como de Cerdedo.
Na segunda semana de agosto, todo mudará. Sen que nada semelle casual, a “superioridade” (segundo fontes orais, a Comandancia de la Guardia Civil de Pontevedra, encabezada polo comandante Joaquín Velarde y Velarde) decidiu facer un escarmento e o día 11 ordenou a un fato de destacados falanxistas cerdedenses e souteláns (escollidos, se acaso, entre a militancia máis probada) o traslado dos seis primeiros presos ata o Cuartel de Milicias da FE de Pontevedra. Ao día seguinte, catro deles aparecerán mortos nunha gabia da estrada de Pontevedra a Santiago, na altura de Alba. Velaí o relato de J.C.C.:
…Otro día a las 6 de la mañana…, entraron seis o siete hombres conducidos por unos falangistas. Cuando me fijo veo a Severino, a Cortizo de Barro y algún otro que me parecía cara conocida. Aquello lo tomé como una detención corriente…los que los fueron a buscar no puedo recordarme, pero creo que andaba por medio el cabo aquel de regulares v….Creo que los metieron en el calabozo que había enfrente de la entrada…Al final del día estuvimos con Pablo Redondo vi para pedirle permiso…y lo encontramos irritadísimo, pero como estaba D. Aquilino vii accedió. Allí según parece estaba el tira y afloja de si se salvan o mueren o si queda alguno o mueren todos. Yo ni por asomo me pasaba por la cabeza lo que se iba a realizar...aquellos 6...era demasiado. Al día siguiente fui a Folgoso y allí me dijeron que los fusilaran…Lo de los 6 anteriores no pude saber nada…no sé si fueron de Cerdedo, algún falangista, pero creo que sí por rumores y porque había nerviosismo en algunos viii.…También me enteré que habían librado a Severino, que tuvo que ser por gestiones de su cuñado Vicente ix, con D. Aquilino por medio. Que uno de los que iban en el grupo no murió x y que después de marcharse los fusiladores se levantó y se fue hasta su casa a través de las montañas guardándolo la mujer.….
24 horas despois, Arca e Bugallo serán entregados a unha partida no cuartel de Cerdedo e asasinados na Ponte do Barco, en posible corrixenda das eivas da saca anterior. Un anaco do texto de J.C.C. co relato deste criminal episodio, xa foi publicado xi. Polo tanto, tan só unhas precisións sobre os vitimarios: un deles foi, supostamente, Julio López de Santiago, falanxista e cívico de Pontevedra, o que acreditaría a versión popular da participación de xente de Víctor Lis Quibén xii; outro, un militante de FE sen identificar de Vilagarcía de Arousa, certificando as actividades de falanxistas do Salnés en Tabeirós-Montes. Ambas sacas evidencian, pois, o papel executor das Milicias de FE e o rol colaborador da Guardia Civil.
A impresión que causou esta carnicería en toda a contorna, foi enorme. Semella que iso levou ao alcalde cerdedense Gerardo Lorenzo a visitar ao Gobernador Civil e Delegado de Orden Público, tenente coronel da Guardia Civil Ricardo Macarrón Piúdo, para que puxera couto á barbarie. En Soutelo, a masacre tamén tivo consecuencias: o alcalde Gumersindo Espiña e o comandante de posto da “Benemérita”, chamaron a “capítulo” aos falanxistas que rexentaban a “checa”, dándolles orde de pechala e cesar os malos tratos. Mesmo “O Mengo” foi preso varios días por desacato.
A partir destes episodios sanguentos, se primou a intervención de milicianos doutras contornas para os traballos sucios.
* Publicado en Nós-Diario no coleccionable "Os nomes do Terror"
ii Manuel Gutiérrez Torres, estudante de Farmacia en Santiago, fixérase falanxista durante o Bienio Negro e, mesmo, exerceu como delegado do SEU na súa facultade.
iii En Forcarei a Guardia Cívica contaba daquela cuns 40 milicianos, 16 deles con carné falanxista.
iv Manuscrito de J.C.C., falanxista de Folgoso de servizo no Cuartel.
v Presuntamente o falanxista de Castro Constantino Alonso, que estivo enrolado no 7º Tabor de Regulares de Larache.
vi Delegado Regional de Milicias de Falange.
vii Aquilino López Picón.
viii Diversas fontes implican, supostamente, a dous coñecidos “camisas viejas” da FE cerdedense e soutelá.
ix Vicente García Dapena, Vicente “da Carteira”, mando da FE de Soutelo e cuñado de Severino Bugallo.
x Manuel Garrido, socialista de Fondós-Quireza.
xi Amoedo López, G. A memoria e o esquecemento. O franquismo da provincia de Pontevedra, Vigo: Xerais, 2010.
xii Segundo fontes orais, o automóbil era dos “civicos” pontevedreses. Ademais, o “modus operandi” (simular unha avaría e alegar intento de fuga das vítimas) deste crime foi idéntico ao doutros nos que interviron gardas civís e “cívicos” de Lis Quibén.