O luns 26 de xuño ás 6 da tarde preséntase no MOME a reedición deste libro clásico sobre o concello estradense de quen fóra o seu alcalde no 1917
Pedro Varela é un membro dunha desas familias da zona de Arzúa que migrou a esta vila florecente e prometedora que no 1900 era o Concello con máis habitantes da provincia de Pontevedra. Participou activamente no movemento agrarista dirixindo unha das súas cabeceiras emblemáticas “Eco de La Estrada” e mesmo asumindo a tenencia de alcaldía na corporación agraria que tomo o concello froito da revolta labrega de 1915. Non aguantou a presión caciquil do Marqués de Riestra sobre o poder municipal e foi dos que rematou rendéndose e pactando con el unha paz precaria que sería denunciada polas Irmandades da Fala de Losada Diéguez cando el xa, froito do devandito pacto, ocupaba a alcaldía en substitución do primeiro rexedor agrario Ramiro Ulloa que se incorporaba á Deputación.
Tres anos estivo na alcaldía asumindo a difícil tarefa de contentar aos agrarios que lle serviran de soporte para tomar o goberno local e a quen ostentaba realmente o poder provincial e fronte ao cal se ergueran os devanditos agrarios. Foi unha época de enfrontamentos políticos a cara de can moi intensos, sobre todo coas eleccións do ano 18 e 19 nas que el tivo que cumprir os seus compromisos co Marqués e apoiar ao seu fillo fronte ao candidato nacionalista, Antón Losada, que realmente respondía as demandas das sociedades agrarias. No 1920 abandona a alcaldía que non a política, a que só deixaría co trunfo do franquismo aínda que neste caso teríamos que dicir que foi a políticas quen o abandonou a el. Pois na república tentou tamén labrarse unha carreira na cousa pública e probou nas filas do Centro de Portela Valladares máis non logrou máis que cando comezou a represión franquista que lle levaran ao tribunal de Responsabilidades Políticas para procesalo polas súas actividades democráticas.
Mais Pedro Varela quedará fixado na conciencia colectiva deste pobo por ter feito o primeiro libro dedicado a coñecer o pasado e presente do municipio estradense. Tema por tema (sociedades agrarias, festas, patrimonio, tradicións, etc...), parroquia por parroquia, foi Pedro Varela recorrendo física e intelectualmente todos e cada un destes asuntos para dar conta na súa obra do seu amor ao Concello que o acolleu e polo que loitou. Dinos no prólogo:
“Revolvendo cartapacios para satisfacer esixencias profesionais saltaron á miña vista documentos e datos de tal modo relacionados co pasado e co presente da bisbarra da Estrada que me fixeron concibir a idea de escribir esta obriña.
Non hai territorio, grande ou pequeno, ilustre ou ignorado, que non ofreza inesgotábel campo de investigacións e curiosidades dignas de publicar; e, a pesar de que unha publicación desta índole acometida por min é empresa temeraria, atrévome a ela contando coa benevolencia dos lectores e reforzado por aquel refrán que di: «fai máis quen quere que quen pode».
E quen quixo puido e hoxe podemos gozar deste libro indispensábel para os que naceron aquí e para os que aquí viñeron de fóra, para os que veñen de visita e os que se quedan para sempre, para os que queiran ver con ollos sabios o entorno tan rico que nos rodea. Así é “A Estrada” de Pedro Varela.
* Faro de Vigo, 25-06-2017