Convocatoria do Colectivo Feminista Deza-Tabeirós contra a sentencia aos violadores de "La Manada"
Nun contexto político no que a xustiza española a cada paso que dá demostra máis a súa incapacidade atopámonos coa sentencia que foi remitida pola Audiencia Provincial de Navarra para dar “luz” ao caso de La Manada. Esta sentencia é só unha mostra máis da incapacidade xudicial de amparar ás mulleres que sofren violencias machistas, esta incapacidade aumenta o risco para as mulleres de que calquera violencia cometida contra nós quede impune ou mal calificado.
Desta volta tocoulle á moza que foi violada na festa dos San Fermíns; moza, que por unha banda foi criticada e perseguida pola mass media ante a suposta pouca veracidade da súa declaración, que viu a súa historia converterse nun relato mediático no que ela era a culpábel e a cuestionada, por outra banda, o acto de valentía que representa pór unha denuncia converteuse nunha exposición absoluta da súa vida privada e íntima que tamén foi violada.
Neste caso foron moitas as probas aportadas das actitudes violentas e repulsivas dos membros de La Manada, até se aportou un vídeo que resultou insuficiente xunto co atestado policial e médico para calificar correctamente o delito que houbo. Dous anos despois do sucedido a sentencia que se sacou pide 9 anos de cadea para os membros da manada por “abuso sexual” xa que os xuíces non acharon que fose unha violación por entender que este “abuso” non fora violento. Condeamos esta sentencia e o sistema que a ampara, condemos que denunciar calquera tipo de violencia fique impune ante terminoloxías absurdas que cambian os feitos, porque a violencia machista é violencia exercida sobre as mulleres por selo.
As feministas galegas, nun acto de sororidade e repulsa a calquera tipo de violencia, saímos hoxe ás rúas para mostrar a nosa repulsa a esta sentencia infame que non fai máis que darnos, máis unha vez, a razón en que o sistema xudicial, o estado e o sistema económico son quen alimentan e protexen baixo a impunidade práctica calquera tipo de violencia sobre nós. Saímos ás rúas contra a Manada, contra un sistema que nos mata e exerce violencia contra nós, contra unha xustiza machista, saímos ás rúas polas voces das que xa non están, porque imos seguir en marcha até que todas sexamos libres.