escultor do Campo das Laudas.
Calros Solla
Amais, os organizadores engadían catro razóns xustificativas: a) Dar a coñecer e resaltar dalgún xeito o granito como materia nobre na construción, sobor de todo en Galicia. b) Recoñecer e valorar a mestría e o arte dos nosos canteiros, agradecéndolles diante da historia o traballo sacrificado, o saber e a ilusión que tantos moimentos encerran detrás da laboura artística que contemplamos. c) Promover o estudo da Terra de Cerdedo como berce de grandes mestres canteiros, hastra o feito de que “cerdedense” e “canteiro” veñen a identificarse de cotío. d) Promocionar o verdadeiro arte de traballar a pedra e chegar a facer unha “Escola de Canteiros” en Cerdedo. E desta maneira, concienciar ao pobo galego da necesidade de gardar celosamente o noso patrimonio arquiteutónico-artístico como herdade preciosa dos nosos maiores e da que nós non somos máis que responsables administradores.
O 16 de setembro de 1976, o xornal El Pueblo Gallego anunciaba a Festa do Canteiro para o día 26, posto que os organizadores aínda estaban traballando na programación. O adiamento dos actos obrigou a rectificar a data nos carteis deseñados para a ocasión polo pintor vigués Xulio Maside.
El Pueblo Gallego do domingo 26 de setembro, baixo o titular “Cerdedo. Primera ‘Festa do Canteiro’”, achegaba o programa de actos. O acontecemento festivo desenvolveuse na capital do concello. Iniciouse ás once da mañá coa lectura do pregón, a cargo do escritor bearicés Francisco Ogando Vázquez (1913-2005), que foi catedrático e director do instituto Otero Pedrayo, en Ourense.
Ao mediodía, oficiouse unha misa en galego na igrexa parroquial de San Xoán. Seguidamente, rendéuselle unha homenaxe póstuma ao mestre de canteiros Francisco Viéitez Viéitez. Á unha da tarde tivo lugar un acto académico verbo da figura do canteiro. Interviron os profesores Alfredo García Alén (1923-1981) e Carlos Amable Valiñas e mais o crego Antonio Rodríguez Fraiz (1912-1995). Aproveitouse o acto para facerlles entrega duns pergameos de honra aos canteiros mais veteranos de cada unha das oito parroquias do municipio. Pechouse a sesión matutina coa presentación do libro Los canteros gallegos, publicado ese mesmo ano por Xosé Filgueira Valverde (1906-1996) e que recolle unha conferencia pronunciada en 1973 polo polígrafo pontevedrés na sede viguesa da Asociación de Amigos de los Pazos. Tras a misa de doce, servíronselles a todos os asistentes mexillóns de balde, pan de millo e viño. Houbo xantar de confraternidade e, xa pola noite, déuselle remate á xornada cun “baile-verbena”.
Esporeado xaora pola iniciativa, Antonio Rodríguez Fraiz publicaría seis anos despois, en 1982, o seu libro Canteiros e artistas de Terra de Montes e ribeiras do Lérez.
Malia non atopar rastro na prensa galega verbo da segunda edición da “Festa do Canteiro” (ano 1977), ben seguro se celebrou, xa que, El Pueblo Gallego do primeiro de xullo de 1978, na sección “Mirador de la Herrería”, informaba que co gallo da celebración o domingo día 23 de xullo da “III Festa do Canteiro” en Cerdedo, convocárase un concurso fotográfico patrocinado polo Ministerio de Cultura arredor da “arte na pedra”. Velaquí as bases do certame: El motivo artístico estará relacionado siempre con la piedra: casas, iglesias, cruceiros, hórreos, puentes, calzadas etc. La modalidad será en blanco y negro y los tamaños: mínimo 18x24, montada en cartulina de 24x30; y máximo de 30x40, montada en cartulina de 50x60. O prazo de presentación das fotografías finalizaba o día 19 de xullo. Os traballos debíanse entregar na casa do concello de Cerdedo, pechados nun sobre ou carpeta, cuxo interior contería unha reprodución da fotografía en tamaño 7x10, en brillo. No reverso da instantánea, escribiríanse o nome e apelidos do autor e mais un lema. No tocante ás recompensas, establecéronse 15.000 pesetas para o primeiro premio, 12.000 pesetas para o segundo, 8.000 para o terceiro e un premio especial de 15.000 pesetas á mellor fotografía dalgún motivo artístico, en piedra, de la villa de Cerdedo. Indicábaselles tamén aos concursantes que as obras premiadas e mais os seus clixés pasarían a ser propiedade da Comisión organizadora da “III Festa do Canteiro”.
O 20 de xullo, tres días antes da celebración da festa, El Pueblo Gallego avisaba que a comisión organizadora ampliara o prazo de presentación de traballos fotográficos até o venres 21, comunicaríase o veredicto o 22 e a entrega de premios sería o domingo día 23, no transcurso dos actos festivos.
O 26 de xullo, El Pueblo Gallego, a toda plana e baixo o titular “En Cerdedo”, publicou unha reportaxe da xornada, asinada polo polifacético cotobadés Lalo Vázquez Gil (1927-2016), que cubrira o evento. A reportaxe ilustrouse cun debuxo das ferramentas de canteiro, tomado da Etnografía: Cultura material de Xaquín Lorenzo (1962). Lalo deulle principio ao texto nun chapurreado latín dos canteiros: Os humáns de Avedra, arjinas sulicantes (debe dicir: xulicantes), apatulados, arpados (debe dicir: arpolidos) no murio feito (debe dicir: mariñado) chirimboleira (debe dicir: churuvía); xidos samarúas (debe dicir: xamarúas), de verbo (debe dicir: ghalruada) como arría (A tradución dende o vervo xido viría expresar algo así: “Os homes de Pontevedra, canteiros calados, asentados, ricos no traballo feito música; bos compañeiros, de palabra como a pedra”). O xornalista xustificou o preludio afirmando que deste xeito comezaba o anteproxecto, xa redactado, de creación dunha Escola de Canteiros na provincia de Pontevedra.
Vázquez Gil enfía, a seguir, un parágrafo laudatorio do gremio: Allí veteranos canteros, dulces, recios, curtidos y olvidados canteros, que han llenado de encajes en piedra toda Galicia, creadores y plasmadores de una cultura que, desde la prehistoria hasta hoy, han dejado su huella en petroglifos, mámoas, castros, citanias, ciudades, villas, calzadas romanas, puentes, petos de ánimas, cruceros, hórreos, fuentes, relojes de sol, capillas, iglesias, catedrales, monasterios, castillos, pazos, casas, y a los que la sociedad no ha tratado con justicia.
O reporteiro auguraba que a festa iría adquirindo máis forza co tempo (Lalo non posuía o don da infalibilidade). A xornada comezou cunha misa na que tomaron parte o gobernador civil, o delegado de Cultura, o alcalde de Cerdedo e os veciños da localidade e da comarca. O oficio relixioso dirixiuno o padre Isorna (1921-2016). Lalo Vázquez gabou a homilia pronunciada por Isorna: un verdadero canto poético dedicado a los canteiros, a la piedra que florece en sus manos en esta rosa de Galicia, salientando as seguintes pasaxes: Habló de esta Tierra de Montes, de estas laxes, de los inicios en Campo Lameiro, de los druidas de la piedra –canteros– que llenaron Galicia de obras cimeras del arte y del amor que por ella sienten, “pica na pedra, na pedra pica”, y que, si la hacen llorar y la golpean, es para eternizarla en cruceros, en monumentos, para que dejando de ser piedras, sean catedrales, altares o sartegos.
Finalizada a misa, as autoridades visitaron a exposición de fotografías, instalada no Grupo Escolar. Nela expúñanse máis de cincuenta traballos presentados a concurso. Segundo as deliberacións efectuadas de véspera, procedeuse á entrega de premios. Velaquí o veredicto do xurado: Antonio Prieto Barbeitos foi merecente do primeiro premio pola fotografía intitulada “Ergamos os peitos” (bello conjunto de hórreos en un cumio). O segundo premio levouno Vicente Caramés Fortes pola fotografía “A ponte da Cavadosa” (recia temática de paisaje); e Manuel Campos Nodar gañou o terceiro premio por “Sinfonía en piedra” (extraordinaria concepción de la fachada de Santa María de Pontevedra). O premio especial recaeu sobre Gabriel Rubio López, polo traballo “Cerdedo III” (hermosa perspectiva local).
No salón principal do colexio leuse o pregón –a cargo de Pousada Covelo–, e, a continuación, interveu Caramés, nomeado alcalde en 1974, aínda con Franco sobre terra: Ojalá el sudor de nuestros canteros no sirva para sembrar tierras ajenas. Ojalá, pronto, el sudor, el trabajo y los canteros hagan posible que la Tierra de Montes no sea solamente eso: montes. Por desgraza, en Cerdedo o vacuo discurso imposibilista dos seus gobernantes no mudaría en corenta anos. Do “Terra de Montes é só iso: montes”, do alcalde Caramés, a “Que culpa teño eu de que esta terra só dea toxo”, do alcalde Balseiros. Calvus turpis nihil compton.
Recolle Vázquez Gil na súa reportaxe que, naquela altura, barruntábase a posibilidade de que a anunciada Escola de Canteiros de Pontevedra contase con dúas sedes: unha no mosteiro de Poio e outra en Cerdedo lugares ambos de tradición canteril y de estudio. O anteproxecto seica xa estaba en poder do galego Pío Cabanillas (1923-1991), o ministro de Cultura e Benestar durante a Lexislatura Constituínte.
Ao ano seguinte (1979), fundouse en Poio a Escola de Canteiros de Pontevedra. A Cerdedo quitáranlle o caramelo da boca. Os mandatarios cerdedeses, coma sempre, non souberon defender os intereses do municipio. Probabelmente, este doloroso desengano fixo que a do ano 1978 fose a terceira e a derradeira edición da Festa do Canteiro.
Conclúe Lalo Vázquez a súa reportaxe en Cerdedo engadindo que, tras o discurso do gobernador civil Faustino Ramos Díaz (que lamentó no poder expresarse en la lengua de Castelao), houbo comedela campestre en una umbría carballeira donde –sardiñada, truchas, carne y vino– se celebró una fiesta campestre con gaita y queimada. O lugar ameno escolleito para o banquete foi o arboredo da Insua, á beira do río do Castro, illote fluvial no que se instalaron unhas mesas corridas de madeira. Como ben anota o xornalista, a sobremesa na Insua contou cun convidado insospeitábel: o actor de orixe galega Sancho Gracia (o televisivo Curro Jiménez (TVE: 1976-78)) que, coñecido do gobernador, fixo acto de presenza, departindo amigabelmente cos asistentes, ben seguro, na nosa lingua.
En 2010, trinta e dous anos despois da derradeira edición da Festa do Canteiro, inaugurouse en Cerdedo o chamado Museo da Pedra cuxos fondos (paupérrimos) conxugan á perfección o desleixo e a incompetencia dos seus promotores. Segundo as malas linguas, a escultura do canteiro que no exterior recibe os visitantes ten un aire co alcalde vello.
En 2011, co mecenado de Edicións Morgante, tirabamos do prelo o libro O vervo xido. A fala secreta dos canteiros de Cerdedo, cuxa segunda edición está xa ao dispor dos seareiros e usuarios da xerga. Oreta en pinzas, domine nostre!