O fotógrafo e cineasta Xosé Gil Gil é o autor das que, probabelmente, sexan as dúas fotografías máis antigas que se conservan da localidade
Calros Solla
No número 237 da revista viguesa Vida Gallega, aparecido o 6 de novembro de 1923, publicouse unha reportaxe fotográfica baixo o titular “La famosa Tierra de Montes”. O álbum componse de oito fotografías, das cales dúas, as dispostas na parte inferior da páxina, correspóndense á localidade de Cerdedo. Na “vista fotográfica” da esquerda, tomada dende A Rampla dirección Pontevedra, observamos, á dereita, dúas edificacións. A construción do fondo, dotada de solaina, era, nesa altura propiedade da hostaleira Ánxela Durán, e destinada a fonda e vivenda. Posteriormente, pasou a ser propiedade da familia Sanmartín (os do Roxo), quen rexentaron, no seu baixo, unha coñecida taberna. Apelicada a esta, apréciase un dos inmóbeis da familia Gutiérrez. Ambas as dúas construcións locen o emparrado que, naquel Cerdedo, era común adobío nas fachadas de face á estrada de Ourense. Á dereita da fotografía, obsérvase o peitoril da Rampla, privilexiado miradoiro do val de Meilide, e, a seguir, a casa reitoral. Por detrás, albíscanse as torres da igrexa de Cerdedo. A antigüidade da fotografía fica corroborada pola ausencia do edificio do asilo, obra promovida polo crego Fernando García Leiro e cuxa construción, iniciada en 1927, foi dirixida altruistamente polo mestre canteiro das Raposeiras Antonio Márquez Yáñez, o meu bisavó. A fotografía tamén permite observar que, en 1923, a praza da igrexa se flanqueaba de frondosas árbores. Tamén advertimos a presenza de catro ou cinco persoas. Unhas galiñas ceibas peteiran e espurriñan no “morrillo” da estrada xeral.
Para tomar a “vista fotográfica” situada á dereita da páxina, o reporteiro gráfico cargou coa súa parafernalia pola Torrente abaixo, asentando o trípode nas inmediacións da ponte de Santo Antonio, sobre o río do Castro. A panorámica permite enxergar, ao fondo, os campanarios de San Xoán. A ponte medieval de Cerdedo, coa cruz en riste, loce cuberta de vexetación. O caudal do río é moi baixo. Nas dúas instantáneas, a vexetación loce aínda con toda a folla, polo que deducimos que a viaxe fotográfica debeu ter lugar nos meses do verán. Ambas as dúas fotografías acompáñanse do seguinte pé: “Esto es Cerdedo, al pie del Seijo, una altísima montaña desde la cual se columbra, allá en la lejanía, el espejo de las encantadoras Rías Bajas, que para quien no salga de estas tierras ásperas y frías deben ser como un tentador sueño de una noche de verano”.
A revista viguesa Vida Gallega contaba entre os seus colaboradores gráficos cos mellores fotógrafos do momento: Pacheco, Ksado, Pintos, Avrillon..., porén, as oito imaxes que enchen esta páxina son asinadas pola revista. Esta circunstancia é a que nos fai atribuir a súa autoría ao fotógrafo Xosé Gil Gil, o primeiro director artístico da publicación. A maiores, o dato que ratifica a responsabilidade de Xosé Gil Gil é a presenza, ocupando un lugar central na foto, do seu vehículo Texan, estacionado fronte ao establecemento de Ánxela Durán (hai uns anos diriamos, diante da taberna do Roxo), onde seguro lle mandou unha fecha.
Xosé Gil Gil fixérase en 1914 coa representación exclusiva dos automóviles Ford na Galiza (o Ford T modelo “Torpedo” de dous asentos tiña un prezo de 5.150 pesetas). Xa en 1920, Xosé Gil faise representante dos automóbiles da marca Texan (Texas Motor Car Association), calzados cuns pneumáticos macizos a proba de picadas: El coche Texan que trae el Sr. Gil ofrece la particularidad de tener montadas las ruedas sin aire, invulnerables a los pinchazos. Este invento, patentado en toda Europa, se debe a un químico cubano, don Carlos Prada que, actualmente, reside en Vigo, donde, en sociedad con el Sr. Gil, montó la fábrica (Sinair Company) para la explotación de su patente (El Ideal Gallego, 17-2-1921). O fotógrafo Xosé Gil tamén foi un adiantado no eido da publicidade. A chegada do flamante Texan de Xosé Gil a Cerdedo ateigado da trousa dos tomavistas, debeu ser todo un acontecemento. Téñase en conta que o número de vehículos motorizados que, naquela época, circulaban pola estrada de Ourense era mínimo, e as fotografías panorámicas, un artículo de luxo. Retratar o coche a canda a paisaxe, amais de ser un eficaz reclamo publicitario (Vida Gallega roldaba a tiraxe dos 70.000 exemplares), supuña toda unha declaración de modernidade.
Malia que as fotografías de Cerdedo apareceron publicadas na edición de Vida Gallega de novembro de 1923, ben puideron obterse entre 1920 e ese ano, pois o fotógrafo Xosé Gil, a canda Xaime Solá, director e redactor da publicación, percorreron nese tempo Galiza a bordo do Texan, matrícula PO-565, nun periplo de aventura motorizada e descuberta cultural e antropolóxica.
Co obxectivo de atravesar a “famosa” comarca de Terra de Montes, Xosé Gil e Xaime Solá, dende Ribadavia dirixíronse ao Carballiño, acadaron a cimeira do Paraño, atravesaron no descenso o lugar de Soutelo de Montes (onde tomaron unha “vista” de Vilapouca) e, uns quilómetros máis abaixo, apeáronse en Cerdedo, estacionando o seu vehículo no lugar onde dende tempo inmemorial fai a súa parada o autobús de liña. Xosé Gil tirou as fotografías e, probabelmente, Xaime Solá redactou os textos que acompañan as ilustracións.
Xosé Gil Gil (Rubiós-As Neves, 1870-Vigo, 1937) foi un prestixioso fotógrafo galego, mais, sobre todo, foi o primeiro cineasta, o primeiro produtor (Galicia Films, Galicia Cinegráfica), o primeiro camarógrafo e o primeiro director de cinema que deu Galiza (realizou arredor de 150 filmacións). Abriu os seus estudos de fotografía na cidade de Vigo (na rúa Carral e na rúa do Príncipe). Por se non fose abondo, Xosé Gil foi o inventor do “Auto-Motor-Cine” (patente presentada no Ministerio de Fomento, nº de expediente: 59.658, ano 1915). O automotorcine seica era un automóbil equipado cunha cámara cinematográfica e un laboratorio de revelado. Xosé Gil desprazábase co enxeño a calquera punto do país, filmando e positivando in situ, para, seguidamente, proxectarlle a filmación ao público interesado. Asemade: El invento consiste en convertir, en 16 minutos, un automóvil en fábrica de fluido eléctrico y el coche mismo en cabina provista de un aparato cinematográfico para grandes proyecciones. El Sr. Gil ha llenado un deseo que muchos pueblos anhelaban, pues hay pueblos que desconocen el cinematógrafo por la carencia del alumbrado por la electricidad (La Idea Moderna, 7-4-1915). En 1916, Xosé Gil realizou a película “Miss Ledyia”, o primeiro filme de ficción galego. Unha película duns vinte minutos de duración (con guión de Rafael López de Haro), no que actúa o mesmo Castelao, convértendose nunha das poucas imaxes en movemento que se conservan do egrexio galeguista.
O matrimonio Xosé Gil e Trinidad Sarabia tiveron tres fillas (María, Rosa e Josefa). Todas tres morreron novas, afectadas da tuberculose. Coa morte da primeira das fillas, Xosé Gil, asolado pola mágoa, encargoulle ao escultor Francisco Asorey unha talla para o panteón familiar do cemiterio vigués de Pereiró. A morte e a doncela de Asorey provocan no espectador unha fonda conmoción. Non lles conto máis, é imprescindíbel que vexan o documental de Miguel A. Romero: “José Gil, fotógrafo e pioneiro do cine” (2014).
Coñecendo o éxito da revista Vida Gallega entre a comunidade galega emigrante, pregúntome a cantos cerdedeses de alén mar se lles humedeceron os ollos ao descubriren no nº 237 da devandita publicación as fotografías da súa terriña. Para mitigar saudades, 20 pesetas non eran morte de home e, aínda que non sempre por veraz, unha imaxe vale máis ca mil palabras.