Xoán Carlos Garrido
Unha das variábeis a ter en conta no caso galego sobre a intervención da igrexa na represión pode ser a falla de identificación co país das autoridades relixiosas, maioritariamente foráneas. Neste sentido ía a queixa de Otero Pedrayo dirixida ao Nuncio no ano 1934. Unha xerarquía eclesiástica allea que desde o primeiro día do levantamento fascista esporeaba nos cregos rurais e en toda a maquinaria do catolicismo institucional e social para poñerse ao servizo da “cruzada” contra os “sen deus”.
As diferentes achegas territoriais que están a publicarse nesta serie dá conta da multitude de cregos que interviron directamente nas matanzas informais. Mais aquí imos a centrarnos na contribución da igrexa tanto a nivel de xustificación doutrinal como colaborando no aparello de aniquilación oficial e extraoficial. Especializándose así o seu labor na desculpa dos crimes, na delación e no tráfico de influencias. Os casos individuais ilustran como actuar ao servizo da devandita función é eficaz mentres que en caso contrario aqueles que así o fan teñen escaso éxito.
Hai tamén multitude de relixiosos que empatizaban coa súa veciñanza e se poñían ao seu carón mais os bispados, a falanxe e as propias autoridades militares interviron para neutralizalos. No caso da diocese de Santiago de Compostela, co arcebispo onubense Tomás Muñiz de Pablos á cabeza, a presión era enorme sobre os sacerdotes para que prestaran o apoio necesario nas masacres. E sobre todo, para evitar que testemuñaran a favor dos perseguidos. Lémbrese as instrucións a ese respecto do arcebispo que emitiu o 8 de setembro do 1936 e que comeza dicindo “se han acercado a esta curia eclesiástica varias personas escandalizadas de la facilidad con que algunos parrocos extienden certificados de catolicismo y religión a favor de funcionarios que estuvieron afiliados al comunismo u otras entidades marxistas”, ou a do 11 de novembro na que da conta da petición que lle fan para que “reprimamos a las actividades de algunos párrocos y sacerdotes que bajo el pretesto de hacer favores andan de acá para allá recomendando o pidiendo recomendaciones”... “actividades siempre reprobables y hoy sumamente peligrosas” advertindo que o prelado non vai facer nada para evitar que os cregos insubmisos sexan punidos senón que, pola contra, el mesmo tamén os sancionará. O que se evidencia aquí é a desobediencia nalgúns casos dunhas ordes expresas a prol de colaborar no xenocidio. Envíaselle un formulario ás parroquias para esixirlles un inventario de “agravios” para poñer a disposición do novo réxime listaxes negras que servirían para orientar os labores coercitivos das bandas paramilitares existentes así como para os procesos militares en marcha. O curioso da linguaxe da máxima autoridade relixiosa na Galiza que asinaba estas ordes é que apelaba ao apoliticismo para pedir a obediencia ao fascismo, apoliticismo que non vía contraditorio con el ser membro do Consello Nacional do Movemento e procurador en Cortes do 1943 ao 1946.
Baixando máis ao concreto, por poñer un caso dunha comarca desta diocese compostelá, a de Tabeirós-Terra de Montes, imos profundar un pouco máis no xa abordado en colaboracións anteriores dedicadas a ese territorio e nas que xa se da conta da comprenetración entre as milicias falanxistas e a igrexa citando o caso de Aquilino López Picón, crego da Madanela (Forcarei) e militante falanxista.
No imaxinario dos máis vellos de Soutelo queda a imaxe de Aquilino co seu látego ao cinto e abusando das mulleres do lugar. Pero é a documentación da causa instruída por Bouza Brey contra a cúpula da falanxe a finais do 36 -aproveitando as liortas internas- a que nos fornece dos datos precisos do funcionamento desta trama mafiosa. Esta causa 8/37 contra Bao Lagares achéganos por exemplo a confesión deste lembrando a implicación dos cregos na recadación de tributos de sangue. Aquí topamos acreditada a participación do ecónomo de Tabeirós Manuel López Costa na toma desta decisión que logo se encubriría como caritativa: “era preferible a pasear a las personas y dejarlas muertas en las cunetas”, como literalmente di o crego de Quireza dando conta da visita de falanxistas co sacerdote López Costa á cabeza para persuadilo da posta en marcha da maquinaria impositiva. Insistíndolle logo Aquilino en que “los curas debían facilitar relación de los individuos de cada una de las parroquias”, diante do que rematou por facer dita listaxe, cedendo ás súas presións.
Cando se destapa esta engrenaxe corrupta de lucrarse a conta de poñer de prezo á salvación, o que Dionisio Pereira dou en chamar o “imperio da roubacha”, sexa polas vidas perdoadas, sexa polo diñeiro raspiñado, son detidos moitos dos implicados. Entre eles Aquilino López Picón, quen tivera acochado na súa reitoral ao propio paseador Ramón Bao Lagares en busca e captura polos roubos. Compre dicir que el, xunto con outros encausados, deciden ir ao fronte por ver de librarse das acusacións de delincuentes comúns que recaía sobre eles, e incorpórase como capitán á 2ª Bandeira da F.E.T. en Guadalajara. Con todo, a pesares do seu breve paso polo cárcere e por ter probada a súa participación na banda de atracadores na que rematou por converterse aquela primeira camada de dirixentes falanxistas, non veu manchada a súa carreira como crego (rematará ao fronte da parroquia de Santa Cristina de Cobres en Vilaboa), nin como falanxista, ostentando diversos cargos sindicais e políticos.
Mais da cooperación coas milicias informais pásase á máis efectiva co aparello xurídico-militar encargado da limpeza da retagarda. O 2 de decembro do 36 foi fusilado en Pontevedra Manuel Vázquez Cruz, marido da dirixente do PG na Estrada e prima de Virxinia Pereira, María Pereira. No interior da súa chaqueta a súa muller atopou unha nota onde se dicía expresamente o nome dos seus asasinos. Citábase tres nomes entre os que se atopaba o crego Manuel López Constenla. Manolo Gaitas, tal como era coñecido popularmente, tiña claro quen eran os seus asasinos e non precisamente unha serie de soldados, xuíces, fiscais, militares, etc... que non o coñecían de nada, pero detrás dos que se ocultaban os auténticos responsábeis.
Se analizamos esta causa (694/36) atopamos que certamente as persoas que cita na nota testemuñaron na súa contra, pero había máis que estes tres, mesmo outros cregos. Mais a vítima sabía perfectamente quen inclinou a balanza cara a pena máxima. No seu favor conseguira mobilizar os testemuños do párroco estradense Nicolás Mato Varela, do xuíz Fermín Bouza Brey, e mesmo da empresaria e cuñada do xefe local da falanxe María Martínez. Pero pesou máis a atestación na súa contra do capelán castrense Manuel López Constenla. Compre lembrar que o seu tío é o tamén tenente coronel capelán castrense Adolfo Constenla Costa, quen tiña unha relación directa co Cardeal compostelá e coas novas autoridades militares, e era veciño da porta dos primeiros dirixentes da falanxe da comarca e da provincia, os Castro Pena. Non esquezamos tampouco que o inventor de “mellor roubarlles que matalos”, o crego Manuel López Costa, tamén é parente deste Adolfo Constenla e casualmente el non é molestado a diferenza do seu correlixionario e compañeiro do seminario, Aquilino.
Así pos non todos os testemuños valen igual aínda vindo de cregos. Mesmo os que son desfavorábeis á condena, como é o caso dos feitos por Nicolás Mato Varela, o único que consegue é que este sexa ameazado tanto polo Tribunal Militar como polo Bispado.
O que temos constatado na comarca a que estamos a referirnos é que os testemuños de cargo de cregos son moi útiles para acadar penas capitais. Véxase o caso do crego cerdedense Ventura Pérez Alvite, quen declarou profusamente contra Francisco Varela Garrido (fusilado o 27 de xullo de 1937); ou o do testemuño de Ramiro Moreira Filloy, párroco de Loimil, para a condena a morte de Manuel Puente Porto e José Rico Gaiteiro (fusilados o 14 de outubro do 36).
Agora ben, a cobertura ideolóxica da igrexa bendicindo os crimes ía máis aló da actuación particular dos seus membros. Profundemos neste último caso onde efectivamente se bota man da acusación de asalto á reitoral de Loimil para apoiarse no relato do seu ocupante para facer pasar unha simple e pacífica incautación de armas como un atentado violento. Quen articula isto con devandito material é o fiscal. Neste caso Ramón Rivero de Aguilar, coñecido por lograr a pena de morte para Alexandre Bóveda e sobre o cal a biografía realizada por Xosé Enrique Acuña nos ilumina para entender algunhas claves da mecánica dos xuízos nos que el intervén. O clasismo e o afervoado fascismo bebido directamente nas fontes mussolinianas deste persoeiro fai que exculpe a un acusado desta mesma causa por petición do patrón deste, amigo seu (así o recoñece no proceso) mentres que arremete contra un Puente Porto que tivo unha actuación menor, pero que ostentaba unha bandeira vermella na súa casa. Esta causa está moi relacionada con outros veciños desta zona da Ulla que se xulgara esa mesma mañá, nela lograra a pena de morte para José Gomez Rivas e José Cortés Fernández (fusilados o 15 de outubro do 36). Os feitos de que se lle acusan aos da tarde son os mesmos, participar no grupo da Ulla que desde o Concello se organizou para desarmar aos fascistas que puideran colaborar co golpe militar. Pero neste segundo caso o fiscal non atopou cregos que se lle prestaran para artellar a xustificación da pena máxima. Ao contrario, os encausados piden que deixen testemuñar no seu favor aos cregos das súas parroquias (Oca, Arnois e S. Miguel de Castro). Isto non foi obstáculo para que se centrara no mesmo argumentario para arremeter contra o mestre e escritor Cortés Fernández. Mesmo achega multitude de xornais nos que se subliña en vermello frases como “Consiste la ‘fé’ en creer lo que no vimos. Y creer es dar por cierto lo que nos han dicho que era verdad, sin tomarnos la molestia de averiguarlo nosotros mismos”.
O odio que se destila contra Cortés por parte dos que participan no proceso non se deduce da súa actuación práctica senón polo seu pensamento, que mesmo é calificado de “depravado”. Así, na sentencia recóllese como cargo principal ter colaborado “en periódicos como ‘El Emigrado’, de la Estrada, y el ‘Nuevo Heraldo’, de la Guardia, desde los cuáles, continuamente atacaba los fundamentos más sólidos de la sociedad española, principalmente los conceptos religiosos, básicos de la sociedad cristiana...”.
En definitiva, se analizamos como se instrúen os procesos que dan como resultado o asasinato institucional de milleiros de galegos, e vemos o uso instrumental que se fai da relixión para lexitimar os crimes, decatarémonos como vai máis alá das intencións e beneficios particulares, que os hai, que os relixiosos tiran desta oportunidade que se lle dá. Mesmo é independente das súas conviccións que nalgúns casos os levan precisamente a opoñerse a tarefa tan pouco piadosa como o xenocidio. O fundamental é a lectura que se fai do catolicismo como un ben superior consubstancial á identidade española que esixe o exterminio dos que considera que ameazan a súa pervivencia. Ao situar fóra do concurso da opinión pública a definición dese ben, adxudicándoo a unha autoridade divina, esquivan a contradición que supón beneficiarse como clase social e mesmo a título particular a través da corrupción, dunha concepción do que chaman o ben común para a que non se ten en conta a opinión da devandita comunidade. De feito, como vimos, nin sequera a opinión dos propios cregos a hora de usar a relixión como escusa.
Acúsaselle a Cortés como mestre de propagar as “ideas anti-españolas del comunismo” e de promover unha revolución “enemiga de España”. De igual xeito que nas acusacións de anti-deus coas que se funden estas da anti-españa tampouco precisan do parecer da devandita españa ao respecto. O propio Cortés alega neste sentido que si afirman que envelenaba aos nenos con esas ideas que se lle pregunte á Inspección se tivo algunha queixa neste sentido. Cousa que non só non fai o tribunal senón que na sentencia se propón actuar sobre tal Inspección. Isto é, Deus e a divinización da identidade española – coa complicidade da Conferencia Episcopal – propiciaría unha coartada perfecta para perpetrar toda clase de crimes, desde os niveis máis baixos até os máis elevados e desde o aparello oficial ao paralegal, que se desataron no noso país baixo o amparo do golpe militar franquista.