Sábado 21, ás 20:00 h. no restaurante "Meu Lar"
O relato xoga co presente (mediados dos anos sesenta) e o pasado (os anos da Segunda República e os inmediatamente posteriores ao golpe militar de xullo de 1936).
A súa trama está determinada polo que se denomina o “pasado non ausente”, ou sexa, polo feito de que o sucedido nos anos da represión posterior ao golpe segue a determinar as vidas e as condutas de varias xeracións, porque o silencio sobre aqueles feitos impide a superación do trauma.
David e Teresa, mozos abertos aos novos aires que comezan a infiltrarse na sociedade española, deciden casar e visitan a casa nativa para comunicarllo aos seus pais. Pero os traumas do pasado seguen presentes: a historia dos pais de Teresa, familia comprometida dende o primeiro momento co novo réxime e a dos pais de David, identificados cos ideais republicanos, frustran os desexos dos mozos.
Na obra recréase o ambiente, ideais e confrontacións entre as dúas formas de entender a sociedade: os valores da tradición patriarcal e escolástica dos golpistas fronte as ideas constitucionais de progreso e liberdade.