O colectivo Capitán Gosende descobre na carballeira do San Bernabé (Cerdedo) un quiromorfo labrado nun bolouro de pedra
Calros Solla
Ao longo destas semanas, o Capitán Gosende veu informando da descuberta na zona dunha mámoa (“Un mámoa nas abas do Outeiro Pernide”, Faro de Vigo-Montes, 19-11-2023) e dun gravado rupestre no coto do propio outeiro (“Capitán Gosende descobre un petróglifo no Outeiro Pernide”, Tabeirós-Montes, 24-11-2013). Como sospeitabamos, aqueles predios aínda non nos depararan todas as sorpresas.
Volvendo ao sitio do San Bernabé, a estrutura enterrada (coordenadas.- X: 548.216; Y: 4.706.884), e por tanto oculta á vista da xente, presenta uns 8 m de longo e uns 4 m de largo (uns 30 m2 de superficie). In situ, puidemos apreciar que a planta do antigo templo se atopa hoxe baixo un moreón encampado de cachote e rebos.
Hai unha década, visitamos a capela e mais o carballal, ocupados na recolla e divulgación dos seus valores etnográficos (Faro de Vigo-Montes, 13-9-2014):
“A actual ermida do San Bernabé data de finais do século XIX. ‘Ano de 1907’, lese nun costado da espadana, porén, xacando, alguén me indicou que ‘1907’ non era o ano da construción da nave, senón a data de erección da espadana, obra do canteiro Manuel Gómez, e que, cara ao sur, ao agocho da carballeira, se atopan as ruínas do templo primixenio, máis modesto na súa feitura e dimensións [...] Bóveda de canón (abondosas marcas de canteiro), chan enlousado e nas paredes, exceso de recebo branqueado. O fornelo central do retablo ocúpase cunha imaxe do padroeiro: o san Bernabé, flanqueado pola Virxe de Fátima e a santa Tareixa. Outra talla do apóstolo, de menor tamaño, ten o postoiro encol do altar mor. Este san Bernabé seica procede da capela vella cuxa construción veu motivada polo misterioso achado da imaxe no seo da carballeira. O padroado rexe os lugares de San Bernabé, Chamadoira, Limeres e Biduído”.
Situados ao pé da rima de cachote, aguzamos a vista e esculcamos canta pedra se nos puxo ao alcance. Desenvolvimos a exploración de sur a norte, empregando na última fase o tramo do camiño que une o templo actual cos vestixios do primitivo. Perto do valadar de madeira, poupando nas pedras carricentas formantes do sostemento do camiño, os dedos, por entre a carriza, atinaron cuns rebaixes practicados no sobre dun bolouro, unha pedra de feitura oval, asentada ao pé dun carballo. Retirei a cobertura de mofo e observei unha figura tallada que axiña identificamos cunha man. O pedrolo, que ha pesar uns 70 kg, localizouse a uns 40 m cara ao sur da capela nova e a uns 50 m cara ao norte da mouta que agocha os restos do santuario orixinal. A pedra (coordenadas do achádego.- X: 548.250; Y: 4.706.922; 493 m de alt.) posúe uns 47 cm de eixe maior e 32 cm de eixe menor.
Identificada co nome de “Man de San Bernabé”, a talla representa unha man esquerda aberta e adulta duns 20 cm de lonxitude (do extremo do dedo maior até o pulso) e 18 cm de largura (dende o dedo belleco até o polgar).
Tras os labores de descrición, medición e fotografado; revelada a súa curiosa inscrición e precavendo roubo ou extravío, optamos por trasladar o achado até a casa dun veciño do lugar de San Bernabé e, a través del, pólo en coñecemento da comunidade. A resposta daquela familia non puido ser máis satisfactoria: “Esta pedra é do santo, son restos da capela vella; para nós ten moito valor; hai que ghardala dentro da capela”.
Interrogados polo significado, antigüidade e motivación do gravado, non nos atrevemos a aseverar tese ningunha. As hipóteses que propoñemos van dende o entretemento de pastores folgados ou signo lapidario até o exvoto dun ofrecido ao san Bernabé (o apóstolo nº 13, mártir por apedramento arredor do ano 70 da era común), pasando pola marca gremial do canteiro que traballou na construción do antigo santuario. Ao fío da terceira suposición, entenderiamos que, canda a derruba do edificio, o cachote inscrito foi trasladado e reutilizado na contención do camiño que atravesa a carballeira. Se así for, o artesán que o labrou debía ser zurdo, cochaino ou manicho.
Raquel Lacalle (“El símbolo de la mano en el arte paleolítico”, Zephyrus, 49, 1996), citando outros autores, afirma que a asociación dos quiromorfos coa divindade e co sol “podría observarse en la iconografía cristiana, en la que dios es representado por una mano”. No tocante á deidade solar, lembremos que a festividade do San Bernabé cae o 11 de xuño e que segundo a paremioloxía popular: “O día de San Bernabéu está o sol no máis alto do ceu” ou “Día de San Bernabé, dixo o sol: ‘De aquí non pasarei’”.
Co achado da “Man de San Bernabé”, presumibelmente datábel en época histórica, a cifra de descubertas petroglíficas acada as 95 en Terra de Montes e as 63 en Cerdedo.
O colectivo Capitán Gosende deséxalles feliz solsticio de inverno ofrecéndolles, afectuosamente, “a man”.
Seguiremos informando.