A Estrada republicana (I)
Xoán Carlos Garrido
A Asemblea Constituínte celébrase o 18 de maio de 1930, no piso superior do Café “Porta do Sol” e presidido polo Comité Provisional formado por José Fondevila Torres, José Otero Abelleira e Jesús Rivas Carollo, quen presenta 119 adhesións ao comité. Pedro Varela presenta 13 máis, e no acto adhírense outras 13 persoas, facendo un total de 145.
Confórmase o goberno do Centro con José Pereiras Vidal (Olives) como presidente. José Fondevila Torres (A Estrada), vicepresidente. Perfecto Porto Fraíz (A Estrada), como Secretario Contador e Manuel Reigosa Sieiro (A Estrada) como Tesoureiro. Como vocais quedan elixidos José Caramés Pazos (A Estrada), José Louzao Fernández (Guimarei), Manuel Mato Arca (A Estrada).
Apróbase a adhesión do Centro á Federación Republicana Galega.
Entre os nomes que aparecen nesta xuntanza quixéramos subliñar a adhesión de Manuel Nogueira González (fusilado o 5 de xuño de 1937), Manuel Brea Abades (asasinado o o 8 de novembro de 1931), Manuel Torres Agrelo (dirixente do agrarismo estradense), José Mª Pena López (co tempo presidente do Frente Popular, fusilado o 5 de xuño de 1937), Pedro Varela Castro (ex-alcalde da Estrada pola facción agraria contraria a Torres Agrelo).
Na xuntanza do 24 de xullo danse de alta 32 persoas máis de Vinseiro que veñen da man de Bernardo Mato Castro (morto por causa dunha malleira o 4 de setembro de 1936). Dise que o número de afiliados é de 177 e aprobase enviar como representación da Estrada ao acto de afirmación galeguista do Día de Galiza a Torres Agrelo e ao presidente do centro.
Na reunión do 9 de setembro de 1930 admítense provisionalmente as altas de 24 persoas máis e fálase do número total de 201.
O 28 de outubro do 30, a xunta directiva acorda reprobar o comportamento político de Pedro Varela e pedirlle que renuncie á afiliación ao Centro, o que terá como consecuencia a presentación da súa baixa. Este sería o primeiro episodio de conflitividade interna do republicanismo que terá como protagonista quen fóra o autor do libro “A Estrada” de 1923, e tamén será o preludio doutras moitas controversias que atravesarán ao republicanismo local.
Na reunión do 14 de novembro dáse o paso a propoñer un acto público de afirmación republicana na Estrada para o 8 de decembro. E efectivamente, nesa data celébrase na Estrada a presentación en sociedade do republicanismo estradense cun acto multitudinario no Salón Novedades que segundo a crónica na prensa redactada por Manuel García Barros, estaba ateigado de persoas a pesares da incomodidade de ser o día seguinte á feira co que iso supoñía para os que se desprazaban desde o rural e tiñan que quedar a durmir. O acto será presentado polo mestre Bernardo Mato Castro e nel intervirá Carnero Valenzuela, Romero Pelaez, Poza Juncal, Vilar Ponte e Peña Novo. A xeito de anécdota podemos referir o menú do banquete en “La Estrella” no que se serviu “ternera a la democrática”, “merluza regional”, “pollo a la republicana” e de postre “brazo de la libertad”. Dando conta do ambiente que se respiraba e ideario que inspiraba aos comensais.
Compre dicir que estaba anunciado o futuro presidente do goberno republicano Santiago Casares Quiroga, mais este, nesas datas trasladouse a Jaca para informar aos militares que se suspendía a sublevación que acordaran facer contra a Ditadura e a Monarquía, se ben, ao chegar cansado á cidade, acordou ir durmir ao hotel e pola mañá seguinte tratou de informar aos capitáns Galán e García, mais xa era demasiado tarde, e a insurrección tivera lugar con tráxicas consecuencias.
O 11 de febreiro conmemórase na Estrada o 58 aniversario da I República, e no seo desa conmemoración acórdase abrir unha subscrición popular para axudar as familias dos afectados pola sublevación do 12 de decembro pasado que tivo como consecuencia o fusilamento de Fermín Galán e García Hernández e a detención, entre outros, do representante da Federación Republicana Galega no Comité Revolucionario Nacional (CRN), Santiago Casares Quiroga.
O 12 de febreiro de 1931 noméase Presidente de Honra do Centro Republicano a Santiago Casares Quiroga, co cal se vai fixando posición dentro das diferentes vías que presenta o republicanismo galego inclinándose maioritariamente cara a opción que representar a ORGA.
Na asemblea xeral do Centro Republicano Estradense do 22 de febreiro de 1931 son reelectos os cargos directivos que tiñan responsabilidades nominais, agás o tesoureiro que será José Álvarez. Como vocais quedarían José Otero Abelleira, José Louzao Fernández e aparece o nome doutra das vítimas da represión, Cándido Tafalla (fusilado o 5 de xuño do 37).
O ritmo de organización do republicanismo estradense non vai a velocidade doutros lugares. De feito ninguén deste concello participou no devandito pacto de Lestrobe, e quizais chegábase tarde e coas estruturas aínda sen preparar dabondo para os vindeiros retos que lle viñan enriba como é o caso das eleccións municipais do 12 de abril de 1931.
* Publicado no Faro de Vigo o 8-01-2021