Calros Solla
Facer da capela da Saleta un centro de peregrinación converteuse na angueira do mestre xubilado Bonifacio Alonso Torre. Os traballos de construción do novo templo foron sufragados grazas ás achegas dos veciños e a xenerosas doazóns dalgún particular. Casimiro Peleteiro Fernández, coadxutor de Santo Isidro de Montes, tomou as rendas do proxecto cando a saúde de Bonifacio decaeu. Casimiro Peleteiro pagou do seu peto a feitura do muro que arrodea o adro, cos tres accesos en banzos de escaleira. A señora Hermosinda Barros Ovelleiro carrexou do monte coa súa xugada a terra necesaria para nivelar o recinto. De se cumpriren as aspiracións, o adro empregaríase como camposanto da nova parroquia de Bugarín, evitándolles aos veciños ter que transportar os defuntos a través dun camiño costento e tortuoso até o camposanto da Santa Baia, distante uns dous quilómetros. Consonte a lenda, a media costa, no lugar coñecido polos Corticiños, adoita manifestarse a Moura en forma de serpe.
Bonifacio Alonso Torre, tras 45 anos de docencia, solicitara a xubilación por idade en decembro de 1894 (El Magisterio Gallego, 5-12-1894). Exerceu o maxisterio en Bugarín cando menos dende o ano 1879. Concedéuselle o retiro en marzo de 1895 (Revista de Ciencias Pedagógicas, 21-3-1895). En 1897 cobraba unha pensión anual de 600 pesetas e ocupaba o cargo de tenente de alcalde do concello de Cerdedo. En 1898 figuraba como tenente de alcalde en funcións de alcalde. Foi alcalde de Cerdedo durante o período 1905-6. En 1909, Bonifacio Alonso colaborou con 2 pesetas na subscrición en prol do monumento que, na vila de Pontevedra, se lle erixiu aos heroes de Ponte Sampaio. A desfeita que, cen anos antes, os franceses causaran nos Castros (Quireza) e Filgueira (Castro) aínda estaba viva na memoria da xente.
O xornal pontevedrés Progreso do 13 de setembro de 1914, baixo o titular “Fiestas en Bugarín”, informa: El día 19 del corriente mes, como en años anteriores, se celebrarán hermosas fiestas en honor a la Virgen de La Saleta en el pintoresco y espacioso campo donde está enclavada la iglesia, denominado “Coto” ... Dichos festejos fueron organizados por el exalcalde de Cerdedo don Bonifacio Alonso.
Na romaxe da Saleta non faltaba de nada: na procesión desfilaban canda a Santa dous xigantes (home e muller), estoupaban bombas de palenque e foguetes “de aire y plaza”, tanxían as bandas de música de Cerdedo na compaña de afamados gaiteiros, celebrábase xantar campestre na carballeira da Santa Tareixa, ambientado con “iluminación a la veneciana” (faroliños de cores)...
En xaneiro de 1915 (Progreso, 13-1-1915), Bonifacio Alonso e Casimiro Peleteiro, integrando unha comisión de veciños de Quireza, baixan a Pontevedra para entrevistarse co deputado en Cortes Raimundo Riestra (electo polo distrito da Estrada). Os quirezáns solicítanlle ao primoxénito do marqués o seu apoio á construción dun camiño veciñal duns 8 km de lonxitude, co obxecto de comunicar os lugares de Laxoso, Piñeiro, Tres Aldeas, Os Castros, Outeiro, Fondós e Bugarín, amecendo no Serrapio. É dicir, a estrada que, na actualidade, atravesa de norte a sur a parroquia de Quireza, unindo a PO-2201 coa PO-230. En marzo de 1916 recuncan na misión petitoria (La Correspondencia Gallega, 1-3-1916).
Bonifacio Alonso Torre faleceu en Bugarín (Cerdedo) o 11 de marzo de 1926 aos 92 anos de idade (El Diario de Pontevedra, 13-3-1926; El Pueblo Gallego, 17-3-1926).
Casimiro Peleteiro Fernández faleceu o 21 de agosto dese mesmo ano. Hermosinda Barros Ovelleiro sobreviviunos 41 anos, morrendo o 17 de decembro de 1967 aos 99 anos de idade.
Os de Bugarín, como ben puidemos comprobar hai uns días, aínda recordan a devota señora Hermosinda recadando porta a porta as esmolas para as obras do templo ou pedindo a berros rogativas á Saleta cando era de librar a aldea da seca pertinaz: “Virxe da Saleta, axúdanos, que morre todo o millo da Cerdeira!!”. Testemuñan os veciños cos que falamos que, tras estes actos de relixiosidade popular, sempre acababa chovendo.
Hermosinda Barros está soterrada no camposanto da Santa Baia de Castro. Unha placa de mármore branco, inscrita e engastada nunha lápida terreña, lembra o seu paso por este mundo.
Bonifacio Alonso Torre, encomendándose á Saleta, creu factíbel facer de Bugarín un centro de peregrinación, máis alá dos festexos propios da efeméride (o 19 de setembro). A advocación da Nosa Señora da Saleta substituíu naquel apoxeo a Santa Tareixa, a padroeira primitiva que, paseniño, mortos os entusiastas patrocinadores, volveu recuperar a titularidade. A conversión da capela en igrexa, o gran balcón da portada, o espazoso adro, o cruceiro presidente e a dupla escalinata de 9 chanzos estaban pensados para acoller unha grande afluencia de fieis e para a celebración de populosas homilías. Bonifacio Alonso viu na Salette dos Alpes os exvotos que, en forma de relato ilustrado, adobiaban as paredes da basílica; agasallos dos enfermos terminais que sandaran milagrosamente.
No interior da capela da Nosa Señora da Saleta de Bugarín, á esquerda do altar maior, atopeime cun exvoto semellante, oferta dunha moza do Serrapio, restablecida do seu mal incurábel grazas á intermediación da Virxe. Velaquí o texto que acompaña a ilustración e, asemade, a evidencia que inspirou este artigo:
Rosa García Parada, joven de catorce años, del lugar del Serrapio en la parroquia de San Estevan de Pedre, en prueba de gratitud, y para más gloria de María Santísima, quiere hacer público un señaladísimo favor que por su intercesión alcanzó del cielo.
—— • —--
En el mes de Agosto de 1883, fue acometida de una violenta enfermedad que en breve la hizo conocer que la hora de su muerte se acercaba. Fortalecida con los Santos Sacramentos y recibidos hasta los últimos ausilios y consuelos que la religión presta a los moribundos, cuando la ciencia, no teniendo ya recursos, había perdido toda esperanza, se acordó de invocar a la Santísima Virgen de la Saleta, y habiéndosele administrado unas gotas del agua de la fuente milagrosa, comenzó desde aquel momento a sentir alivio a su dolencia, viniendo ella misma al poco tiempo a depositar sus ofrendas ante la imagen de la Santísima Virgen.
Non existe nas inmediacións da capela un manancial ao que atribuírlle calidades prodixiosas (a fonte actual verte auga da traída), polo que, quizais, as pingas de auga subministradas á moza doente, ou ben proviñan dunha fonte común e se bendiciron na pía da Saleta de Bugarín, ou ben procedían da fonte milagreira de La Salette, a 1.658 km de distancia; auga envasada e traída á aldea polo propio Bonifacio. Tentar tentouse. Hogano, o único foco de peregrinación da comarca de Montes, laico e sen ánimo de lucro, é o soarego de Portalén. Desculpen a inmodestia.
Rosa García Parada aínda estaba viva en outubro de 1936, colaborando con 5 pesetas en prol do “Movimiento salvador” (El Diario de Pontevedra, 25-10-1936).
Non se pode salvar a quen non quere ser salvado.