Calros Solla
Coas agregacións de Vilarchán e Cuíña (na actualidade, aldeas da freguesía de Quireza), Bonifacio Alonso Torre aspiraba a que Bugarín se convertese en cabeza parroquial, aínda que fose como entidade anexa á de Castro. Xa que logo, cumpría un templo cuxas dimensións e padroado estivesen acordes coas pretensións. Cando se lle deu principio á construción da igrexa de Bugarín, a aparición da Virxe en La Salette-Fallavaux (Francia) e o relato dos seus portentos levaban máis de tres décadas espallándose por todo o orbe. As obras de construción da basílica de Notre-Dame de La Salette remataron en 1879. Bonifacio Alonso viaxou aos Alpes, probabelmente entre 1880 e 1882, e, impresionado pola experiencia, quixo implantar en Cerdedo os pormenores da nova devoción.
Mélanie Calvat e Maximin Giraud, dous pastorciños de quince e once anos de idade, relataron que arredor das tres da tarde do sábado 19 de setembro de 1846 se lles aparecera unha “bela dama” mentres alindaban o seu gando no monte Planeau, próximo a La Salette-Fallavaux, lugar pertencente ao departamento de Isère, na antiga rexión francesa de Rhône-Alpes. A aparición tivo lugar catro días antes da festividade da Nosa Señora das Dores.
Ao parecer, a fermosa e rutilante muller, “máis brillante ca o sol”, dirixiuse a eles en francés e mais en patois (en concreto, nun dialecto do occitano), a lingua que falaban os nenos, que amais de pobres eran analfabetos. De primeiras, a dona encantada, sentada nunha rocha, tapaba a cara coas mans, chorando amargamente; despois, incorporouse, pediulles aos nenos que se achegasen e fíxoos sabedores de cadanseu segredo. A Virxe prohibiulles revelalos até o ano 1858 (ano no que se deron a coñecer as aparicións de Lourdes). Porén, o 2 de xullo de 1851, os videntes de La Salette foron cominados polo bispo de Grenoble Philibert de Bruillard a poñer por escrito o contido das mensaxes e a remitirllas ao papa Pío IX.
En resumo, as mensaxes marianas transmitidas polos pastorciños seica agoiraban inminentes pragas, malas colleitas e fame negra se a humanidade non se aviña á palabra de Deus e facía penitencia polos seus pecados. Ao parecer, a Virxe faloulles con dor da crise espiritual da Igrexa, da corrupción dos seus ministros: A natureza clama vinganza e tremerá de espanto, agardando o que debe suceder na Terra, enchoupada de crimes. Roma perderá a fe e converterase na sede do Anticristo...
A vidente Mélanie Calvat fixo públicas dúas versións discordantes do seu segredo (en 1851 e 1879). A segunda versión é argüída polos católicos sedevacantistas para afirmar que o papa Xoán XXIII (promotor do Concilio Vaticano II) e os seus sucesores non son lexítimos herdeiros da cadeira de Pedro.
Esta controversia obrou en detrimento do misterio de La Salette e en beneficio dos de Lourdes ou Fátima que copiaron, mutatis mutandis, o seu formato e cuxos santuarios atraen anualmente un número maior de fieis. Lemos na web da Fundación Cari Filii (23-4-2019): Los dos videntes han estado siempre perseguidos por estos famosos secretos. A veces ensombrecidos y juzgados precisamente por sus contenidos. Una sombra que los ha envuelto también después de su muerte. Tanto es así que, aún hoy, su causa de beatificación (legítimamente promovida como se hizo para los videntes de Fátima y la vidente de Lourdes) está parada a causa, precisamente, de estos secretos, sobre los que incumbe un misterio que ha durado más de 170 años.
O 19 de setembro de 1851, o bispo de Grenoble proclamou a autenticidade da aparición mariana en La Salette e autorizou o seu culto. Un ano despois, o papa Pío IX outorgáballe o visto e prace do Vaticano. A construción do santuario de Notre-Dame de La Salette iniciouse en 1852 e finalizou en 1879, o ano da súa consagración. O templo edificouse a 1.800 m de altitude, no cordal dos Alpes. É o segundo dos santuarios franceses dedicados á veneración da Virxe en volume de visitantes, recibindo anualmente arredor de trescentos mil peregrinos.
En 1858, doce anos despois da aparición de Notre-Dame de La Salette, consignáronse as dezaoito aparicións de Notre-Dame de Lourdes, presenciadas pola pastora Bernadette Soubirous na cafurna de Massabielle (departamento francés de Hautes Pyrénées). De primeiras, Bernadette, nena pobre e analfabeta de 14 anos, referiríase á máxica muller como Aquerò (“Aquilo”, en dialecto occitano). En 1862, a Igrexa autorizou o seu culto. O santuario de Lourdes recibe uns seis millóns de devotos ao ano.
En 1917, setenta e un anos despois das aparicións de La Salette, tiveron lugar as de Fátima (Portugal), no lugar da Cova da Iria, testemuñadas polos pastoriños Lúcia dos Santos (10 anos) e os seus curmáns Francisco (9 anos) e Jacinta Marto (7 anos), tamén pobres e analfabetos. Os meniños, a semellanza dos pegureiros de La Salette, describiron a aparecida como unha muller “máis brillante ca o sol”. Cada ano, seis millóns de romeiros visitan o santuario portugués.
Todos tres lugares, escenarios do prodixio, teñen en común o agromo dun manancial salutífero e as curacións milagrosas de persoas desafiuzadas. La Salette e Fátima tamén comparten o episodio das mensaxes, segredos ou misterios participados pola Virxe aos videntes escolleitos.
Outras devocións marianas que tiveron a súa orixe en aparicións da Virxe son El Pilar (Zaragoza, c. 40 d. C.), Mount Carmel (Cambridge, 1251), Guadalupe (Cidade de México, 1531)...
Tres curacións extraordinarias aconteceron nos anos sucesivos mercé da devoción de Notre-Dame de La Salette: a de Antoinette Bollenat, muller de 33 anos, ocorrida o 12 de novembro de 1847 e dada por milagre por Mellon Joly, arcebispo de Sens; a do crego de menores Martin, de 22 anos de idade, ocorrida o 1 de abril de 1849 e tomada por milagrosa por Louis Rossat, bispo de Verdún; e a curación da señora Bonnet, ocorrida o 12 de xaneiro de 1855 e confirmada por Clément Villecourt, bispo de La Rochelle e Saintes.
Consonte os testemuños, o consumo da auga do manancial das aparicións foi elemento coadxuvante nas curacións.
Continuará...