Tino Regueira
A palabra.....a palabra que ti, Xosé Vázquez Pintor, puxeches en valor dende as túas matrias das Terras de Melide a a Terra do Medio, facendo iso : Terra, país, lingua e patrimonio.
Palabra que ti, Xosé, fuches quen de facela capaz de xunguir na mesma xeira da vida, o pan, o pan de centeo dos sucos asoballados co compango que as ondas do mar traen en dramática pelexa ás Terras de baixo, berce de mariñeiros e nais rexas e fortes.
Pelexa chea ás veces de mortos, de nenos orfos e sal.
Tempus fuxit. Desde aqueles “días doce” de feirantes nos pendellos, de aquelarres de carros tirados pola imaxe máis totémica da nosa Terra ancestral, carros coas oblatas dos arbitrios tatuados no chedeiro.
Tempus fuxit, desde aqueles días que ti dignificaches : pratos de polbo acompañados de netos de viño e do froito de seituras atafegantes que ti dixeches cheas de bágoas para amasar o pan.
Adiviñamos no teu decorrer as imaxes daqueles días de rapaces ledos, de navallas trafegadas por aquel Xosé da Burra e daquel exotérico Abelardo, flanqueado dos fardeis de froitos da Terra por un lado e de cornello negro púrpura polo outro.
E mentres tanto a palabra : “ Nin pra ti nin pra el, partide os cen pesos sen máis escribano ca unha apreta de mans” tomando despois uns tintos nos pendellos, na do Cambote ou onda o David e a Adriana, remanso de paz e nobleza.
E ti, Xosé Vázquez Pintor, fuches e segues a ser o depositario da palabra que nos lembra que houbo Terra, hai Terra, hai país.
Isto faite merecente do noso máis fondo recoñecemento.
Grazas, Xosé.