David Otero
Hoxe a día de luz. Día da Candelaria, xa indo no ano de Ricardo Carvalho Calero e no Centenario da Xeración Nós e coa memoria de Avelino Pousa, aquí estamos, Daniel. Estamos no querer absoluto de pensar contigo e asemade falarmos. Non estamos aquí para celebrar que hai 134 anos que naceches e que agora contamos os setenta que levas morto.Non… Xa que ti Daniel…ti non estás morto. Todas e todos ben sabemos que non existe a morte, senón que soamente o olvido.E nós non te olvidamos.Este pois non é un acto de requiems. E ti Daniel hoxe aquí… achégasnos, pero tamén únesnos.
E falo así porque traballamos contigo… desde a túa vida, o teu pensamento e a túa obra…para superar tantas inercias e así…no notar de ventos liberados…obramos para que a nosa voz… milite na esperanza de que se escoite,
e labramos cos desexos dunha poderosa explosión democrática… para sentir a non moi tarde…a presenza das nosas vidas sensatas… e libres…nuns horizontes presididos pola nosa cidadanía.
E niso… ben sabemos que a tarefa é dura e fatigosa, si…pero dun valor moi fermoso, pois Daniel… e sábelo…Galiza non é unha reserva.
Nós non queremos estar a vivir de contino nunha beleza que nos doe.
Nós queremos andar na perspectiva de país… pobo do galego, para nos sentir na casa de todos. Queremos como prioridade…e co traballo común…pasando das palabras aos feitos, unha mínima normalización política e democrática con dinámicas de iniciativas inclusivas.
Non son tempos, Daniel…de estarmos cos brazos cruzados, nin perder as raíces das nosas miradas, nin negar as nosas feridas, pois a rebeldía hai que motivala, pois ela ten moito aquel de simpatía e é moi fermoso…en rebeldía… ver as nosas forzas compartidas.
E polo mesmo, Daniel… conciliando a historia coa memoria…sendo nós… e movéndonos sen esforzos no noso amor...así de xenerosas e de xenerosos…,poñendo os teus ollos nos nosos e os nosos nos teus…, que así o demostramos aquí e hoxe…,diremos… que tamén se nos fai preciso… poñer os ollos nas nosas persoas exemplares.escoitar as súas voces lexítimas e descubrirse diante delas, que iso será demostrar…
que a nosa arma máis contundente… é a dignidade.
Ampliemos pois os espazos do posible. Aquí e hoxe e máis ca nunca contigo… Daniel…sexamos nomes de amor, loitemos pola voz do noso pobo, valoricemos o dereito a sermos nós mesmos e a ter a capacidade de decidir o noso camiño, o que queremos ser…e obrar, reducindo a distancia entre o mirar e o facer, pois cando somos nós…falamos nós. E facemos nós, así…levando en nós…pobo, nación, país, cultura e lingua…
GALIZA.