Tras o golpe de Estado fascista, Campos Varela militará en Falanxe. Concluída a súa vida política, volve exercer a avogacía e funda a empresa Conservas “La Canidense”. Campos Varela morre de cancro en 1954, aos 63 anos de idade.
Calros Solla
O xornal El Pueblo Gallego será incautado o 31 de xullo de 1936 polos militares sublevados, sumándose á chamada prensa do Movimiento.
Dous meses despois, en El Pueblo Gallego (17-9-1936), na sección “Noticiario de Falange Española de las JONS (Jefatura de Vigo)”, atopamos a Ánxel Campos Varela nunha listaxe de simpatizantes que achegan doazóns a Falanxe. Campos Varela colabora con 125 pesetas. Un mes antes, Rosa Cerqueira Domínguez, a súa cónxuxe, entregaba en prol do exército franquista 92 gramos de ouro: una moneda de una libra esterlina con asa, una moneda crujer con asa, dos pulseras, cuatro cadenas, un imperdible, un medallón, dos medallas, tres sortijas, tres pares de pendientes, un alfiler de corbata, un gemelo, una cruz y varios trozos sueltos (El Pueblo Gallego, 23-8-1936).
En El Pueblo Gallego (6-10-1936), na sección “Noticiario de Falange Española de las J.O.N.S (Jefatura de Vigo)”, achamos a Ánxel Campos Varela nunha “Relación de camaradas que deberán pasar por la Secretaría Local para provistarse del oportuno carnet”.
Como militante de Falanxe, “debidamente uniformado”, Ánxel Campos Varela foi requirido con frecuencia pola Xefatura de Milicias desta organización en Vigo, para a realización de diversos servizos, adscribíndose á primeira e á terceira “Centuria”: “servicios especiales”, “servicios nocturnos con las fuerzas de orden público”, “oficinas del aeropuerto de Vigo”, “prevención”, “imaginaria-servicio antiaeronáutico”... En El Pueblo Gallego consígnase esta actividade até o 2 de abril de 1939.
Polo mesmo xornal (20-7-1937) sabemos que Ánxel Campos Varela depositara na Caixa de Aforros Municipal a cantidade de 25 pesetas en prol dos sublevados e “para la compra de un barco de guerra”.
No mesmo xornal (16-12-1937) lemos que Ánxel Campos Varela colaborara con 50 pesetas para o “Aguinaldo del combatiente”.
O nº 39 (1-3-1938) da revista Martín Códax (órgano da agrupación homónima) felicita a Ánxel Campos Varela, un dos seus socios, pola súa onomástica (ídem, en 1939; ídem, en 1940).
En El Pueblo Gallego (9-10-1938) lemos que Ánxel Campos Varela achegara 25 pesetas para a adquisición das insignias da Medalla Militar coa que se homenaxeou a Xosé Fernández Parada, párroco de Comesaña, “en premio a su heroica actuación en campaña”.
Tres anos despois, El Pueblo Gallego (22-3-1941) informa do enlace matrimonial Varela-Cerqueira. A voda de Rosita Cerqueira Pose, filla do conserveiro Antonio Cerqueira Domínguez, e Xosé Varela Saavedra tivo lugar na igrexa parroquial de Santiago de Vigo. Casounos o “Padre Comesaña”. A representación do xuíz ostentouna Ánxel Campos Varela, cuñado de Antonio Cerqueira.
O 24 de maio de 1941, El Pueblo Gallego informa do casamento de Xosefina Cerqueira Pose, outra das fillas do conserveiro Antonio Cerqueira, con Rosendo Pinzás Soto. Ánxel Campos Varela, tío político da noiva, volve representar o xuíz na cerimonia, que ten lugar na colexiata de Vigo.
O 12 de decembro de 1943, El Pueblo Gallego publica a listaxe de doadores dunha subscrición “Pro Navidad de los humildes”. Ánxel Campos Varela participa con 50 pesetas.
O 29 de agosto de 1946, o vespertino La Noche informa do casamento de María Isabel Cerqueira Urizar, filla do conserveiro Ventura Cerqueira Domínguez. A moza casa con Xosé Ramón de Castro, marqués de Leis, emparentado á súa vez coa familia Riestra. Ánxel Campos Varela, cuñado de Ventura Cerqueira, fixo de testemuña do enlace.
El Pueblo Gallego (21-10-1947) informa de que Ánxel Campos Varela fora elixido vogal da Xunta Social do Sindicato da Pesca.
O mesmo xornal (13-6-1948) anuncia que, no salón de actos do Hogar del Productor, co gallo da xuntanza extraordinaria do Consello Económico e Social, Ánxel Campos Varela falará sobre “El transporte y las industrias de la pesca” (ídem, en La Noche, 14-6-1948).
Nesta altura, emulando a parentela, Campos Varela funda en Canido a conserveira Ángel Campos Varela (“Fábrica de conservas y salazones de pescados”), que comercializará os seus produtos coa marca “La Canidense”. O obradoiro de “La Canidense” ocupará as naves da antiga conserveira do seu sogro Antonio Cerqueira. Derruídos os edificios da conserveira de Canido, na actualidade aqueles predios son terreo urbanizábel.
Un dos envases de follalata das conservas “La Canidense”, datado nos anos 50, pódese adquirir hoxe na Internet. No seu momento, o vello recipiente contivo agullas en aceite puro de oliva (clase extra). No emblema de “La Canidense” distínguense as chemineas fumegantes da industria, sita á beira da praia do Canto da Area; tamén se albisca o convoi do antigo tranvía e a capela dos Liñares.
O quincenario Sábado (30-9-1950), publicación da Delegación Provincial de Sindicatos de Pontevedra, informa das eleccións sindicais. Na empresa Ángel Campos Varela (do Sindicato da Pesca), xa se realizaran as eleccións de enlaces. (Tamén, catro anos despois: El Pueblo Gallego, 11 e 12-3-1954 e Avante, 15-4-1954).
Por El Pueblo Gallego (13-7-1952), sabemos que Ánxel Campos Varela era presidente da Comisión “Pro atrio de Liñares”, encargada da construción do adro da capela de Nosa Señora de Liñares, na parroquia de San Miguel de Oia.
O mesmo xornal (14-9-1952) salienta o vínculo existente entre Campos Varela e a advocación da Virxe dos Liñares de Canido. O correspondente José Vidal Bustamante chama a Campos Varela “el abogado marinero” e engade: Ángel Campos Varela, abogado, que oriundo de la serranía pontevedresa, aquí vino a ancorar, con muchos rizones, con tantos como solemos hacerlos los de tierra adentro que llegamos a comprender y amar al mar. Foi Campos Varela quen lle explicou a Vidal Bustamante a relación do topónimo “Liñares” co pretérito cultivo do liño nos predios do Vao. Foi tamén Campos Varela quen promovera a ampliación do templo dos Liñares sendo, até 1949, mordomo da festa. Así mesmo, sabemos por Bustamante do preito que enfrontou os veciños de Oia cos de Coruxo pola posesión da capela. Finalmente, os tribunais eclesiásticos déronlles a razón aos de Oia.
Por El Pueblo Gallego (28-4-1953), sabemos do casamento en Madrid de María Teresa Cerqueira Company, filla de Xoán Cerqueira Domínguez e sobriña política de Campos Varela, que actuou de testemuña no enlace. En setembro de 1936, Xoán Cerqueira Domínguez figuraba como xefe local de Falanxe; no 37, tesoureiro comarcal e subxefe de escuadra...
O avogado, industrial e hábil político cerdedés Ánxel Campos Varela, grande afeccionado á música e á literatura, morre de cancro ao ano seguinte, o 20 de xuño de 1954, aos 63 anos de idade. Os indiscutíbeis dotes camaleónicos de Campos Varela convertérono no político máis relevante dos que deu Cerdedo, capeando sen apenas despeitearse unha república e dúas ditaduras.
Vinte e dous anos despois e a tres anos vista da súa desaparición como rotativo, o xornal El Pueblo Gallego (3-11-1976) lembra que con Ánxel Campos Varela á fronte da alcaldía fora aprobado o Plan Comarcal (Proxecto de extensión (ensanche) e reforma interior de Vigo), encargado pola corporación en 1930 e redactado polo arquitecto Antonio Palacios (sesión plenaria do 6 de xuño de 1934). Por desgraza, o adiantado proxecto urbanístico do arquitecto Palacios (1874-1945), das que Campos Varela era entusiasta defensor, bateu cunha realidade imposibilitadora.