O 8 de marzo de 1934, Campos Varela substitúe a Martínez Garrido na alcaldía. O novo alcalde reforza os vínculos fraternais de Vigo con Ourense e Portugal. O parque de Castrelos e o monte do Castro pasan a ser de dominio municipal
Calros Solla
O 29 de setembro de 1933, El Pueblo Gallego publica unha entrevista ao tenente de alcalde realizada por Xoán Carballeira: la generosa sonrisa de don Ángel Campos Varela pone a mi disposición una butaca mullida, un cigarro oloroso y toda su atenta simpatía dispuesta al diálogo. O texto acompáñase dunha fotografía de Pacheco. Campos Varela denuncia o “desbarajuste administrativo” da Facenda municipal, fai fincapé na perentoria construción da Gran Vía, na promoción de Vigo como cidade turística...
O 5 de marzo de 1934, coa presenza do alcalde Campos Varela, homenaxéase no Centro de Hijos de Vigo ao poeta e cónsul de Colombia Alfredo Gómez Jaime. Na súa honra, dedícaselle a rúa Colombia.
A río lodo, ganancia de pescantíns. O 8 de marzo de 1934 o ministro da Gobernación destitúe o alcalde Martínez Garrido por desobediencia, xa que autorizara un mitin que previamente prohibira a autoridade provincial. O gobernador pon a alcaldía nas mans de Campos Varela, o 1º tenente de alcalde.
O 22 de marzo de 1934, en El Pueblo Gallego, Ánxel Campos Varela, xa como alcalde presidente do concello de Vigo, asina un edicto da alcaldía co que informa a cidadanía da situación dun agromo de rabia e das medidas preventivas.
O 23 de marzo de 1934, o mesmo xornal informa que o alcalde Campos Varela se reuniu cos representantes das empresas cinematográficas. A autoridade transmítelles su decisión de terminar de una vez con los escándalos que producen cuatro ineducuados en la mayor parte de las sesiones.
O 24 de marzo de 1934, o mesmo xornal publica un novo edicto no que o alcalde Campos Varela enuncia catro disposicións de obrigado cumprimento para a cidadanía viguesa: non botar a pela das laranxas á vía pública, observancia das normas de circulación para condutores e peóns e das normas de educación e urbanidade entre os asistentes a espectáculos públicos e prohibición de pór a bogada a secar nas ventás e nos balcóns. A alcaldía conclúe o bando deste xeito: De modo inexorable serán aplicadas a los infractores, sin esperanza de atenuación ni condonación, las sanciones más severas y enérgicas que la Ley le autoriza.
De véspera, o alcalde fixera acto de presenza nun acto de fraternal homenaxe ao pobo de Ourense, celebrado no Centro de Hijos de Vigo.
O 30 de marzo de 1934, El Pueblo Gallego publica un bando da alcaldía anunciando prazas vacantes na banda municipal de música (ídem, en El Pueblo Gallego, 1-4-1934).
O 3 de abril de 1934, o mesmo xornal informa dunha xuntanza celebrada no despacho da alcaldía viguesa que, canda o titular Campos Varela, reunira o alcalde de Lavadores e a senllos representantes dos rotativos Faro de Vigo e El Pueblo Gallego. O motivo do encontro era proceder a repartir o diñeiro recadado por subscrición popular en prol das vítimas da “catástrofe tranviaria” acaecida en Vigo o 16 de novembro de 1933. A cantidade recadada ascendía a 19.412’90 ptas.
O 5 de abril, no teatro García Barbón, o alcalde imponlle á señorita Mely Claro Vázquez a banda que a distingue como Miss Vigo 1934.
O 10 de abril de 1934, El Pueblo Gallego informa da presenza do alcalde Campos Varela no acto de inauguración da Biblioteca Mariñeira de Bouzas, a primeira desta natureza no Estado.
O 15 de abril de 1934, El Pueblo Gallego informa que, na véspera, o delegado do Goberno Emiliano Iglesias Ambrosio viaxara a Vigo para facer entrega á cidade dos documentos de cesión do monte do Castro. O contido do texto asinado é o seguinte: Alcaldía: En la Casa Consistorial de Vigo a las seis de la tarde del 14 de abril de 1934 –tercer aniversario de la proclamación de la República– D. Emiliano Iglesias Ambrosio, diputado a Cortes por la provincia, en nombre y representación del excelentísimo señor ministro de Hacienda, hizo entrega al Excmo. Ayuntamiento de Vigo, representado por su alcalde D. Ángel Campos Varela, de los terrenos llamados del monte del Castro, cuyo dominio fue reconocido de modo definitivo a la ciudad de Vigo por Ley de 27 de marzo de 1934. O mesmo xornal, o 15 de xullo de 1934, titula: “El parque de Castrelos es ya del pleno dominio de Vigo – Una laudable gestión del alcalde señor Campos Varela”. O Castro e Castrelos, hoxe concorridas zonas de recreo da cidade olívica, convértense en espazos públicos durante a alcaldía do noso paisano.
O ponteareán Emiliano Iglesias Ambrosio foi, canda Alejandro Lerroux, fundador do Partido Republicano Radical. Co triunfo das dereitas nas eleccións xerais de novembro de 1933, Alcalá-Zamora nomeara presidente do Goberno a Lerroux, dando principio ao chamado “Bienio negro”.
O 1 de maio de 1934, o mesmo xornal publica un edicto da alcaldía de Vigo na que o rexedor Campos Varela fai saber que todos os porcos do termo municipal serán vacinados gratuitamente contra a peste.
Polo mesmo xornal (15-5-1934) sabemos da asistencia do alcalde Campos Varela aos actos inaugurais da estación de radio viguesa.
O 22 de maio, o alcalde preside no salón do Hotel Continental a homenaxe ao violinista, director de orquestra e compositor Enrique Fernández Arbós.
O 27 de maio de 1934, baixo o titular “Vigo y el turismo”, El Pueblo Gallego informa que o alcalde recibira un cablegrama de agradecemento do comandante do transatlántico alemán “Milwaukee-Norddeichrad”: Rogamos acepte nuestro sincero agradecimiento por recepción hecha nuestros turistas. Visto resultado obtenido, proyectamos dirigir este año cinco excursiones más a ese magnífico puerto.
El Pueblo Gallego do 31 de maio, tras afirmar nun número anterior que o alcalde Campos Varela non iniciara xestión ningunha en prol da Facenda municipal, publica agora unha nota da alcaldía retrucando tales declaracións.
Na mesma edición, o xornal informa que o día 29 se reuniran no salón de actos da casa do concello a delegación local do Consello de Traballo, unha representación da Unión de Fabricantes de Conservas de Galicia e a xunta directiva da Sociedade de Obreiros e Obreiras Conserveiras La Invencible. Presidiu a xuntanza o alcalde Campos Varela, á sazón, parente de conserveiros.
O 7 de xuño celébrase unha xuntanza no concello na que o alcalde informa do acordo para construír con urxencia unha estrada que una o vial Vigo-Baiona coa praia de Samil (El Pueblo Gallego, 8-6-1934).
O nº 595 da revista Vida gallega (10-6-1934) publica unha reportaxe fotográfica da “grandiosa excursión de Vigo a Ourense”, celebrada o 27 de maio e presidida polo alcalde Campos Varela. As fotos asínaas Pacheco. A viaxe fora organizada polo Centro Orensano e mais o Centro de Hijos de Vigo. En El Pueblo Gallego (30-5-1934), lemos que o Centro de Hijos de Vigo eloxia a Campos Varela por viaxar á aldea de Cachamuíña e participar no acto de inauguración dunha placa en lembranza do heroe da Reconquista.
O domingo 10 de xuño o alcalde ocupa a tribuna do campo do Chau-Chau en Tui para presenciar a vitoria do Celta (7-0) fronte a un combinado de Porto (El Pueblo Gallego, 12-6-1934).
El Pueblo Gallego do 26 de xuño de 1934, por mor da visita oficial da cidade de Vigo á Exposición Colonial de Porto, publica unha fotografía do alcalde Campos Varela acompañado das autoridades civís e militares portuguesas na estación de San Bento. A comitiva viguesa compúñana un cento de persoas. O alcalde ten a honra de condecorar coa medalla de ouro de Vigo a Mamadú Sissé, o “régulo” da Guinea. O público portugués confunde a Campos Varela co seu ministro da Guerra (Vida Gallega, 30-6-1934).
Poucos días despois, o alcalde Campos Varela volve visitar a exposición portuguesa co gallo da excursión organizada pola Asociación de la Prensa de Vigo (El Pueblo Gallego, 30-6-1934).
O 1 de xullo de 1934, El Pueblo Gallego publica un edicto da alcaldía, no que Campos Varela fai saber que quen asuma a encomenda de rozar o monte do Castro, poderá quedar coa herba de balde.
Continuará...