Cualificados como tesouros naturais e culturais, velaquí unha mostra dos espécimes arbóreos máis salientábeis da freguesía de Cerdedo
Calros Solla
Cualificados como tesouros naturais e culturais, velaquí unha mostra dos espécimes arbóreos máis salientábeis da freguesía de Cerdedo
Calros Solla
Dedicado a Dolores González “Andregoto G.”
Coas árbores senlleiras da parroquia de Cerdedo inauguramos unha serie de artigos destinados a dar a coñecer –e daquela valorizar e, se cabe, blindar– o tesouro arborescente do territorio cerdedés. Refírome aos espécimes autóctonos, xa que de “arcolitada” imos sobrados e apestados.
Moito me sabería que esta fose a primeira de sucesivas entregas: o tempo, que é o que máis vale, dánolo Deus de balde. Se vostedes coñecen polas parroquias de Cerdedo adiante algunha árbore singular (así consideradas en virtude dos seus valores naturais, culturais, científicos, didácticos, estéticos ou paisaxísticos) ou teñen noticia dalgunha outra xa desaparecida, non dubiden en facermo saber a través das canles habituais.
A Cachopa Moura
A Cachopa Moura foi corpudo castiñeiro (Castanea sativa) de candea mesta e farta soutea. Verdeaba retorto, illado e aburado nunha lomba do monte de Abelaíndo, aló do regueiro do Porto da Escava. Descoñezo cal era a súa localización exacta, pois, cando do castiro obtiven noticia, xa os axentes naturais consumiran de vez os seus despoxos.
A Cachopa Moura era albo frecuente da chispa, biqueira do raio. Aquel castiñeiro do monte de Abelaíndo era unha árbore vella e graúda; chamizo furado de arriba a abaixo e ao través: toqueira da curuxa, do moucho ou da avelaiona; subiote do aire de riba.
Non é aconsellábel, cando trona, procurar abeiro baixo as árbores conspicuas, agora ben, gorecerse baixo a Cachopa Moura supuña poñer o cu ás azoutas. Era tanta a querenza do raio polo seu toro que o vezo da centella levou a pensar que na raiceira do castiñeiro se agochaba un tesouro. Sábese que, alí onde afociña o raio máis dunha vez –cousa estraña– ou se oculta un barcal de ouro mesto ou o ouro tenro se refai na súa veta a golpe de descarga. Disque o ouro da terra vai acrisolando a por de choques eléctricos. Quen sabe?
As ansias polo carto fácil espeliu algúns cacheadores a cavar arredor da árbore que, amais de carbonizada tiña o raizame á vista, circunstancia que acelerou a súa seca. Quen fochicou ao pé da cachopa confesou que non atopara tesouro ningún –tampouco o ía recoñecer–, pero si un cadal insospeitado de pedras de cuarzo cristalizado (sistema hexagonal co bico piramidal) que, conforme a tradición, é a manifestación contundente da mesma chispa. Como dende hai vinte anos, nas miñas charlas sobre amuletos e obxectos de poder explico que as chamadas popularmente “pedras feitas” (machados neolíticos) tamén se identifican como “pedras do raio” ou como “pedras da pezoña”. A meirande parte das chispas soterradas a son do castiñeiro eran transparentes ou translúcidas, anque tamén as había negras coma a boca do lobo. Constatamos pois que a Cachopa Moura era un pararraios excepcional.
De calquera xeito, que a Cachopa Moura gardaba un tesouro era até non hai moito andrómena recorrente en baiucas e parrumeiras. Á calorciña do viño ou do lume manso, en Abelaíndo foise transmitindo de xeración en xeración que, a semellanza da Esfinxe, o castiro cadaveiro sorprendía –voz de trono– a todo aquel que o visitaba alangreado pola certeza do ouro, formulándolle o seguinte enigma: “Cantas cestas de terra ten o monte do Seixo?”.
Como xa saberán os lectores do Almanaque de encantos (2005), se o aspirante erraba na resposta, a Cachopa Moura aprestaba vivaz alxube coas raíces, cativando o incauto a perpetuidade. Porén, segredo de dous sábeo Deus; segredo de tres sábeo quen quer. Revelou a curuxa –ou o moucho, que é moi sabido– que unha noite, en soños, a Cachopa Moura bisbara a solución: “Se a cesta é coma o monte, unha”. Non hai falla.
O carballo das Revoltas
Deste espécime gabábanse os de Abelaíndo, afirmando que era, xa non o carballo, senón a árbore meirande do antigo concello de Cerdedo. O rebolo (Quercus robur) reinaba dende había séculos na testeira da Veigha Vella. Do carballo das Revoltas salientábanse co peito inchado tres calidades: “que as súas raíces bebían dos mexos do demo”, “que era o pai de todos os carballos da redonda” e “que o tronco non o daban abarcado dez homes completos” (calculámoslle uns 18 m de perímetro e case 6 m de diámetro na base). Dados os méritos, hoxe ocuparía un lugar de excepción no catálogo de árbores singulares da Galiza (Decreto 67/2007, de 22 de marzo).
Confeso que cando oín o dos “homes completos” non os asociei de primeiras con individuos, por idade, plenamente desenvolvidos; considerei obvio tal requisito, estimando as dificultades de mancos, tocos ou manetos para cinguir a carballa. Desculpen, ninguén está libre.
Nos anos sesenta, o carballo das Revoltas foi pasto das lapas e nin o centeo beicido do san Mertolameu de Chamadoira –podente talismán ignívoro– foi quen de amparalo. Tamén se dicía que cando por fin se deu por extinguido o incendio, o carballo botou case un ano a fumegar.
O carballo Ghordo
Á beira esquerda da estrada Cerdedo-Presqueiras, pouco antes do desvío cara á aldea de Barro de Arén e inmediatamente despois do empalme que conduce aos quinteiros de Portocelos e A Toxa (Meilide), sitúase estoutro exemplo de árbore senlleira.
O carballo Ghordo (X: 551.248; Y: 4.708.832; alt. 405 m) sobreviviu as obras de ancheamento e afirmado do antigo camiño que unía –e une– a capital cerdedesa coas aldeas de Barro e Arén. Estes traballos iniciáronse en 1924 baixo a dirección do contratista cerdedés Antonio Sanmartín, e supuxeron, a maiores, a ampliación da ponte Piñoa. Pouco despois, o proxecto de ensanche e pavimentado (“morrillo”) do antigo camiño de Presqueiras tamén respectou a árbore. Este plan materializouse a comezos dos anos 30, dirixido polo contratista cerdedés Manuel Fontao García e destinado a facilitar a explotación do filón estañífero das dúas Presqueiras (Forcarei).
Por que non se pinchou daquelas o carballo Ghordo? Aseguráronme en Barro de Arén que o serrador que por vez primeira fradou o carballo descubriu con abraio que os aneis das toradas non eran círculos concéntricos, senón en forma de estrela de cinco puntas, o que suscitou un temor supersticioso. A curva que describe a actual estrada (PO-2204) arredor do carballo Ghordo é a mellor testemuña das cautelas aplicadas.
Tanto en Cerdedo coma en Pontevedra é conto vello que Manuel Fontao viu acrecentada a súa fortuna cando os operarios ás súas ordes, ora choiando na escalinata de Santa María a Maior, ora na demolición dun inmóbel na Moureira da Barca, deron co tesouro (ou cunha parte) do pirata Benito Soto. A nova do achado cativou durante días a atención de veciños, xornalistas e malandríns.
Acabouse sabendo que Fontao, celoso do ouro, transportou o cofre do pirata até Cerdedo ao abeiro da noite, agochándoo nos cimentos da ponte do regueiro que chaman de Fontao, que se estaba a construír nunha das revoltas da estrada de Presqueiras (a 1 km arriba do carballo Ghordo). Coñeceuse o caso, porque despois da discreta operación de traslado e agocho, a Fontao déuselle por falar só, sinal inequívoco de quen ten cartos escondidos.
En 1932, prematuramente, seis anos despois de exhumado en Pontevedra o tesouro de Benito Soto, aconteceu o pasamento de Manuel Fontao. Apúxoselle o temperán falecemento a unha maldición. Sexa como for, tras a morte do contratista, unha pantasma ataviada de indiano aterreceu transeúntes e automobilistas na estrada de Presqueiras, aparecéndoselles subitánea na retorta do regueiro. En Cerdedo, a ánima de Fontao é o primeiro exemplo coñecido de “fantasma da curva”. Durante anos, cravado no toro do carballo Ghordo, permaneceu un cartel de madeira coa seguinte advertencia escrita: “Fontao espera por ti” (Léase: A conxura dos Gosende, 2015).
O carballo do Rapenlo
O carballo do Rapenlo (X: 550.487; Y: 4.708.365; alt. 366 m) érguese á beira dereita do camiño que ascende dende a ponte dos Portamuíños –sobre o río do Seixo– até acadar a aldea de Cavenca. O carballón afástase uns 30 m da ponte.
O exemplar posúe 5’30 m de perímetro na base (case 2 m de diámetro). As rodas dos carros esculpiron a comenencia as súas raíces superficiais. A copa atinxe uns 15 m de altura, asombrando tanto o camiño coma o río. O grosor das pólas principais permítenos afirmar que o carballo do Rapenlo son tres carballos nun. Unha cuarta póla, a que daba ao carreiro, foi decotada non hai moito, porque, quizais, empecía o paso dos tractores. Estas feridas non cicatrizaron ben. Catro ameneiros novos arraigaron nas gallas do xigante. O carballo do Rapenlo, exemplo de acollemento, conforma en por el un ecosistema.
Gardo unha relación especial con esta fagácea inmensa, paquidérmica e broullada. O carballo do Rapenlo pertenceu á casa das Raposeiras. Andaría eu nos catorce anos (mediados dos oitenta) cando, requirido pola miña avoa Isolina, estreeime na tarefa de marcar as árbores da familia. Xa na carballeira de Meilide, xa no Barreiro, xa en Covelo ou nas Estivadas, a matrucia, provista de gubia e macico, foilles riscando na casca –sen chegar ao sámago– a marca [yM] “Isolina Márquez, cota nº 2” (un i grego invertido e un eme maiúsculo dobremente subliñado), é dicir, a marca correspondente nas partillas ao “cupo” da miña nai, a súa herdeira.
Comezou a miña avoa o labor de marcado, mais, rematada axiña a instrución, fíxome entrega das ferramentas para que me fose afacendo. A última actualización da marca do carballo do Rapenlo –hoxe, imperceptíbel– tallárona as mesmas mans que teclearon este texto. Sumiuse o sinal da casa das Raposeiras na hipoderme do tronco, porén, xamais esvaecerá en min a lembranza infantil daquela muller, boa e sabia, coa que tanto aprendín e que tanto me quixo: “Calriños, quen a boa árbore se achegha, ben se acobexa”. Miña avoa falecería en 1988.
Visitei o carballo do Rapenlo o pasado 28 de agosto. Apeguei a orella á tona, por se cadraba sentirlle o pulso, pero o coloso pousón seica latexa de lúa en lúa chea. Insignificante a carón da árbore, pregunteime: Quen posuía a quen?
Na outra banda do río, ao pé da ponte, érguese o carballo dos Portamuíños. Varudas sentinelas fan vela naquela fondeira. Uniforme de gala: folla lobulada e perendengues de landras, bugallos e carrabouxos. O carballo dos Portamuíños acada os 4 m de perímetro na base. A súa altura tamén rolda os 15 m.
Outros carballos impoñentes da parroquia: o carballo das Lameiras, no camiño da Revolta a Cavenca; o carballo da Francesa, no monte de Cavenca-A Revolta; o carballo da Madeira, o carballo Seco e os carballos do Rei, no monte da Cavadosa; o carballo da Renda, en terras de Biduído; o carballo da volta da costa da Aghullás, no monte de Abelaíndo; o carballo de Lourido; outro carballo Ghordo, na carballeira de Meilide; o carballo dos Aires, no monte de Carballás; o carballo Escuro, en Cernados...
“Abaixo todas as nacións; todas, agás aquela que dea boa sombra”, escribiu Manuel Rivas.