Manuel Fortes
Reunímonos un ano máis para celebrar, como de costume, a cea de Nadal. Desta vez tocou papar unha gorentosa galiña ó sal e, de sobremesa, leite fritido, que Manolo, Sara e Lorena nos prepararon.
Paso a relatarvos os acontecementos desta xeira. Comezamos o ano co noso “comandante” e guía recollendo, nun Teatro Principal ateigado, o premio Cidade de Pontevedra o 20 de xaneiro, día de San Sebastián, santo padroeiro de Pontevedra. Cómpre dicir que foi a proposta de Vaipolorío, asociación irmá, firme e incansable gardiá e valedora do río dos Gafos, coa que Carlos ten colaborado: véxase Andar primeiro de río (2009) e O río da memoria (2014), as súas obras literarias de achega á causa.
Facendo honra ao noso lema “Chova, neve ou vente, Capitán Gosende”, o domingo 15 de febreiro, día de neve e invernía, parte da tropa puxemos rumbo ó monte do Seixo e, destemidos, desfrutamos da neve, do vento e da néboa no entorno máxico de Portalén.
Días despois, o xacemento arqueolóxico dos Castelos tivo a visita de Galovart, quen, acompañado do “comando Limeres”, admirou a grandiosidade dos gravados.
Mais non todo foron boas noticias, como xa estamos acostumados. Un 23-F, coincidindo coa data do golpe de Estado de Tejero, Cubela, Balseiros e Feijoo anunciaron por sorpresa a fusión dos concellos de Cotobade e Cerdedo. Permitídeme a licenza, pero a min a foto lembroume ó trío das Azores. Comezou entón o proceso de delirante fusión, ou confusión, ou infusión: a verdade que non sei moi ben que carallo é. Só unhas poucas persoas valentes e dignas se levantaron e protestaron ante esta aldraxe sen pés nin cabeza, premeditada nas poltronas.
O 1 de abril o colectivo Capitán Gosende cumpriu o seu cuarto ano de existencia. Quero resaltar a cantidade de actividades e feitos que se realizaron neste tempo.
Voltemos ás aventuras e ós descubrimentos. O 24 de abril atopamos no Outeiro da Cruz, monte da Penancha, Caroi, o gravado rupestre número 24 da nosa tropa, o primeiro no concello de Cotobade.
En maio andamos á procura do agocho do Outeiro das Aveas polas ribeiras do regueiro do Porto a Cadoiro, onde acabamos gozando do fermosísimo salto de auga que lle da nome, e dunha saramaganta que se deixou ver. Que se saiba, o Outeiro das Aveas foi acubillo tras o golpe de Estado de 1936 dos irmáns Bugallo Valiñas e de Francisco Varela Garrido, “Pancho Varela”, avó do noso Fernando Salgado.
Despedimos ó “Comando Limeres” nunha cea memorable con chourizos fritidos en cociña económica (parodia do programa de televisión “Pesadilla en la cocina” incluída), outros manxares e licor café “Do Paisano”. Unha pena que se visen obrigados a marchar dun lugar ó que achegaron aire fresco e vida, pero xa se sabe que Silvestre e compañía só queren xente que lles siga a corda. “El que se mueva, no sale en la foto”.
O 21 de maio tivo lugar un dos acontecementos máis destacados para min desde que comezamos a andaina de Capitán Gosende. Estou a falar da descuberta no Lagharto do arcón de Antonio Sueiro Cadavide, cheo de documentos, cartas, fotos e mesmo un ronco de gaita. Antonio Sueiro, ou Antonio do Lagharto, home polifacético, foi alcalde republicano de Cerdedo, canteiro, e gaiteiro. Emigrou ós Estados Unidos de América nos anos 20 do século pasado, concretamente a Crockett, no estado de California. Non me fago idea do duro que debeu ser chegar a un país estraño coa dificuldade engadida da barreira idiomática. Ao ver todo aquilo, automaticamente veume á mente a miña tía Teresa e o meu tío Arturo, o señor Nieto, o señor Benigno, Manuel de Olaia, Marcelino Campos e outros caroianos que tamén emigraron aos Estados Unidos, principalmente para traballar nas acerías de Gary, Indiana.
O verán foi propicio para a descuberta de gravados rupestres. Figueiroa, O Vieiro, Coto Laceiras, monte de Pedre: suma e segue. Mentres, tamén fomos calcando e fotografando os petróglifos xa atopados con vistas a unha próxima publicación.
Participamos na homenaxe que o 13 de agosto se lles rende na Ponte do Barco a Segundino Bugallo Iglesias e a Francisco Arca Valiñas, canteiros cenetistas cerdedeses, asasinados neste lugar o 13 de agosto de 1936. Non esquecemos, é de xustiza.
Nun solleiro e caloroso sábado de finais de agosto, visitamos o comando Limeres no seu novo lugar de morada, Sistín do Mato, nas terras da Ribeira Sacra.
No mes de setembro andamos a cen. Para comezar, o 10 de setembro, o Seixo, a nosa Montaña Máxica, recibiu neboento a dous milleiros de romeiros, xente boa e xenerosa, que participaron na Romaxe de Irimia, cumprindo neste ano a súa trixésimo novena edición. A contorna da Santa Mariña foi o lugar elixido para a celebración.
Lamentamos o pasamento de Constantino González Penas, profesor, etnógrafo e filántropo de Soutelo de Montes, fundador e impulsor do CETMO xunto coa súa familia, sendo o seu primeiro presidente.
Para seguir coas desgrazas, contamos coa desfeita da “rotonda” do Vichocuntín Vello.
“A rotonda de Vichocuntín” (versión de “Yellow submarine”)
A rotonda de Vichocuntín
Éche moi ruín, éche moi ruín
A rotonda de Vichocuntín
Éche moi ruín, éche moi ruín.
Os días 24 e 25 de setembro Cerdedo acolleu as Olimpiadas Populares Galegas do 2016. Membros de Capitán Gosende participamos na proba dos 5.000 metros. A verdade que iamos á proba das pistas pero, como é costume nesta tropa, os plans nunca son como se espera. “Hannibal” Smith estaría orgulloso de nós.
En outubro Carlos presentou na pontevedresa Casa das Campás o seu último libro, “Así aprenderán a non ter ideas. Agrarismo, caciquismo e República en Cerdedo”. Un exercicio de memoria e reivindicación, en palabras do propio autor, “do Cerdedo digno, xeneroso e rebelde de comezos do século XX, o Cerdedo que puido ser, e que, por desgraza, nos furtaron”.
A noite do 31 de outubro celebramos a sexta edición do roteiro da Pantalla, acontecemento memorable no que este ano escenificamos o enterro do defunto concello de Cerdedo. A comitiva fúnebre saíu da Praza da República (ou da Igrexa) e percorreu A Torrente, a ponte e capela de Santo Antonio, a costa do Salgueiral, Lourido, parada na capela de Santa Catarina, congostra ata a Revolta e retorno a Cerdedo polo Santo Antonio e A Torrente, terminando na Praza do Concello. Púxolle o colofón o glorioso: “Vamos, vamos, que aquí no hay nada que ver!”. A seguir, na Florinda, cea e contos de medo ata ben entrada a madrugada.
O xoves 1 de decembro acollemos na Casa das Campás a presentación do libro de Santos Cabanas, “Novas do exterior: 63.000 quilómetros de viaxes á cadea”. Contounos a dura experiencia del e da súa compañeira Victoria nas visitas ó seu fillo Antón, detido e encarcerado por pertenza a Resistencia Galega. Resaltar a censura mediática contra os actos de presentación deste libro.
O 10 de decembro inaugurouse o “Campo das Laudas” na Fontedorraca, As Raposeiras, Meilide, Cerdedo, Terra de Montes, Galicia, Europa, Planeta Terra. A primeira lauda está dedicada á memoria de Otero Espasandín, intelectual e poeta de Castro, que morrreu exiliado nos Estados Unidos de América. Virán outras laudas para homenaxear a outros cerdedeses esquecidos. Á noitiña, convidados polos compañeiros de Vagalumes, presentouse na Estrada o libro de Carlos.
Despedimos o ano este martes cun novo gravado rupestre, o número trinta no noso fardel, que demos en chamar Alto do Monte III, no monte de Deán, preto do Outeiro do Mestre e de Castrodiz. En total, levamos atopados 24 petróglifos en Cerdedo, 4 na Estrada, 1 en Forcarei e 1 en Cotobade.
Pero o mellor de todo desta andaina de Capitán Gosende son as risas entre compañeiros, os domingos no monte, os mércores na “oficina”, a amizade, as descubertas de gravados rupestres, as expedicións e mil cousas máis que fan que me sinta orgulloso de pertencer a este colectivo.
“O Embigo do Becho” (versión de “La Puerta de Alcalá”)
Hai que ir alá, hai que ir alá
Hai que ir alá, hai que ir alá
Hai que ir alá,
Ti viches cómo está?
Hai que ir alá, hai que ir alá
Hai que ir alá, hai que ir alá
Hai que ir alá,
Ti viches cómo está?
Aí está, aí está, vendo pasar o tempo
O Embigo do Becho
Mírao, mírao, mírao, mírao, mírao,
O Embigo do Becho
Mírao, mírao, mírao, mírao, mírao,
O Embigo do Becho
E aí está, aí está, vendo pasar o tempo
O Embigo do Becho
*Versión revisada do texto lido na sobremesa da cea celebrada o xoves día 29 de Decembro de 2016 no Restaurante “O Meu Lar”, Cerdedo.
.