A Estrada republicana (2)
Xoán Carlos Garrido
O 8 de marzo de 1931 celébrase unha asemblea xeral extraordinaria do Centro Republicano para escoller os candidatos para as eleccións municipais, presentándose por aquelas circunscricións que ven máis posibilidades de trunfar: Pola Estrada, Consolación: José Constenla Rodríguez. Polo Foxo e Vinseiro, Manuel Rocamonde e José Pereiras Vidal. Por Oca-A Mota: Ramón Gambino Pazos. Facultándose á directiva para nomear máis candidatos onde atopen posibilidades. Compre subliñar o debate que se produce cando Otero Abelleira propón non participar nas eleccións baseándose en que considera que aínda non se atopan con forza suficiente para enfrontar este desafío, tanto pola diseminación da afiliación que fai difícil aglutinar nun distrito a suma necesaria para lograr o obxectivo de sacar o concelleiro, como por dubidar da limpeza do proceso. Se ben ao final o propio Otero Abelleira considera que se debe acatar a disciplina da Federación Republicana Galega, quen optou por participar nas eleccións, e ademais tamén valorou positivamente que iso sirva para que a xente se defina e coñecer cantos republicanos reais hai verdadeiramente. Tamén é interesante a argumentación de Torres Agrelo e Fondevila a respecto do importante que é “foguearse” en lizas electorais para a propia formación. Compre ter en conta que Torres Agrelo xa tiña formación de sobras neste sentido pois interviñera na loita de bandos da primeira década do século pola facción de Antón Losada Diéguez, e xa seguidamente, nas eleccións nas que as Irmandades da Fala, capitaneados polo mesmo Losada, se enfrontaron co mesmo Marqués de Riestra.
O xornal El Emigrado, a pesares de ser dirixido por Otero Abelleira e o seu grupo vencellado ao Centro Republicano, tenta dar unha imaxe de neutralidade. Agora ben, as súas proclamas deixan caer unha crítica ao voto cativo e ao caciquismo ao publicar: “Xovenes que por primeira ves ides a exercitar o voso dereito na loita eleutoral que se aveciña, ¡Vede ben o que facedes! Non consintades en ser asoballados como o foron vosos pais”. Manuel García Barros ía publicar o seu primeiro libro e aproveitou a campaña electoral para deixar a seguinte recomendación no xornal: “Ningún eleutor debe comprometer o seu voto. Ise é un dereito que ten que exercitar libremente, conforme ás súas ideas. Ó que deben comprometerse todos, eleutores e non eleutores, e a adequerir un exemplar de ‘Contiños da Terra’, ilustrado por Castelao, Comeiro, Blanco Garrido, Rodeiro e Galán, que vai a saír axiña”. O empresario Manuel Porto Verdura publica unha aclaración diante do confronto electoral para manifestar que se vai manter á marxe: “es mi deseo no hacer por el momento más política que la que me vengo dedicando a ella desde hace algún tiempo esto es la de electrificar las aldeas y la de contribuír en lo posible con mi esfuerzo particular al engradecimiento y ornato de la villa. Por lo tanto dejo en libertad a todos mis amigos para que voten por quienes crean más conveniente”.
Santiago Casares Quiroga, o futuro presidente do goberno da República e ministro en diferentes gabinetes desta, escreba aos republicanos da Estrada desde o cárcere para aceptar o seu nomeamento de Presidente de Honor: “Pocos galardones pudieran serme tan deseables como el verme elevado a la máxima dignidad en un Centro que, como el de La Estrada, representa la depurada cristalización del ímpetu de santa rebeldía que durante años enfervorizó a esa comarca -nobre tierra de luchadores y ejemplar vivo de ciudadanía- haciendo de ella matriz y cuna de la recia y fecunda Galicia nueva”.
A igrexa coas súas inxerencias a favor da ditadura e da monarquía vai provocando a polarización anticlerical das forzas democráticas e de esquerda. Estas denuncian que os cregos en xeral están intervindo directamente nas eleccións municipais a favor do que eles chaman bloque “gubernamental ou riestrista”. Nominalmente refírense ao crego de Loimil e ao de Agar. Compre subliñar como desde este sector galeguista de esquerdas hai tamén loanzas cara outros relixiosos neses días de campaña. No devandito xornal local que lles servía de expresión saudase a visita de Antonio Rodríguez Fraiz á súa sede e reflectíase a seguinte nova en galego: “O día 6 do actual tomou posesión da parroquia de Santa Mariña de Tomonde (Cerdedo) o seu novo abade noso bon amigo D. Casimiro Cubela García, gran entusiasta da causa galeguista”. Ambos os dous cregos, Casimiro, amigo íntimo de Cabada Vázquez, e Rodríguez Fraiz, terán despois un certo papel na resistencia contra o franquismo. O primeiro mesmo será encarcerado e sometido a Consello de Guerra no ano 48. E o segundo faría un traballo intelectual intenso de valorización do patrimonio, historia e cultura de Terra de Montes. O caso é que a cuestión relixiosa será un motivo de controversia durante todo o período republicano. E outra será a cuestión nacional. Otero Pedrayo aparece en portada de “El Emigrado” de 1931 con colaboración exclusiva para poñer o acento en que co cambio de réxime que se aveciña, partindo da experiencia pasada, Galiza quedaría tan maltratada coma sempre se non se muda o problema de fondo do centralismo.
Mais certamente o confronto será moi intenso. García Barros descríbeo como as “hostes xenerosas da democracia baténdose cos buitres cazurreiros a peito descuberto”. Mais o que estaba en xogo era evidente para todos que ía máis alá dunhas eleccións municipais.
* Publicado no Faro de Vigo, 26-01-2021