Calros Solla
Tras a lectura do informe de impacto arqueolóxico encargado pola empresa promotora (ano 2018), baseado fundamentalmente nos sitios xa consignados no catálogo de Patrimonio, coidamos oportuno advertir que na zona delimitada polo polígono de afectación do parque eólico (véxase o proxecto de execución) existen outros bens patrimoniais de natureza arqueolóxica e etnográfica, descubertos e/ou valorizados polo colectivo Capitán Gosende ao longo destes últimos anos e que aínda non figuran no inventario oficial. Percorrendo de sudoeste a nordés o sobredito polígono de afectación, salientamos os seguintes:
Bens de natureza arqueolóxica non catalogados
Gravados rupestres.-
Gravado rupestre do Monte Porrido: Lugar de referencia: Cuíña (Quireza). O petróglifo do Monte Porrido (coordenadas.- X: 544.627; Y: 4.709.845; alt. 481 m) foi descuberto polo colectivo Capitán Gosende o 2 de febreiro de 2020. Situada a uns 930 m, ao sueste, da aldea de Cuíña, a inscultura componse dun agrupamento de 16 coviñas talladas nun afloramento granítico, marco de deslinde das parroquias de Castro e Quireza. O gravado rupestre localízase fóra do chamado “polígono de afectación” do parque eólico, aínda que a non máis de 300 m, cara ao leste, do trazo de derrega establecido pola empresa promotora.
Bibliografía: O Embigo do Becho. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo V, Morgante, 2021, páxs. 318-20.
Cruciformes de Cuíña: Lugar de referencia: Cuíña (Quireza). O gravado rupestre (coordenadas aprox.- X: 544.249; Y: 4.711.020; alt. 450 m) foi documentado polo colectivo Capitán Gosende o 22 de setembro de 2019. O petróglifo histórico, situado nunha pedreira a escasos metros do casarío, componse de varias cruces radiadas con calvario.
Bibliografía: O Embigo do Becho. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo V, Morgante, 2021, páx. 245.
Gravado rupestre do Pousadoiro I: Lugar de referencia: Cuíña (Quireza). O petróglifo do Pousadoiro I (coordenadas.- X: 544.193; Y: 4.711.000; alt. 470 m), situado a uns 60 m cara ao oeste dos “Cruciformes de Cuíña” e na mesma pedreira, foi descuberto polo colectivo Capitán Gosende o 22 de setembro de 2019. O gravado rupestre componse dunhas 9 coviñas moi luídas talladas nun afloramento granítico.
Bibliografía: O Embigo do Becho. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo V, Morgante, 2021, páxs. 245-6.
Gravado rupestre do Pousadoiro II: Lugar de referencia: Cuíña (Quireza). O petróglifo do Pousadoiro II (coordenadas.- X: 543.951; Y: 4.711.143; alt. 550 m (panel 1)) foi descuberto polo colectivo Capitán Gosende o 28 de setembro de 2019. O gravado rupestre componse de tres paneis graníticos nos que se tallaron círculos concéntricos e coviñas. As insculturas do panel 1 sitúanse na parte superior dun penouco granítico adobiado con pías naturais. As combinacións circulares do panel 3, de 84 cm de diámetro, fan deste elemento inscultórico o cuarto da comarca de Montes, en atención ao seu tamaño.
Bibliografía: O Embigo do Becho. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo V, Morgante, 2021, páxs. 246-50.
Gravado rupestre do Pousadoiro III: Lugar de referencia: Cuíña (Quireza). O petróglifo do Pousadoiro III (coordenadas.- X: 543.959; Y: 4.711.290; alt. 540 m) foi descuberto polo colectivo Capitán Gosende o 28 de setembro de 2019. O gravado rupestre componse de 25 coviñas, de bo tamaño e profundidade, talladas nun bolouro granítico.
Bibliografía: O Embigo do Becho. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo V, Morgante, 2021, páxs. 251-3.
Gravado rupestre do Castriño: Lugar de referencia: Mamoalba (Quireza). O petróglifo do Castriño (coordenadas.- X: 545.256; Y: 4.711.647; alt. 387 m) foi descuberto polo colectivo capitán Gosende o 27 de outubro de 2019. O gravado rupestre componse de 13 cruciformes-antropomorfos e 11 coviñas.
Bibliografía: O Embigo do Becho. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo V, Morgante, 2021, páxs. 276-80.
Gravado rupestre da Granxa do Hospital: Lugar de referencia: Fondós (Quireza). O petróglifo da Granxa do Hospital ou de Pedra Picada (coordenadas.- X: 545.087; Y: 4.712.191; alt. 396 m) foi descuberto polo colectivo capitán Gosende o 2 de agosto de 2015. O gravado rupestre componse de 4 combinacións circulares, talladas na parte superior dun afloramento granítico.
Bibliografía: O legado dos homes pequenos. Gravados rupestres de Cerdedo, Morgante, 2017, páxs. 359-75.
Gravado rupestre do Outeiro Framil: Lugar de referencia: O Outeiro (Quireza). O petróglifo do Outeiro Framil (coordenadas.- X: 545.378; Y: 4.712.824; alt. 440 m) foi descuberto polo colectivo capitán Gosende o 17 de xuño de 2018. O gravado rupestre, repartido en catro paneis, componse de agrupamentos e/ou combinacións dunhas 80 coviñas, 11 elementos circulares e 2 curvilíneos, tallados en varios afloramentos graníticos contiguos.
Bibliografía: O Embigo do Becho. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo V, Morgante, 2021, páxs. 44-7.
Gravado rupestre do monte de Laxoso: Lugar de referencia: Laxoso (Quireza). O petróglifo do monte de Laxoso (coordenadas.- X: 547.309; Y: 4.714.850; alt. 506 m) foi descuberto polo colectivo capitán Gosende o 12 de abril de 2015. O sitio arqueolóxico localízase fóra da superficie acoutada polo polígono de afectación do parque eólico, mais a tan só 100 m, ao sueste, do trazo delimitador. O gravado rupestre componse dun agrupamento de 6 coviñas e media, de bo tamaño e profundidade, talladas nunha laxa granítica.
Bibliografía: O legado dos homes pequenos. Gravados rupestres de Cerdedo, Morgante, 2017, páxs. 351-7.
Túmulos.-
Mámoa de Cuíña: Lugar de referencia: Cuíña (Quireza). Túmulo neolítico duns 20 m de diámetro e foca de espoliación (5 m de diámetro), descuberto polo colectivo Capitán Gosende o 12 de outubro de 2019 (coordenadas.- X: 544.110; Y: 4.711.531; alt. 500 m).
Bibliografía: O Embigo do Becho. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo V, Morgante, 2021, páxs. 253-55.
Mámoa 6 do Castriño: Lugar de referencia: Mamoalba (Quireza). Posíbel túmulo neolítico con foca de espoliación (coordenadas.- X: 545.205; Y: 4.711.718; alt. 383 m), descuberto polo colectivo Capitán Gosende o 16 de febreiro de 2020 no sitio arqueolóxico do Castriño, necrópole megalítica que xa presenta cinco mámoas consignadas no catálogo de Patrimonio.
Bibliografía: O Embigo do Becho. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo V, Morgante, 2021, páxs. 335-36.
Mámoa 7 do Castriño: Lugar de referencia: Mamoalba (Quireza). Posíbel túmulo neolítico sen foca de espoliación (coordenadas.- X: 545.260; Y: 4.711.721; alt. 383 m), descuberto polo colectivo Capitán Gosende o 16 de febreiro de 2020 no sitio arqueolóxico do Castriño, necrópole megalítica que xa presenta cinco mámoas consignadas no catálogo de Patrimonio.
Bibliografía: O Embigo do Becho. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo V, Morgante, 2021, páx. 336.
Outros.-
Muíño barquiforme do Castriño: Lugar de referencia: Fondós (Quireza). Dous fragmentos de muíño barquiforme reutilizados como pontigos nunha levada (coordenadas.- X: 545.323 e 340; Y: 4.711.917 e 919), descubertos polo colectivo Capitán Gosende o 14 de abril de 2012.
Bibliografía: As pedras da tribo. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo II, Morgante, 2014, páxs. 289-92.
Bens de natureza arqueolóxica catalogados
-Necrópole de Penarredonda: Lugar de referencia: aba do Montouto. Dúas mámoas (GA36011031 e 32).
-Necrópole do Castriño: Lugar de referencia: Mamoalba (Quireza). Cinco mámoas (GA3601114, 15, 16, 17 e 18).
-Castro de Abaixo e Roda do Castro: xacementos habitacionais da Idade do Ferro (lugar dos Castros-Quireza) (GA36011003 e 5, respec.).
-Necrópole do Marco do Feal: Lugar de referencia: aba do Coto do Corvo. Catro mámoas (GA36011047, 48, 49 e 50).
Bens de natureza etnográfica
A Pena da Moura: A Pena da Moura (coordenadas.- X: 544.496; Y: 4.713.184; alt. 540 m) é un impoñente afloramento granítico localizado no monte do Outeiro (Quireza), na marxe esquerda do regueiro da Cova da Lagoa. Baixo o beirado rochoso, agóchase a entrada ao Burato da Moura, longa espenuca (hoxe ocluída) que pon o abeiro en conexión co regato. As lendas asociadas distínguennola como santuario da Moura, a Deusa Nai, advocación primixenia; abrigadoiro dos pastores de toda época e escondedoiro de fuxidos tras a sublevación fascista do ano 36. Divulgada e valorizada polo colectivo Capitán Gosende como “unha das sete marabillas de Cerdedo”.
Bibliografía: A conxura dos Gosende. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo III, Morgante, 2015, páx. 386.
O Marco da Portela ou pedrafita do Campo do Marco: Lugar de referencia: Cuíña (Quireza). Fito de deslinde das parroquias de Quireza e Morillas e dos concellos de Cerdedo e Campo Lameiro (coordenadas aprox.- X: 543.214; Y: 4.711.834; alt. 530 m). Inscricións: “CR” / “CL” (Cerdedo / Campo Lameiro).
Bibliografía: Carta arqueolóxica do concello de Cerdedo, Morgante, 2009, páx. 81.