O colectivo localiza en Tenorio (Cotobade) o petróglifo do piñeiral da Guiela do que hai un século que non se tiña noticia
Calros Solla
A través do compañeiro Ramiro Barros soubemos da existencia dun artigo, intitulado “Nota en col de unha inscultura inédita de Tenorio”, asinado por Florentino López Cuevillas e publicado no nº 374 da revista Vida Gallega (20 de abril de 1928). Por mor da súa relevancia, reproducimos os parágrafos introdutorios do escrito (“Situazón e descriuzón”):
“Alcóntrase a inscultura de que imos falar a nove kilómetros de Pontevedra, en termos da freguesía de Tenorio e n-un piñeiral chamado da Guiela, propiedade de D. Xoaquín Núñez de Couto, que fica desviado 300 metros da estrada de Pontevedra a Ourense e 100 do río Tenoiro, pequeno afluente do Lérez.
Debemos o coñecimento de iste novo eixemprar da arte rupestre galega, ô noso amigo Xosé Núñez Búa, notabre literato e folklorista, quen andando na primaveira do 1925 pol-o val do baixo Lérez a recolleitar romances, conselladas e cántigas, ouvíu falar de unha peneda sinalada por un viril e outras figuras, que acobillaba un tesouro. Desconfiando dende logo o Sr. Núñez Búa, cal podería ser a verdadeira natureza de aquiles sinos, encamiñouse axiña ô piñeiral da Guiela, que era o lugar indicado, e despois de limpar de terra e de ouricelos unha peneda de gra, das moitas que alí afroran rente ô chau, viu e calcou as gravuras que reproducimos na figura 1 [acompáñase de ilustración].
Ousérvanse na parte superior da área insculturada tres circos concéntricos, moi esmorecidos n-algús sitios, e por baixo de iles, unhas coviñas. Por baixo e â ezquerda, óllanse novos circos concéntricos e, no fondo, unha combinación de liñas circolais e de riscos reitos que saen dos tres circos máis interiores debéndose facer notar tamén a espezal disposizón da liña curva máis esterna, cuios cabos afástanse coma se quixeran inizar o comenzo de unha espiral...”
Lido o contido do artigo, os de Capitán Gosende coliximos que, de ter éxito na nosa procura, o colectivo veríase inmensamente honrado de figurar na intrahistoria do petróglifo a carón dos admirados Xosé Núñez Búa, Florentino Cuevillas e Ramiro Barros.
Xosé Núñez Búa, nado en Tenorio en 1897, e finado en La Plata (Arxentina) en 1981, foi un mestre, político e escritor, vítima, como tantos outros intelectuais galegos e galeguistas, da represión franquista. Para máis inri, o egrexio Núñez Búa é un esquecido en terra propia. Núñez Búa era sobriño do ourensán Xoaquín Núñez de Couto (†1940), mestre e agrarista.
O tamén ourensán Florentino López Cuevillas (1886-1958) foi un célebre historiador e escritor, membro das Irmandades da Fala e da Xeración Nós, ao que se lle dedicou en 1968 o Día das Letras Galegas. Os seus estudos sobre arqueoloxía inspiraron e seguen inspirando, neste eido, o labor de afeccionados e profesionais.
O coetáneo Ramiro Barros Justo é un laborioso etnográfo cotobadés, autor de magníficas compilacións de vocabulario, fraseoloxía e literatura de tradición oral da Terra de Cotobade.
Estimulados polas credenciais dos encomendantes, acadamos a lomba do piñeiral da Guiela (forma aferética e diminutiva do zoónimo “aguia”). O sol aínda esmechaba, polo que, de primeiras, escollemos para a rebusca o avesío do arboredo (piñeiros e eucaliptos) que medraba no máis peado daquel outeiro. As rochas obxecto de esculca, granito de gran groso, estaban cubertas de frouma e follarada, dificultando a nosa tarefa. Unha pista forestal atravesa o carrelo da cuíña e, por se non abondase, o soterramento da condución do gas natural escachizara a pedreira, chimpando os cachotes pola ladeira abaixo.
Como é costume, non desfalecemos. Transcorridas unhas horas, na soleira do luscofusco, acadamos unha zona cuxas árbores foran talladas recentemente. Raiceiras e cotaños esparexíanse polo que antes fora piñeiral. O refugallo da corta ocultaba o chan lastrado. Desta, coidabamos abandonar o lugar coas mans baleiras. Porén, coa última raiola, Alicia e Fortes foron quen de advertir por entre a ramallada e os moreos de serraduras un cornecho rochoso e, nel, algo que semellaba unha coviña. Os compañeiros axiña reclamaron a presenza dos máis. Tras liberar a laxa da cuberta vexetal descomposta que a ocultaba, apareceu ante nós o gravado rupestre que, na primavera de 1925, atopara Xosé Núñez Búa e que, dende aquelas, permanecera oculto. Felicitámonos efusivamente. O “petróglifo do piñeiral da Guiela” xogara ás agachadelas durante case cen anos.
O artífice do gravado rupestre da Guiela escolleu, de entre os soportes que tiña ao seu dispor, unha laxa granítica de perfil irregular que apenas sobresae do nivel do chan, pero que posúe a particularidade morfolóxica do gran fino, unha característica non compartida pola meirande parte das rochas das inmediacións. A superficie visíbel da laxa é duns 6 m2.
O petróglifo do piñeiral da Guiela (hoxe desposuído dos piñeiros) localízase no lugar de Calvelo, parroquia de Tenorio (Cotobade). O piñeiral da Guiela era propiedade de Xoaquín Núñez de Couto, tío de Xosé Núñez Búa. A casa familiar do devandito sitúase a pouco máis de 350 m, cara ao nordés, do sitio arqueolóxico, á beira dereita da N-541, dirección Cerdedo. A estación rupestre sitúase a uns cen metros a poñente do leito do río Tenorio, afluente do río Lérez; e a uns 300 m, ao sueste, da estrema coa parroquia de Xeve (Santo André), debuxada polo curso do Lérez.
O gravado rupestre (coordenadas.- X: 535.756; Y: 4.700.933; alt. 85 m), felizmente redescuberto, componse na actualidade dunha combinación fermosísima de 4 elementos circulares concéntricos con coviña central e 4 agrupamentos de coviñas. O grao de desgaste das riscadelas é alto.
O elemento circular meirande acada os 64 cm de diámetro. Desprega 4 sucos circulares concéntricos que arrodean unha pioca central de 15 cm de diámetro, pouco profunda e de fondo plano. Tres sucos radiais parten en distintas direccións do centro da figura cara á periferia. Na periferia do elemento contabilizamos outras catro coviñas (de entre 6 e 4 cm). O segundo dos elementos circulares acada os 57 cm de diámetro. Desprega 3 sucos circulares concéntricos que arrodean unha pioca central de 12 cm de diámetro, pouco profunda e de fondo plano. Dous sucos radiais parten en distintas direccións do centro da figura cara á periferia. O terceiro dos elementos circulares acada os 34 cm de diámetro. Desprega 2 sucos circulares concéntricos con pioca central de 11 cm de diámetro, pouco profunda e de fondo plano. Un suco radial parte do centro cara á periferia. Este elemento circular asóciase cunha coviña exterior (8 cm). O cuarto dos elementos circulares acada os 13 cm de diámetro con coviña central, despregando 1 suco circular concéntrico. Probabelmente, durante os labores de talla do arboredo esta figura padeceu o impacto dun obxecto metálico.
Amais dos círculos concéntricos, o petróglifo tamén se compón de 4 agrupamentos de coviñas. Un dos agrupamentos consta de 5 coviñas de pouca profundidade, cuxo diámetro vai dos 12 aos 6 cm. Outro dos agrupamentos componse de 6 coviñas pouco profundas, cuxo diámetro vai dos 11 aos 6 cm. Outro dos agrupamentos consta de 5 coviñas, cuxos diámetros van dos 10 aos 7 cm. Neste conxunto, a coviña meirande tamén é a máis fonda. Unha das coviñas presenta canle de desaugadoiro e un risco curvilíneo acouta o agrupamento. O cuarto dos agrupamentos, tallado en pedra de gran groso, componse de 2 coviñas pouco profundas de 10 e 8 cm. Aínda de menor tamaño, as concavidades do petróglifo da Guiela gardan semellanza coas labradas na Laxa das Filloeiras II (Pedre-Cerdedo).
Satisfeitos polo labor cumprido, o colectivo Capitán Gosende recomenda moita prudencia á hora de desenvolver naquel predio tarefas agrícolas ou forestais, pois o emprego de maquinaria pesada pode danar de xeito irreparábel esta belísima mostra de arte rupestre da que, quizais, só chegamos a atinxir unha pequena sección.
No tocante á mitoloxía, permítanme neste caso inferir que o “tesouro acubillado na peneda” é o mesmo petróglifo. Ogallá o saibamos ben administrar.
Agradecémoslle a Ramiro Barros a suxestiva encarga, que permitiu non só o achado dunha estación petroglífica perdida, senón entrenzar, a carón de Núñez Búa e Cuevillas, cen anos de etnografía e arqueoloxía en Cotobade.