Co achado do petróglifo do Pión 20 e do Alto dos Carrís 2, o colectivo Capitán Gosende acada a cifra de 90 estacións rupestres descubertas na comarca de Montes
Calros Solla
Consonte o Topográfico, naquelas lombas rexístranse os microtopónimos O Pión, As Perces e Alto dos Carrís. Consonte o Mapa de Aproveitamentos Forestais, o inventario de Patrimonio consigna, dende xullo de 2018, a existencia duns 20 petróglifos catalogados (Alto dos Carrís 1; O Pión 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 9, 10, 14, 15, 16, 18 e 19, e As Perces 1, 2, 3 e 4) e mais 1 mámoa (mámoa do Pión). O Mapa de Aproveitamentos Forestais non achega a localización dos gravados O Pión 11, 12, 13 e 17 que, pola numeración de rexistro, entendemos que existen.
Á beira esquerda da pista forestal que, en ascenso, cingue polo sur a zona identificada no Topográfico co topónimo “O Pión”, demos co primeiro dos sitios arqueolóxicos inéditos. Adscrito á zona do arqueolóxica do Pión, nomeamos o achado “Petróglifo do Pión 20”.
O petróglifo do Pión 20 (coordenadas.- X: 557.776; Y: 4.702.062; alt. 708 m) tallouse nun aliñamento metamórfico que, con orientación norte-sur, aflora en forma de crista. O afloramento, malia que luído polo tránsito, atravesa a pista forestal. Os gravados rupestres repártense en dous paneis, distantes uns 25 metros. Na parte vísibel do panel situado ao norte (superficie exigua e orientada cara ao poñente), documentamos a presenza de tres cruciformes de tamaños disimilares (23x20 cm, 18x14 cm e 12x11 cm). Os riscos, en forma de “U” denotan a súa antigüidade. Os elementos representados son semellantes aos do petróglifo do Recosto 2 (37 cuciformes), descuberto polo colectivo Capitán Gosende en xuño de 2019 no monte de Framia e parroquia de Xirarga (Beariz), a pouco máis de 3 km de distancia, cara ao noroeste.
Monte abaixo, vinte e cinco metros cara ao sur, no mesmo afloramento metamórfico e na cara orientada ao poñente, advertimos a presenza doutro cruciforme, posuidor das mesmas características (10x8 cm). Eis as coordenadas destoutro petróglifo: X: 557784; Y: 4.702.037; alt. 704).
Os petróglifos do Pión 20 arrodéanse de monte baixo: carrasco, carqueixa, toxo e herbáceas; no bordo dunha repoboación recente de piñeiros.
A segunda estación petroglífica atopámola na zona identificada como Alto dos Carrís, a uns 170 m, cara ao sudoeste, da catalogada como “mámoa do Pión” (os cachotes de cuarzo branco da coiraza esparéxense pola redonda do túmulo) e a uns 25 m, cara ao leste, da devasa que atravesa de norte a sur o Alto dos Carrís. Nomeamos estoutro achado “Petróglifo do Alto dos Carrís 2” (coordenadas.- X: 557.502; Y: 4.701.873; alt. 702 m).
Este gravado rupestre componse dunhas 20 coviñas (18 agrupadas), de diámetro e fondura disimilares (10-5 cm de diámetro), talladas na parte superior dun penedo metamórfico, cuxa superficie aflorada ou visíbel acada os 11 m de longo e os 7 m de largo. A cara do penedo oriéntase, peada, cara a poñente. O petróglifo do Alto dos Carrís 2 atópase a uns 100 m cara ao sur do petróglifo catalogado por Patrimonio co nome Alto dos Carrís 1.
O petróglifo do Pión 20 (panel 1) sitúase a uns 300 m, en liña recta e cara ao noroeste, do casarío da Bouza. O petróglifo do Alto dos Carrís 2 localízase a uns 500 m, en liña recta e cara ao oeste, do casal.
O colectivo Capitán Gosende acada a cifra de 90 estacións de arte rupestre descubertas na comarca de Montes.