Agardemos que algún día, cando neste territorio rexa o sentido común, se decaten do entusiasmo desinteresado co que realizamos este labor de busca e se valore e protexa o froito colleitado ao longo dos anos. As nosas excursións teñen revelado na bisbarra de Montes unha rica e variada mostra de arte prehistórica. Nós anotámonos a descuberta, o monte ten dono, mais a enigmática simboloxía plasmada nos lenzos de pedra é herdanza da galeguidade. 4.500 anos nos contemplan.
Esperemos que non tardando, cando neste territorio gobernen a razón e o corazón e non as tripas, poidamos vadiar polo monte sen o sobresalto das escopetas e sen a náusea da morte inútil. Dixo Bismarck ao respecto: “En ningures se mente tanto como despois da cazaría e antes das eleccións”. En Cerdedo, aínda máis, despois. Os Gosende andan ceibos por Cerdedo e non hai veda que os atalle. Bismarck tamén dixo: “A liberdade é un luxo que non todos poden permitirse”.
Segundo lemos no libro O legado dos homes pequenos. Gravados rupestres de Cerdedo (2017), a tropa dos Gosende localizara petróglifos en cinco das oito parroquias de Cerdedo. Só Castro, Parada e Folgoso figuraban co cadro de marcas a cero. Dende o pasado domingo, Castro suma o seu primeiro gravado rupestre. Moita é a nosa ledicia.
O topónimo “Castro” (Castro do Medio e Castro do Cabo) alude á medela de Castrodiz que se ergue maxestosa ao sueste das devanditas aldeas. No coto, que supera os 630 m de altitude, os séculos soterraron un xacemento arqueolóxico da Idade do Ferro. Castro do Medio foi berce do ilustre Xosé Roxelio Otero Espasandín (1900-1987), mestre e poeta republicano que, na súa mocidade, nos precedeu na procura do tesouro ancestral: “Castrodiz, rexo castro de celtas en terras de Cerdedo”. Sabedor do noso achado, dende o seu “metro e medio de chan” do Campo das Laudas (As Raposeiras-Meilide), Otero Espasandín fíxonos o sinal da vitoria.
Identificado co nome provisional de “petróglifo de Castro do Cabo” (coordenadas.- X: 546.523; Y: 4.711.248; alt. 415 m), a inscultura sitúase a uns 350 m ao sudoeste do dito lugar; a uns 300 m, a poñente, da estrada xeral (PO-7103); a pouco máis de 300 m, ao norte, dunha corrente de auga, tributaria do río de Quireza, denominada regueiro da Fonte da Crica; a uns 900 m, ao noroeste, da intersección dos lindes parroquiais de Pedre e Figueiroa; e a uns 650 m, ao sueste, da estrema con Quireza.
O petróglifo enfeita unha peneda granítica (pedra de gran groso), aflorada no coto dun outarelo. O pedregal ocúltase no seo dunha descoidada repoboación de eucalipto. Os fragueiros presentan os trazos erosivos característicos da meteorización física: diaclasas e roturas no plano horizontal e vertical. Tamén se advirten as pegadas de antigos labores extractivos (canteira). O artífice (masculino ou feminino; singular ou plural) dos gravados rupestres escolleu as superficies menos rugosas do rochedo, combinando sabiamente a plasticidade das súas composicións coas regañas naturais da pedra.
O petróglifo de Castro do Cabo componse, a primeira vista, dunhas 50 concavidades, distribuídas, cando menos, en 5 paneis. Os paneis dispóñense a distintos niveis. De oeste a leste:
Panel 1: agrupamento circular de 9 ou 10 coviñas de tamaño pequeno (de 4 a 2’5 cm de diámetro).
Panel 2: a distintos niveis agrúpanse 2, 11 e 3 coviñas; outras 2 coviñas illadas. Total: 18 concavidades. O seu tamaño vai dos 7 aos 2’5 cm de diámetro.
Panel 3 (nivel superior): na parte superior da pedra cimeira riscáronse 5 coviñas. O seu tamaño vai dos 11 aos 3 cm de diámetro.
Panel 4: aproveitando a pendente da laxe, talláronse 13 coviñas. 3 das coviñas únense a través dunha canle desaugadoiro. 1 coviña proveuse dunha canle semellante. O tamaño das concavidades vai dos 10 aos 3’5 cm de diámetro.
Panel 5: 3 coviñas. 2 das coviñas únense por unha canle. O seu tamaño vai dos 5 aos 3 cm de diámetro.
Co descubrimento do petróglifo de Castro do Cabo, o territorio de Cerdedo acada a cifra de 48 gravados rupestres (7 máis ca os consignados no traballo de 2017). O colectivo Capitán Gosende acumula 56 petróglifos no seu saco sen fondo. A miña conta persoal ascende a 43. Nós ao noso que, aínda que non o crean, é o de todos.