Calros Solla
Nas Abeleiras, a matogueira levou un bo desbaste, porén, a vexetación desbravada volveu coller pulo. Botamos en falla as abrairas (Corylus avellana), no entanto, o toxo gateño defendeu con pugas e dentes o seu territorio; ben o saben as nosas pernas.
O sol da tardiña permitiu que Alicia Garrido e Mar Gómez, integrantes do colectivo, atopasen unha inédita estación de arte rupestre, incrementando o número das nosas descubertas en Cerdedo. Feita a suma, o antigo concello conta na actualidade con 43 gravados rupestres. O libro “O legado dos homes pequenos. Gravados rupestres de Cerdedo”, editado en 2017, daba conta de 41 petróglifos. A parroquia de Cerdedo acada a cifra de 22 insculturas, avantaxando a Pedre (8), Figueiroa (7), Quireza (4) e Tomonde (2). Á luz dos datos, xa se inventariaron máis gravados na parroquia de Cerdedo ca nas outras sete parroquias xuntas.
O petróglifo descuberto, bautizado co nome de “petróglifo das Abeleiras” (X: 549.089; Y: 4.707.954 - alt. 462 m), ocupa unha laxa de granito (gran groso) aflorada na lomba sur dun outarelo. Superficie visíbel da laxe: 5’50 m x 4’60 m aprox. (máis de 25 m2). A lastra inclínase levemente cara ao oeste e, cara ao sur, presenta signos evidentes de extracción. As cuñas e os pistoletes tamén deron boa conta da rocha que coroa o cimeiro (a uns 8 m de distancia). As marcas destas ferramentas son visíbeis noutras emerxencias da contorna. O lugar foi empregado no antigo como canteira.
Adáptandose ás irregularidades do panel, un (ou unha) labrante de hai 4.500 anos deixou para a posteridade unha mensaxe cifrada en agrupamentos-aliñamentos de coviñas. En ton xocoso, nós sempre amentamos o afanoso “mestre cazoleteiro”. Tamén en broma, dada a nosa querenza polas “fossettes”, conformámonos co argumento seguinte: “xa que en Campo Lameiro abundan os cervos e os cabalos, nalgures e non moi lonxe tiñamos que bater coas cagallas”.
Recuperada a compostura, tornemos á descrición do achádego. O conxunto presenta unha concentración central de coviñas (22), incluíndose neste grupo as máis grandes e fondas. A concavidade meirande acada os 11 cm de diámetro e os 5 cm de profundidade. A coviña máis pequena ten 4 cm de diámetro e 0’5 cm de profundidade. Unha parella de coviñas únese a través dunha canle.
Arrodeando o grupo central, rexistramos outros tres agrupamentos de coviñas (5, 5 e 3 elementos) e 3 coviñas illadas. En total, o numero de concavidades ascende a 38.
O petróglifo das Abeleiras localízase, en liña recta, a uns 160 m cara ao leste do río das Cervas; a uns 550 m cara ao sudoeste da aldea de Lourido; a uns 930 m cara ao norte da aldea de Biduído e a uns 530 m cara ao leste da aldea de Limeres, sita na outra banda do río. Así mesmo, o gravado das Abeleiras sitúase a uns 300 m, en liña recta e cara ao noroeste, do petróglifo das Brañas; a uns 750 m cara ao noroeste dos petróglifos do Outeiro Aciveiro; a uns 750 m cara ao leste dos petróglifos I e Ib de Monte de Baixo, a 1 km cara ao norte do petróglifo do Outeiro de Riba e a 1’5 km cara ao norte do petróglifo da Cerqueira.
Naquel contexto xeográfico (monte Costoa), o aspecto das coviñas das Abeleiras (diámetro, fondura e luimento) lembra a feitura das atopadas en Outeiro Aciveiro (Biduído), Outeiro de Riba (Biduído), A Cerqueira (Biduído) e Monte de Baixo I e Ib (Limeres). Fóra daquel contexto, teñen semellanza coas do petróglifo do monte de Laxoso (Quireza) e coas do petróglifo do Revoltón (Pereira-Forcarei). Na zona, os conxuntos de coviñas presentes na Laxa do Almanaque, Outeiro da Bichoca e As Brañas son de menor diámetro e profundidade.
Co petróglifo das Abeleiras, o colectivo Capitán Gosende acada a cifra de 52 achados no eido da arte rupestre en Terra de Montes. Tras unha década de traballo en prol da catalogación e valorización dos petróglifos de Cerdedo, as autoridades só se dignaron sinalizar, tarde e mal, os petróglifos do monte de Pedre (o panel “informativo” da Romaxe-Filloeiras tirouno o vento ao pouco de ser colocado). Os toxos e as silveiras cobren, ou están a piques de cubrir, as 43 estacións petroglíficas. Neste tempo non houbo vontade de acondicionarlles acceso ningún. De non mudar a actitude desidiosa dos mandatarios locais, en breve, o traballo publicado polo colectivo Capitán Gosende será a única testemuña da existencia dos petróglifos cerdedenses. Aínda así, “O legado dos homes pequenos” figura na listaxe de libros prohibidos para a biblioteca pública local. Teimuda sarta de despropósitos. Teimudo labor de silenciamento.
Xa que falamos de ocultación, no “Diccionario de las ciencias ocultas” de Helmut Oosterhuis, lemos unha acaída definición de “esperanza”, virtude da que, a pesar de todo, facemos gala: “Segura confianza de lograr una cosa y de que la verdad ha de prevalecer contra el error, la justicia contra la iniquidad y el bien contra el mal”. Que chova que vente...