Calros Solla
A nosa ansia exploratoria levounos, hai varias temporadas, a superar os lindes do antigo concello de Cerdedo e a facer nosa a xeografía de Terra de Montes. Profesamos pola histórica bisbarra fonda devoción, tanta que, máis ca amigos, somos, no físico e mais no inmaterial, amadores deste territorio desbaldido por décadas e décadas de cacicaxe, ora riestrista, ora franquista e arestora neofascista (nostálxica do xugo e as frechas). O cloroformo da resignación ralentizou (até raiar no colapso) o pulso do electorado supervivente. Optando sempre polo “malo coñecido”, a sarna do maino esmorecer pica e mortifica. A quen lle proia que rañe.
Non obstante, o domingo 7 de xuño de 2020, o cuco recibiunos en Caroi con azos anovados, reafirmándose rítmico e contumaz na súa onomatopea. Fixemos gasto na taberna do Coto e, aínda que unha veciña nos asegurou que o Neno Xesús mantivera o “becho” afastado da aldea, antes da partida, enfarnamos as mans cunhas zurrichadas de solución hidroalcólica, non fora o demo.
O 24 de abril de 2016, os de Capitán Gosende descubrimos o primeiro gravado rupestre da parroquia de Caroi. Situado no monte de Medelo, perto dos lindes coa parroquia de Cerdedo, aquela inscultura fora bautizada co nome de “petróglifo de Regaseis”. Catro anos despois, agochado na fronde das Zacoteiras, o segundo petróglifo chamaba por nós.
No eido da toponomástica, clasificamos As Zacoteiras como zootopónimo, abundancial de “zacote”, cría do porco, supoñemos que bravo, é dicir, xabaril. A herbeira lenta das Zacoteiras é, dende logo, propicia para a foza do porco bravo.
Malia devecer a sensación do achádego, o que motivou a visita ao campo das Zacoteiras foi a súa condición, ben coñecida, de chá tumularia. A día de hoxe, o campo de mámoas das Zacoteiras posúe tres medorras consignadas no catálogo de Patrimonio (Zacoteiras I, II e III; Santos Estévez, M: 1998). Tras a xornada de busca, os de Capitán Gosende non só descubrimos no predio das Zacoteiras unha inédita estación petroglífica, senón que engadimos unha tumba neolítica máis ao acervo arqueolóxico de Caroi (e da comarca).
Principiamos o informe dos achados dando razón do gravado rupestre:
O sitio arqueolóxico das Zacoteiras (coordenadas.- X: 547.932; Y: 4.703.253; alt. 626 m) localízase a uns 170 m, ao sueste, do coto das Zacoteiras (629 m); a uns 700 m, cara ao sur, da encrucillada do Coto (núcleo de Caroi); a uns 625, cara ao sudoeste, do lugar de Cimadevila; a uns 550 m, cara ao oeste, do lugar da Casola; e a uns 450 m, ao noroeste, do lugar de Bouzas.
A estación petroglífica das Zacoteiras divídese en tres paneis inscultóricos. O panel principal, situado a unha cota superior, componse dun conxunto de coviñas e acanaladuras entrecruzadas, talladas nun petouto granítico. O grao de desgaste dos glifos é moi alto. Só con sol rasante se poden apreciar a meirande parte das figuras. Contamos unhas 13 concavidades (3 destas coviñas intégranse na trama que orden as canles) e unhas 15 acanaladuras (11 das canles orden a trama; 4 illadas). A coviña meirande acada os 7 cm de diámetro e a máis pequena, os 4 cm.
O segundo panel, contiguo ao primeiro, sitúase cara ao nordés e a unha cota inferior. Componse dunhas 16 concavidades talladas noutro petouto granítico. O alto grao de desgaste impide consignar outros elementos que, ben seguro, existiron.
O terceiro panel labrouse na parte superior dunha rocha solta, localizada a uns 15 m, cara ao sudoeste, do panel principal (624 m de alt.). O petróglifo componse dunha única figura, de feitío cruciforme, suco ancho e leito en “U” (dimensións: 42 cm de longo e 24 cm de largo).
Todos tres paneis forman parte dun afloramento granítico que abrangue uns 165 m2 de superficie visíbel, é dicir, aínda non colonizada pola vexetación, e cuxa altitude acada os sobreditos 626 m. A uns 180 m de distancia, cara ao norte, discorren cantareiras as augas primeiras do río Almofrei.
Así mesmo, afortalando a relevancia arqueolóxica do lugar, a estación petroglífica sitúase a uns 40 m, ao norte, da Mámoa I (coordenadas.- X: 547.943; Y: 4.703.206; 622 m); a uns 47 m, ao norte, da Mámoa II (coordenadas.- X: 547.931; Y: 4.703.213; 622 m); e a uns 130 m, ao nordés, da Mámoa III. Todos tres túmulos foron catalogados por Patrimonio co nome de “Mámoas das Zacoteiras”. A Mámoa I e II (enténdese que pola súa proximidade) comparten o código GA36012042; á Mámoa III (coordenadas.- X: 547.844; Y: 4.703.154; 619 m) correspóndelle o código GA36012059.
Como adiantamos en titulares, a xornada deu para petros e para mámoas. A uns 45 m, cara ao sudoeste, do petróglifo das Zacoteiras, no medio da basta matogueira, descubrimos unha cuarta tumba neolítica. Denominámola “Mámoa IV” (coordenadas.- X: 547.889; Y: 4.703.241; 621 m). O túmulo presenta unha ampla foca de espoliación. Pola valgada das Zacoteiras e, xa que logo, polo campo de mámoas, discorre o camiño que, dende antigo e na dirección N-S, os aldeáns do Coto, da Graña e da Eirexe (núcleo de Caroi) enfilan para achegarse ao monte Caveiro.
O 27 de outubro de 2019, os de Capitán Gosende descubrimos entre as mámoas da necrópole do Castriño (Quireza) un gravado rupestre que denominamos “petróglifo do Castriño”. Os motivos representados (combinación de coviñas e cruciformes), a súa localización (no centro preeminente da necrópole megalítica) e o seu grao de desgaste permítennos agora establecer evidentes similitudes entre os dous sitios arqueolóxicos. Serán os gravados rupestres de Quireza e Caroi do tempo das mámoas que os arrodean (±6.000 anos de antigüidade)?? A chá do Castriño e a das Zacoteiras seguíronse empregando como espazos rituais na Idade do Bronce (±4.500 anos de antigüidade)??
O colectivo Capitán Gosende suma e segue (79 petróglifos e 7 mámoas descubertos na comarca de Montes). Cerdedo e Cotobade, sós ou en por xunto, non fan máis ca restar.