Calros Solla
O achado nomeouse petróglifo da Fonte do Piollo. Localízase perto do lugar de Fornelos, na parroquia de Santo Isidro de Montes.
A uns 480 m de altitude, ao agocho dun afloramento granítico casteleiro, tiven a fortuna de achar un fermoso gravado rupestre. Descoñecendo, polo momento o microtóponimo preciso, denominamos o achado “petróglifo da Fonte do Piollo”, atendendo á toponomástica que, próxima ao sitio arqueolóxico, se consignou no Mapa Topográfico.
O gravado rupestre, duns 4.500 anos de antigüidade, tallouse no nivel intermedio dun daqueles torreiros rochosos. O labrante prehistórico empregou a parte superior, regular e lixeiramente peada dunha pena, cuxo relanzo posibilita un agocho ou coveira inferior. O penedo superior, que asenta encol do escaleirón e acouta en vertical o santuario polo oeste, adobíase con bacías naturais. Un dos concos verte augas sobre a inscultura.
Dende o cimo do rochedo, agochado tras un mesto e novo piñeiral, desfrútase, cara ao sur e leste, dunha ampla panorámica: Fornelos (Campo Lameiro), Pedre (Cerdedo), amais do Outeiro Pernide, Penaquetanxe, o Coirego, o alto Seixo...
A estación petroglífica da Fonte do Piollo localízase a uns 550 m, cara ao noroeste, da aldea de Fornelos e a uns 400 m, cara ao sur, do petróglifo do monte Porrido (situado perto da intersección das estremas parroquiais de Castro/Quireza (Cerdedo) e Montes (Campo Lameiro)), e descuberto polo colectivo Capitán Gosende o 2 de febreiro de 2020.
O petróglifo da Fonte do Piollo (coordenadas.- X: 544.706; Y: 4.709.444) componse dun agrupamento de 77 concavidades: 65 coviñas e 12 coviñas tipo bacilo (preferimos: “peciños de neno”, consonte a inspiración do noso admirado Aurelio Ramos, informante nonaxenario da parroquia de Xirarga (Beariz)). O diámetro das coviñas vai dende os 3 até os 10 cm. 74 das coviñas conforman un grupo apertado, mentres que 3 coviñas se riscaron un chisco afastadas do grupo principal. Cómpre advertir que entre o grupo meirande e os tres elementos illados botamos en falla un fragmento de rocha que puido desprenderse por causas naturais ou antrópicas.
O soporte rochoso posúe unha superficie útil de 420 cm de longo x 180 cm de largo (na parte máis larga). A figura tallada, que ocupa unha posición central, posúe unhas dimensións de 210 cm de longo x 70 cm de largo (na parte máis larga).
Co petróglifo da Fonte do Piollo (sito na parroquia de Santo Isidro de Montes), o colectivo Capitán Gosende acada a cifra de 91 estacións de arte rupestre descubertas na comarca de Terra de Montes.