Calros Solla
Cara ao oeste, a mámoa de Cuíña afástase pouco máis de un quilómetro do xacemento análogo do Castriño. Os depósitos megalíticos do Castriño localízanse a medio camiño entre as aldeas de Mamoalba e Fondós. Cuíña, Mamoalba e Fondós son tres aldeas pertencentes á parroquia de Quireza.
O topónimo “Mamoalba” non ofrece dúbida: túmulo preeminente ou observábel a distancia pola cor chamativa da súa coiraza (cachotes de seixo branco). A carón da aldea de Mamoalba e cara ao poñente, érguese o Coto da Mámoa (429 m). Na actualidade, non se detecta neste outarelo vestixio tumulario ningún, mais, moi probabelmente, á mamoa selleira que lle deu nome ao poboado localízabase na cimeira ou nalgún relanzo do promontorio. No ano 2008, de xeito fortuíto, atopamos no arró do Coto da Mámoa unha pedra duns 16 cm de alto, de feitío antropomorfo e coviña central (a xeito de embigo). O exame dos arqueólogos determinou que, dado o contexto, podería tratarse dun idoliño funerario.
O topónimo “O Castriño” abrangue un planalto situado entre Mamoalba e Fondós cuxas pendentes verten cara aos regatos dos Acivos, dos Recovos e da Ponte Faroxo, tributarios do río de Quireza (véxase o Topográfico). De Mamoalba a Fondós (ou viceversa) o camiño que atravesa o Castriño tamén serpea por entre as medorras. O chamadeiro indúcenos a situar naqueles predios un xacemento da Idade do Ferro. De o haber, non constaría no inventario de Patrimonio. Nesta ocasión, o mapa sombreado do Visualizador de Mapas da Xunta non esclarace ren. Pola contra, a fotografía do Voo Americano de 1956-57 alimenta a sospeita. Por se non abondar, na Carta arqueolóxica do concello de Cerdedo (2009) deixouse constancia da tradición mitolóxica vinculada a este lugar: O castro tense sobre unha viga de ouro e outra de lume de alcatrán. No Castriño hai unha rocha regañada [diaclasada] que emprega unha moura para cardar os seus cabelos.
Na primavera de 2012, membros do colectivo Capitán Gosende atoparon nunha veiga situada nas marxes do Castriño os restos dun muíño barquiforme, reutilizados no lousado dun pontigo (Faro de Vigo, 22-4-2012).
Como hai sete anos, o pasado domingo estacionamos o carro en Mamoalba, alí onde remata a estrada asfaltada, e a seguir, encamiñámonos pola verea terreña que comunica co veciño Fondós. A primeira das mámoas (GA3601114) atopámola axiña, á dereita do carreiro e a uns 350 m da aldea de Mamoalba, entre unha repoboación de piñeiros (coordenadas.- X: 545.073; Y: 4.711.616). Enfrascados nas tarefas de medición e descrición do xacemento, fomos sorprendidos por unha parella de corzos. Os cerviños saíron do piñeiral e cruzaron o camiño dun chouto, dirixíndose cara a un calveiro do Castriño. Non o dubidamos un instante, pousamos no chan os lapis e os cadernos e fomos tras dos animais por se eramos quen de tirarlles unha boa fotografía. O basto piñeiral deu paso a unha repoboación nova da mesma conífera. Non volvemos ver os cérvidos esquivos, mais, o rastro da fuxida guiounos até o bordo leste da penechaira, des onde se divisa unha belísima panorámica das montañas centrais de Cerdedo, coa impoñente presenza de Castrodiz ocupando o centro da escena.
Ao pouco, os nosos pés abandonaron a camposa e avanzaron pola laxeira do cimo. Coas sombras proxectadas polas últimas raiolas de sol, foinos doado albiscar un conxunto de gravados espallados nun panel de pedra de gran. De novo, sorriunos a sorte. Por manter a coherencia coas máis antigüidades, denominamos a descuberta “petróglifo do Castriño” (coordenadas.- X: 545.256; Y: 4.711.647; alt. 387 m).
A porción de laxa na que se dispuxo a inscultura posúe uns 20 m2 de superficie. Outro tanto da mesma desapareceu por mor dos labores de extracción. Cachotes e rebos (mesmo un perpiaño feito) espállanse pola redonda. Aqueles afloramentos graníticos forneceron de pedra os canteiros de antigo. Xamais poderemos saber se a angueira extractiva nos privou da contemplación íntegra dun conxunto petroglífico cuxos motivos non teñen comparanza cos descubertos até a data en Cerdedo.
O petróglifo do Castriño, a primeira vista, componse dunha combinación de coviñas e cruciformes-antropomorfos. Nun recanto da laxa, agrúpanse 7 coviñas. A meirande parte da superficie pedrosa está ocupada por uns 13 cruciformes-antropomorfos, de trazo ancho e suco en “U”, atestando a súa feitura prehistórica. Algúns cruciformes presentan extremos pometados e/ou prolongados.
Dos trece cruciformes-antropomorfos, dous asócianse con cadansúa coviña. Un cruciforme semella asociarse cunha coviña e outra coviña tallouse a son de tres motivos rectilíneos. É dicir, no petróglifo do Castriño contamos 11 coviñas e 13 cruciformes-antropomorfos, moitos deles incompletos, todos eles moi luídos.
O acentuado desgaste e os motivos representados (case sempre abstractos) fannos plantexar unha cronoloxía máis recuada para a maioría dos gravados rupestres localizados na comarca de Montes; unha arte que, andado o tempo, evolucionaría Lérez abaixo cara á temática naturalista.
Mamoalba, Coto da Mámoa, O Castriño, as mámoas do Castriño, o muíño barquiforme do Castriño, o petróglifo do Castriño...; toda a nosa prehistoria reunida en apenas 13 ha de terreo. Cantas posibilidades, se houbese vontade ou habelencia política para levalas a cabo! É triste, mais non é conto: todos padecemos o que en Cerdedo a maioría asente e consente.
Abastou o lusquefusque para percorrermos as inmediacións. No Castriño batemos coa pedra regañada coa que a Moura carda os cabelos. Oh, Cerdedo, tanto tes e que tan pouco te valoras!