O gravado rupestre localizaríase na área de afectación do proxecto eólico “Porto Bidros”
A inscultura prehistórica tallouse no curuto do Outeiro Pernide (Limeres). O achado, ao escuso de toxeiras e silveirais, aconteceu dúas semanas despois da descuberta dunha tumba megalítica nas proximidades do cotarelo (Faro de Vigo, 19-11-2023).
A contorna do Outeiro Pernide está sendo obxecto de exploración por parte do colectivo, ao se localizar dentro da zona de afectación do proxecto eólico “Porto Bidros”.
O gravado denominouse “petróglifo do Outeiro Pernide” (coordenadas.- X: 547.854; Y: 4.707.729). O sitio arqueolóxico érguese a 578 m de altitude e afástase uns 142 m, cara ao noroeste, da nomeada “mámoa do Outeiro Pernide”, dada a coñecer días pasados.
Os motivos plasmáronse no anverso plano dun dos afloramentos graníticos (pedra de gran groso) que coroan o montecelo coñecido por Outeiro Pernide.
O soporte insculturado presenta dúas gretas naturais que dividen o panel en tres seccións, limitándonos sempre ao espazo que se nos mostrou expedito, ou sexa, libre de vexetación arbustiva.
Na sección sur labráronse dúas coviñas illadas e marxinais. Na sección norte, catro coviñas e, na marxe, un cruciforme moderno –de termo–: cruz latina de risco amplo, con pé patado e crisma pometada. Coidamos que o labrante do cruciforme aproveitou unha quinta coviña para salientar a cimbra da cruz. Coñecido o gravado rupestre polos devanceiros, a peneda puido en tempos deslindar o monte de Pedre do de Limeres. Reforza esta hipótese a existencia no costado leste da rocha de tres alfabetiformes modernos, quizais “P / L”, é dicir, “Pedre / Limeres”.
A sección intermedia do soporte contén o groso da composición: un universo de 34 coviñas e 5 “peciños de neno” de tamaños desemellantes. Unha das coviñas obrouse na verticalidade do panel e sección. Coa denominación “peciño de neno”, tomada do enxeño do noso querido Aurelio Ramos (A Alén-Xirargha), designamos as concavidades unidas por canle desaugadoiro. Estas piocas xeminadas –tamén identificadas por nós cos apelativos “tipo bacilo” ou “tipo aspis”– acadan no petro do Outeiro Pernide as meirandes dimensións. A concavidade máis pequena posúe uns 4 cm de diámetro, mentres que a máis grande acada os 16 cm de diámetro.
Ao gravado rupestre calcúlaselle unha antigüidade de 4.500 anos (Calcolítico-Idade do Bronce), aínda que, segundo algúns estudosos, a existencia de túmulos neolíticos nas inmediacións (mámoas do monte Baixo (2) e mámoa do Outeiro Pernide) permitiría atrasar a súa cronoloxía. As preguntas que nos plantexamos son recorrentes: Os sitios arqueolóxicos do Outeiro Pernide (mámoa e petróglifo) son contemporáneos? De ser así, o santuario rupestre do Outeiro Pernide mantivo a súa vixencia na Idade do Bronce, ou mesmo, na época dos castros?
O gravado rupestre do Outeiro Pernide sitúase a uns 640 m, cara ao suroeste, da aldea de Limeres; e a uns 900 m, cara ao norte, do lugar de San Bernabé. O petróglifo do Outeiro Pernide afástase 400 m, cara ao noroeste, do Serpentiforme de Limeres (pertencente aos gravados do grupo do monte de Baixo); e a 1 km, cara ao sueste, dos gravados da Laxa das Filloeiras (Pedre). O conxunto da Laxa das Filloeiras foi descuberto polo Capitán Gosende en 2012; o Serpentiforme de Limeres apareceunos en 2017.
A atalaia do Outeiro Pernide permite unha lonxincua panorámica de case 360°, só obstaculizada, cara ao sur, pola cuíña do Outeiro Raposo (691 m), situada a pouco máis de 1 km de distancia; tamén, por unha recente repoboación de piñeiros ralentos. Cara ao leste, as vistas das aldeas de Biduído e Chamadoira e mais do monte do Seixo son belísimas.
Co achado do petróglifo do Outeiro Pernide, o colectivo Capitán Gosende descubriu na comarca de Montes 94 gravados rupestres. Para o cómputo sempre se desbotaron os cruciformes de termo illados. No haber do antigo concello de Cerdedo, consígnanse hoxe 62 gravados rupestres, 51 deles descubertos polo Capitán Gosende tras anos de angueira exploratoria. A Deus rogando e co arado arando.