Calros Solla
O petróglifo componse dun agrupamento de cinco coviñas de 5, 7, 9, 10 e 15 cm de diámetro e boa fondura. As coviñas foron talladas na parte superior dun cachote de granito que integra os alicerces dunha casa do núcleo da Cavadosa, aldea do antigo concello de Cerdedo. Dita construción sitúase á saída do lugar, en dirección ao veciño Abelaíndo. Con certeza, o soporte inscultórico é un fragmento de laxe, extraído in illo tempore, dun afloramento meirande situado nas inmediacións.
A parte visíbel do cachote da cimentación posúe 125 cm de longo e 45 cm de largo. Segundo puidemos comprobar, a pedra dormente é pasante, porén, foi imposíbel a súa inspección pola parte interior do inmóbel, xa que aquel espazo (alpendre) se atopa cuberto dunha grosa capa de estrume.
O novo achado denominouse “petróglifo da Cavadosa” (coordenadas.- X: 548.872; Y: 4.704.261), e fai o número 59 dos petróglifos inventariados no antigo concello de Cerdedo e o número 86 dos descubertos polo colectivo Capitán Gosende na comarca de Montes.