Calros Solla
Os dous piares da ponte presentaban graves danos estruturais, pondo en risco a integridade da construción e a dos seus usuarios. Lembremos a nosa advertencia: “A día de hoxe, a corrente do río levou por diante, nun dos piares, un dos catro perpiaños que formaban o tallamar arredondado e, por debaixo deles, o primeiro elemento da cachotaría dos alicerces. No outro piar, a auga moveu do seu asento un dos cachotes dos alicerces, comprometendo a estabilidade dos perpiaños do tallamar”.
A mediados do mes de decembro, atendendo as reclamacións de Capitán Gosende, o Concello anunciou na prensa o remate das obras de consolidación da ponte dos Portamuíños. O conto semellaba ter bo final. Porén, cinco meses despois de concluídos os traballos, o colectivo vese na obriga de informar que a ponte volve estar en risco. Aquel cachote dos alicerces, “movido do seu asento”, acabou víndose abaixo pola acción dunha póla seca que, atravesada por diante dos ollos da ponte, embazou a corrente e fixo panca. O cachote desprendido permanece no leito do río ao pé do seu piar. A pouco que suba o nivel da corrente e a auga vaia desenvolvendo o seu labor inexorábel no piar desgornecido, a ponte verá comprometida de novo a súa estabilidade.
Capitán Gosende visitou o lugar o sábado día 8. Agardemos que, desta volta, as obras se realicen sen tacha.