Calros Solla
O colectivo Capitán Gosende xa visitou o lugar do sinistro en dúas ocasións. As autoridades limitáronse até o de agora a dar parte e a acoutar a morea de fragmentos cunha fita plástica bicolor, hoxe case imperceptíbel pola follarada outonal.
Precavendo que a inescusábel intervención sobre este ben patrimonial se adíe en exceso, o pasado sábado (día 11 de decembro), membros do colectivo desprazámonos até o lugar e, coa axuda dalgúns veciños, procedemos a buscar por entre a rima de perpiaños e cachotes e mais por entre a folla seca os fragmentos miúdos da arquitectura derruída, co obxectivo de xuntalos e preservalos do seu probábel extravío. Lembremos que o nove de cada mes o lugar se converte nun concorrido recinto feiral.
Consonte as nosas anotacións, o peto de ánimas de Doade é hoxe un amasillo de perpiaños (contamos unhas corenta pezas), cachotes e rebos. A meirande parte das pedras labradas presenta rachaduras ou escantrelamentos, labor que un canteiro destro e habelencioso haberá compor. Por mor da súa profesionalidade, nós recomendamos o escultor Marcos Escudero para a realización deste traballo.
Despois dunha minuciosa rebusca, demos localizado os anacos da cruz e do seu pedestal, e tamén os anacos dos pináculos e dos seus respectivos pedestais que a flanqueaban. Todos tres aditamentos, asentados encol dun frontón circular, coroaban o peto de ánimas. Algúns dos anacos xa se esparexeran lonxe da súa localización orixinal.
A presenza da señora Fe, sancristá da capela do Carme, permitiunos gardar os fragmentos recadados no interior do templo, arrombándoos a carón do retablo de madeira, representando as almas do purgatorio, e mais a reixa metálica que gardaba a talla. O retablo, a reixa e unha imaxe da Virxe do Carme, intercesora das almiñas, xa foran retirados a noite do accidente. Coidamos que a imaxe da Virxe é irrecuperábel.
As pezas recobradas da escachiza ascenden a unhas vinte. Armados os respectivos crebacabezas (cruz e dous pináculos), arrecunchámolos no interior da capela, agardando polos labores de restauración que, no posíbel, deberán respectar os elementos orixinais.
O colectivo Capitán Gosende urxe as autoridades á pronta restauración do peto de ánimas de Doade, patrimonio dos veciños de Xirarga e patrimonio de todos. Estaremos atentos.