O colectivo denuncia o mal estado de conservación desta ponte centenaria e insta á dignificación da súa contorna
Calros Solla
En calquera caso, os de Capitán Gosende sentímonos satisfeitos. Foron as nosas providenciais advertencias, publicadas nos xornais e nas redes sociais, as que propiciaron a actuación do Concello na ponte dos Portamuíños (río do Seixo), a piques de virse abaixo; e grazas á nosa insistencia, acometeranse as melloras nesoutras mostras de enxeñaría ponteira, habelencia dos canteiros cerdedeses. Expresamos o noso contento e asemade a nosa preocupación, xa que estamos ao tanto, por poñer un exemplo, da desmesura perpetrada recentemente na ponte dos Cabalos, sobre o río Arnego, estrema dos concellos de Lalín e Agolada.
Tras o forzoso confinamento, Capitán Gosende volveu botarse aos camiños de Montes. Fideis á nosa idiosincrasia, recoñecemos ter boca de frade á hora de esixir actuacións que preserven o patrimonio de todos e, nesa liña, solicitámoslle agora á autoridade que, do cacarexado orzamento, destinado ás pontes do Lérez, consigne unha partida para a limpeza, consolidación, acondicionamento e restauración da ponte da Cavadosa, sobre o río do Seixo, e da súa contorna. O río do Seixo non é o Lérez, pero si é un dos seus tributarios máis cumpridores. Quen non chora, non mama.
Os cachotes e perpiaños de granito da ponte da Cavadosa concertáronse en época medieval. A ponte abre un ollo baixo bóveda de canón. O ollo da ponte ten 4’60 m de luz e 2 m de altura, atinxindo os 2’50 ao nivel do piso e os 3’30 m na parte superior dos peitorís. Os arcos exteriores están formados por 21 doelas. A maiores, a ponte posúe tres condutos de desaugamento para aliviar a presión en caso de enchente, e un cuarto, que canaliza a levada do denominado muíño de Herdeiros de Baixo. O taboleiro da ponte da Cavadosa describe unha curva. A estrutura acada os 24’5 m de lonxitude pola parte exterior, e os 20 m de lonxitude pola parte interior. No seu punto central, a ponte mide 3’25 m de ancho. Acompáñase dun peitoril formado por prismas rectangulares de pedra (irregulares, rudos, sen serrar), incompleto en ambos os dous laterais. No punto central, o peitoríl acada os 70 cm de altura, indo morrer a cero nos extremos. As pedras centrais do antepeito posúen unhas dimensións que van dende os 153 cm aos 175 cm de longo. Apóianse en balaústres hexaédricos irregulares duns 35 cm de aresta. Pola parte interior, a ponte conserva 8 pezas do peitoríl e 8 balaústres; pola parte exterior, 8 pezas do peitoril e 5 balaústres.
A ponte comunica a aldea cerdedesa da Cavadosa coa cotobadesa da Graña (Caroi). Na actualidade, unha outra ponte de formigón, construída río arriba en época recente (nos anos noventa), empresta dito servizo, polo que, de primeiras, recomendamos vivamente que se prohíba o tráfico rodado por riba da ponte centenaria. Na visita efectuada o pasado domingo, día 14, puidemos observar que a ponte vella da Cavadosa presenta unha eiva de consideración na parte inferior esquerda do seu intradorso. A corrente do río extraeu do seu asento unha das doelas iniciais da bóveda (1 m de lonxitude, aprox.), permitíndolle á auga socavar sen tregua os seus alicerces. Por mor da falla do elemento sustentante, as doelas de por riba sufriron desprazamento, restándolle uniformidade ao intradorso e solvencia á estrutura.
As deficiencias na cimentación non son o único problema. O piso da ponte medieval da Cavadosa e a encrucillada de cara a Caroi (á saída da ponte) están cubertos dunha horrorosa capa de formigón. Como xa indicamos, a ponte perdeu, quizais por mor de sucesivas enchentes, parte das pezas da varanda en ambos os dous lados. Calculamos que o número de elementos extraviados é de 6 pezas do peitoril e 5 balaústres por cada un dos laterais.
Hai anos, o finado de Benicio Fortes Fortes (†2020), veciño da Cavadosa, xa falaba da conveniencia de devolverlle á ponte a súa feitura orixinal, librándoa da capa de formigón, reconstruíndo os segmentos de peitoril faltantes e retornando o cruceiro da ponte ao centro da encrucillada, a súa localización primixenia. Nós, en homenaxe e lembranza do noso estimado colaborador, engadimos que as tarefas de acondicionamento deste conxunto etnográfico deberan incluír tamén a corta de nove eucaliptos de bo porte que medran na marxe dereita do río e a retirada dunha marquesiña de chapa galvanizada e mais outro pendello, hoxe en desuso, que, situados todos eles a escasos metros da ponte, a afean considerabelmente. O labor de recuperación do lugar debería completarse coa roza da matogueira circunstante, a restauración do muíño de Herdeiros de Riba e a limpeza da levada do muíño de Herdeiros de Baixo, o undécimo dos inventariados no río do Seixo dende a súa nacenza (consúltese: Solla, C.: Materiais para o estudo da freguesía de San Xoán de Cerdedo. Inventario xeral, 2002).
O denominado cruceiro da ponte é unha cruz de pedra sen imaxes, de 130 cm de alto, 41 cm de envergadura e 15 cm de fondo; fincada nun pedestal troncocónico de 56 cm de alto e 75 cm de diámetro na base.
Segundo Benicio Fortes, cando se ancheou a estrada de cara a Caroi, o pobo creu oportuno arrombar a cruz nunha leira inmediata, medio agochándoa tras a chamada fonte da ponte, picho e abeberadoiro construídos con materiais modernos no ano 1986. Os zapatos piden medias e, metidos en gastos, os ludrosos ladrillos da fonte esixen seren substituídos pola nobreza da pedra; aínda que calquera cousa é boa antes ca a colección de leóns, avechuchos, cornúpetas e outros espantos, espallados pola xeografía de Cerdedo nos últimos anos.
Benicio Fortes salientou xacando a relevancia da encrucillada da ponte da Cavadosa como escenario da esconxura do enganido (anghinido). Mentres as roupiñas do neno entangarañado se pousaban ao sereno nunha leira adxacente, tres Marías collidas das mans e á roda do cruceiro, ensalmaban ao xeito. Así mesmo, des que os defuntos da Cavadosa se foron enterrar a Caroi (antes, xa se lles dera terra no camposanto de Cavenca), o cortexo fúnebre atravesaba a ponte e facía un pouso onda o cruceiro para rezar un responso. Tamén recollemos na Cavadosa a lenda fundacional da ponte, cuxa fábrica se lle atribúe ao demo constipado: A ponte vella da Cavadosa esbirrouna o demo, pois enchéralle o ollo unha moza da Corredoira, e para facerlle as beiras víase obrigado a mollar os pés (Almanaque de encantos. Mitoloxía da Terra de Cerdedo, 2005). Léase a maiores: “O roubo da ponte Piñoa” (Faro de Vigo-Montes, 24-3-2013).
Cando vaias pra Caroi,/ten coidado no camiño,/que che está o demo/metido nun buratiño. A conservación do patrimonio material debe vincularse indefectibelmente á salvagarda do patrimonio inmaterial (contos, lendas, cantares...) que, a semellanza da guinda no pastel, adoito o requinta e adobía. Se a ponte da Cavadosa se esbarroar, non só deixaremos ir polo río abaixo unha bela e singular mostra da nosa arquitectura tradicional, senón tamén o crisol no que se amalgama o noso celme. A ponte da Cavadosa/fíxoa o demo namorado,/farto de ir á rúa /cos peciños mollados.