A recuperación deste lavadoiro construído nos anos trinta do pasado século sérvenos, asemade, para honrar a memoria do seu artífice, o canteiro Xosé María Varela Pérez
Calros Solla
A recuperación do lavadoiro do Souto, oculto baixo o silveiral, permitiunos asemade a evocación da nosa memoria histórica, tamén entre as silveiras.
O lavadoiro do Souto (ou lavadoiro das Raposeiras) foi construído a comezos da década dos trinta do pasado século polo canteiro Xosé María Varela Pérez o Ghelfo. Fillo de Ramona e Xesús, Xosé María Varela Pérez naceu na aldea de Cavenca o 25 de xullo de 1902 e, no principiar dos anos trinta, casou nas Raposeiras coa labrega Isolina Márquez Sueiro, Isolina das Raposeiras. Isolina e Xosé María foron os meus avós maternos. Deus os descanse; benia a quen todo nolo deixou, como diría a xente de antes.
En 1924, con 22 anos de idade, Xosé María Varela Pérez cumpre co servizo militar en Tetuán (capital do Protectorado español de Marrocos). A súa estadía na convulsa colonia africana cadrou despois do “desastre de Annual” (1921) e antes do desembarque de Alhucemas (1925). Das cartas que dende África remitiu a súa familia de Cavenca, consérvanse tres, escritas nunhas cuartillas raiadas de papel fino. Segundo o seu propio testemuño, saber ler, escribir e mecanografar (de todo, un chisco) e mais a súa habelencia como canteiro salváronlle a vida, xa que, o mantiveron no cuartel, ao socairo dos muros, evitando a prolongada exposición ao fogo das espingardas rifeñas. Nunha carta remitida a seu pai o 14 de agosto de 1924, redacta o seguinte:
...Eu estou traballando na praza (cuartel) do meu oficio que é albanel. Polo de agora non teño que dicir mal da mili. Para min até o de agora ten sido boa.
Aquí no campo (de batalla) foi unha calamidade. Moitos batallóns estragáronse. Un amigo meu foi axudar ao seu batallón, e que día foi! A compañía del entrou en fogo. Cinco mortos a baioneta, alí quedaron todos mortos. O compañeiro era de Pontevedra. Primeiro levou un tiro nunha man. O pobre berraba que o curasen alí, que non podía escapar. Cando ía escapar, crendo que escapaba para a súa compañía, escapou para a do inimigo. Alí o mataron a el, e toda a compañía quedou alí morta. Só quedou un tenente que escapou. Moitos quedaron sen vida. O meu batallón tivo moita sorte que o collesen na praza.
Non se pode saír para o campo porque, se saímos, no camiño nos liquidan, e un batallón axiña se estraga, de maneira que estamos ben na praza...
Malia ficar rouco de voz por mor dunha traqueotomía, nunha das substanciosas conversas mantidas co meu avó nos primeiros anos oitenta, confesoume que, durante a mili, entre outros choios “de oficina”, tivo por encomenda restaurar e reforzar os parapetos da praza. Malia traballar baixo un sol esmechante, Xosé María Varela prefería concertar cachotes antes ca ser albo da munición inimiga e, daquela, o canteiro facía que lle rendese o traballo. Meu avó, arremedando a Penélope, tecía e destecía.
Xosé María Varela Pérez agradeceu sempre o aprendido na escola que, dende o principiar do século XX, dirixiu en Cavenca o célebre músico e mestre Ramón Lavandeira Limeres (1859-1932). O maxisterio “bo e paciente” de Ramón Lavandeira seica desasnou moito cerdedés. Ánxel Varela Pérez, irmán de Xosé María (daquela, meu tío avó), foi percusionista da banda de música de Lavandeira (ou de Cavenca), agrupación que funcionou até o ano 1922 (Léase: Campos Toimil, M.: As bandas de música de Cerdedo, 2010, páxs. 183-91).
Xosé María Varela foi canteiro de canxica (ou canxiqueiro), é dicir, especialista en erguer valos e paredes empregando, en seco, cachotes e rebos como material de construción. Sabedor da rivalidade entre as castes de pedreiros, expresábase con retranca: “O difícil é levantar unha parede de cachote, que de perpiaño calquera o fai”. Como adoitaba acontecer nos territorios nos que a lingua galega convivía coa xerga dos canteiros (xente viaxada), o galego do meu avó, e o dos cerdedeses en xeral, enriquecíase con empréstimos do vervo xido. Alén do latín dos arghinas, lembro escoitar na casa expresións como: “Viña polo camiño unha gharca de xente”. Aquela “gharca” [h] (co significado de “multitude”) era un empréstimo do árabe marroquí harka [h] (“expedición militar”, “partida de rebeldes”) que meu avó trouxera no macuto tras a súa tempada forzosa no Magreb.
A meu avó a sublevación fascista de xullo do 36 colleuno traballando en Madrid, ocupado na mellora do enlousado da Porta do Sol. Mobilizado no bando leal á República, defendeu a capital do Estado das hordas nacionais. Tras a rendición do exército republicano en marzo de 1939, foi detido polos franquistas. Xa liberado, a comezos do ano 1951 aínda se atopaba en Madrid, picando pedra no infame mausoleo de Cuelgamuros. Cantos lavadoiros daba aquel “mamotreto”!! Noutra das nosas conversas, fíxome anotar que un dos artistas encargados da decoración da cúpula da basílica (acaso, Santiago Padrós) pediulle a el e aos compañeiros da súa cuadrilla que posasen como modelos. Oínlle dicir en repetidas ocasións que unha das centenares de figuras do mosaico leva o seu rostro.
O 6 de maio de 1951, dende Madrid, vía aérea e na soleira dos 50 anos, Xosé María Varela Pérez foise para o Brasil: Vai ao Brasil a exercer a sua profissão de pedreiro, lese na súa “ficha consular de qualificação”. En Santos, no Estado de São Paulo, botaría unha década, deixando naquel territorio innúmeras mostras da milenaria arte da canxica.
Recuemos trinta anos no tempo. Para a construción do lavadoiro do Souto, o avó Xosé María cortou e carrexou a pedra dende o outeiral da Fontedorraca, canteira de onde, a finais dos anos sesenta, tamén sairían as trabes dos pontillóns da estrada da Revolta.
O avó situou o lavadoiro nun punto estratéxico, fornecendo a bogada coa auga corrente da presa Ghrande e coa do regueiro de Pedreghal, que confluén no Souto das Raposeiras. O regueiro do Pedreghal ten o illó nas Laxas Neghras (monte de Meilide), baixa pola Mesa das Mazás, Carballeira de Riba, Porterra, O Regheiro, Fontedorracas, Outeiros e Espreghadiñas, embocando no río do Seixo (pola marxe dereita). A presa Ghrande benefíciase dunha porción da auga do regueiro do Porto do Brido, conducíndoa cara á agra de Meilide. No Souto, unha cal curta e estreita desvía unha pouca desa auga, dirixíndoa cara ao pío de lavar. O líquido revertido ou desaugado volve ao lieto do regueiro de Pedreghal, e por el, como dixen, ao río do Seixo. Na actualidade, o regueiro de Pedreghal apenas trae auga, e ningunha vén pola presa Ghrande de Meilide, cuxa construción (canda a presa de Cavenca) foi promovida hai séculos pola fidalga liñaxe dos Gosende. A presa Ghrande de Meilide atravesa a congostra dos Portamuíños e, discorrendo por entre Cacharelas, Piñeiros e Cachafais..., rega as antigas herdades do pazo das Raposeiras.
A sinxeleza do lavadoiro do Souto (apenas nove perpiaños ben dispostos) constrasta coa súa utilidade, pois durante décadas foi empregado polas mulleres de Meilide para aprontar a brancura. En Meilide había escaseza de lavadoiros públicos. Miña nai lembra que, na casa, despois de lavar as sabas no lavadoiro do Souto, púñanse ao clareo na herbeira dos Outeiros.
O avó Xosé María, con 82 anos e afectado dun mal incurábel inducido polo po da pedra, faleceu na casa das Raposeiras o 29 de marzo de 1984.
Abofellas, dende o ceo dos canteiros canxiqueiros, so bóveda de chozo, o avó botou unha risada contemplando a nosa pelexa co mesto silveiral. Ben seguro, cando viu o lavadoiro libre de mato e follarada, tirou a pucha, rañou o cotote e berrou agradecido o seu retrouso favorito: Canta cuco!!