Cando os traballos de amolloamento desenvolvidos o primeiro de agosto do ano 36, os montes de Cerdedo ateigábanse de fuxidos
Calros Solla
En funcións de alcalde, representando o concello de Campo Lameiro, acudiu o delegado gobernativo José Díaz Chavez, facéndose acompañar por Manuel Bouzas, perito, e Antonio Sarandeses, secretario do concello. Polos concellos de Cerdedo, A Estrada e Cotobade non concorreu comisión ningunha.
Polo que respecta aos lindeiros de Campo Lameiro e Cerdedo, enumeramos a seguir os chamadeiros dos mollóns respectando a orde (N>S) na que figuran na acta (téñase á vista o Topográfico):
“Pico dos Aguillóns” (mollón 1º): Es común este mojón a los términos de Campo Lameiro, de La Estrada [A Estrada] y de Cerdedo, pertenecientes los tres a la provincia de Pontevedra; “Campo das Rosas”, “Cruz do Campelo”, “Outeiro da Conla”, “Coto da Conla”, “Coto do Xesto”, “Campo do Marco” (pedrafita; mollón 7º): Hay que hacer la observación que en su cara sur hay grabada una cruz y una C mayúscula. A la derecha de esta letra y aproximadamente en la mitad de su altura, un guion y un punto también grabados en la forma siguiente Cº; y en la cara norte una C mayúscula igualmente grabada; “Campo do Marco”, “Outeiro do Reconto”, “Alto dos Caveiriños”, “Regueira dos Caveiriños”, “Alto da Fonte Seixiña”, “Cotarelo do Porrido”, “Ladeira das Brañas do Porrido”, “Fonte do Piollo”, “Regata da Fonte do Piollo”, “Coto das Antas” (3), “Corte Vella”, “Monte do Oucedo”; “Oucedo” [Ucedo] (mollón 22º): Este mojón es común a los términos municipales de Campo Lameiro, de Cerdedo y de Cotovad [Cotobade], pertenecientes los tres a la provincia de Pontevedra. Até acadarmos a madre do Lérez que debuxa a estrema entre Cerdedo, Campo Lameiro e Cotobade.
Cando lin o contido das actas das operacións de deslinde de agosto de 1936 e 1939 desenvolvidas nas estremas occidentais de Cerdedo, volvín experimentar as sensacións vividas no proceso de elaboración do libro Así aprenderán a non ter ideas. Agrarismo, caciquismo e República en Cerdedo (Morgante, 2016). A través da mira do teodolito representábanseme as imaxes dos fuxidos republicanos que, naquelas datas, ateigaban acubillos en frondes e fraguizas, barras e cortellos. O golpe de estado franquista acaecera o 17 de xullo. A sublevación dos facciosos atentaba contra a legalidade e a soberanía da España republicana, referendada nas eleccións xerais de febreiro. O fracaso da rebelión provocou a Guerra Civil. Quince días despois do golpe militar, os fascistas xa impuxeran a súa nova orde na capital e, Lérez arriba, en Campo Lameiro, en Cotobade, en Cerdedo... Con todo, na seara cerdedense aínda se estaba a carabuñar a gadaña.
Consonte o atestado da Garda Civil de Cerdedo (15-1-1937): El 20 de julio último, cuando se organizó el movimiento revolucionario con la concentración de gente armada, con el pretexto de marchar a Pontevedra, el Casimiro Cortizo, hoy ausente en América, fue uno de los que concurrieron a esta localidad (Cerdedo), por ser persona muy afecta a aquella política. Luciano García Ventín, alcalde en funciones y Manuel Gamallo, concejal, estaban en el Ayuntamiento en sesión permanente y en actitud un tanto pasiva. Secundino Bugallo, que era conocido por “el Cambo de Figueroa”, también fue, como siempre, uno de los primeros en acudir armado de escopeta, y a los pocos días, aparecío muerto en la carretera de Barbantiño. José Torres, oficial interino del Ayuntamiento, que según noticias, también apareció muerto en Lérez o Geve [Xeve], circulaba órdenes por el pueblo para la requisa de armas; y David Paz Cachafeiro, ordenado por el alguacil-portero del Ayuntamiento José Mª Lavandeira Durán, recorrieron el pueblo aquella noche, tocando áquel una corneta y éste leyendo un bando para la entrega de armas, y no cabe duda que todo se hacía cumpliendo órdenes del nombrado delegado del orden público Francisco Varela Garrido, asesorado del Varela Buela que también se hallaban en el Ayuntamiento...
O 1 de agosto de 1936, encol da divisoria de Cerdedo e Campo Lameiro, a comitiva do telémetro ascendeu os Aguillóns, desceu ao Campo das Rosas, atinxiu a cimeira da Conla, descendeu até acadar o Campo do Marco... Embebéndome na parsimonia das medicións, veume á cabeza o filme O inglés que subiu unha cuíña, mais baixou unha montaña (1995) e parafraseei un retallo do guión: Os exipcios construíron pirámides, os gregos, templos; nós non fixemos nada porque tiñamos montañas. Se os montañeses fomos creados polas montañas, onde empezan as montañas empeza a Terra de Montes. Non obstante, naquel verán do 36 non había espazo para a épica; naquel Cerdedo desnortado, a agulla da búsola Breithaupt ganduxaba o fel da derrota, mentres ía descosendo o melado pespunto da liberdade.
A escasa distancia do coto da Conla, cara ao leste, localízase a Pena da Moura. Cando os golpistas se fixeron co control en Cerdedo, os veciños de Quireza que lideraran a resistencia, e que aínda non prenderan, optaron pola fuxida. Luciano García Ventín (Fondós; IR/PSOE) e Martiño Ferreiro Álvarez (O Outeiro; IR), entre outros, escolleron o abrigadoiro da Pena da Moura para se gorecer. Luciano García Ventín (1º tenente de alcalde, alcalde accidental (o derradeiro alcalde republicano)), obxectivo prioritario dos fascistas, permaneceu agochado no monte até a súa detención, acontecida o 4 de febreiro de 1937. Padeceu presidio en Cerdedo, Pontevedra e no campo de concentración da illa de San Simón. A súa causa foi finalmente sobresida. Faleceu en Quireza no ano 1964.
Martiño Ferreiro Álvarez, concelleiro de Obras do concello da Coruña, veuse refuxiar á aldea canda o seu irmán Antonio, alternando a casa da súa irmá Divina, no Outeiro, co abeiradoiro da Pena da Moura. Neste acolleito redactará as coplas intituladas “Na miña fuxida” (asinadas en Quireza o 13 de agosto de 1936) e mais un diario persoal. En outono pasou a Portugal, despois a Francia. Combateu o franquismo nas frontes do Levante e Catalunya e o nazismo, integrando a resistencia francesa. Detido pola Wehrmacht, foi deportado ao campo de exterminio de Mauthausen-Gusen onde faleceu en novembro de 1941 (BOE, 9-8-2019).
Coa vida pendente dun fío, Ventín e os irmáns Ferreiro foron, dende os seus asexadoiros, testemuñas inadvertidas da expedición topográfica do primeiro de agosto de 1936. Ao parecer, ao técnico Pío Martín Oviedo encargáraselle unha misión inescusábel e, polo que se intúe, os prófugos republicanos non supuñan unha ameaza.
El Diario de Pontevedra do 31 de xullo de 1936 publica: Recogida de armas.- En los pueblos de la provincia se trabaja activamente por las fuerzas al servicio del orden público, para desarmar a todos los elementos dotados de armas por los marxistas.
Hoy llegó a Pontevedra una camioneta de Cerdedo, en la que la Benemérita trajo numerosas armas de fuego que han sido recogidas.
O historiador Xosé Álvarez Castro afirma que, dende Pontevedra: O 2 de agosto, desde o cuartel de Falange instalado na Escola do Traballo (posteriormente, Goberno Militar) das Palmeiras, os falanxistas e os “cívicos” efectuaron saídas a Lalín, Folgoso [parroquia de Cerdedo] ou A Estrada (en Pontevedra nos anos do medo. Golpe militar e represión (1936-1939), páx. 88).
O 11 de agosto, dez días despois da expedición topográfica, un grupo de falanxistas de Cerdedo e Soutelo, en conivencia coa chamada Guardia Cívica, “sacan” do antigo cuartel da Garda Civil da localidade os cerdedenses Xosé Torres Paz e Xosé Cortizo González e mais o quirezán Manuel Garrido o Negro. Condúcenos a Pontevedra pola estrada de Ourense (actual N-541) e na estrada Pontevedra-Santiago (lugar de Alba) son pasados polas armas. Sobrevive Manuel Garrido que, dende aquelas, recibirá o alcume d’o Resucitado. Xosé Torres Paz (Cerdedo) era carpinteiro, presidente local do PSOE, oficial do concello, histórico concelleiro e dirixente da Sociedade de Agricultores. Xosé Cortizo (Barro-Cerdedo) e Manuel Garrido (Fondós-Quireza) eran destacados militantes socialistas.
Por mor da incomparecencia das comisións de Cerdedo e Cotobade, non se puideron continuar os traballos de amolloamento previstos para a xeira vesperal do 1 de agosto do 36. Este labor adiaríase até o 14 de agosto do ano 1939 (luns). A guerra rematara había catro meses. Xa en agosto do 39, previa convocatoria, acudiría ao encontro a comisión de Cotobade (con Manuel Solla Fontenla á fronte, o primeiro alcalde franquista), porén, segundo consta en acta: en representación del Ayuntamiento de Cerdedo no concurrió comisión alguna, a pesar de haber sido citada oportunamente. Os franquistas de Cerdedo estaban enfrascados na salvagarda doutros marcos: os marcos do seu predominio. Para satisfacer a súa ambición, a dereita cerdedense perseguiu, encarcerou, torturou e matou os adaís republicanos que considerou un atranco para acadar os seus fins. Soberbia incompetente. Cegados pola ansia de poder, tras oito décadas de inútil supremacía, permitiron que Cotobade (2016) e Forcarei (2017) lles acabasen movendo as estremas.
En agosto do 39, a comisión de Cotobade recoñeceu o mollón nº 1: el punto de intersección del eje de las aguas corrientes del río Lérez con el eje de las aguas corrientes del río del Barco [río do Barco] e o mollón nº 2, no predio nomeado “Los Píos” [Os Píos]: junto a la fuente de este nombre y en la margen derecha de la carretera de primer orden de Orense [Ourense] a Pontevedra. Tiene grabada una cruz cuyas aspas tienen respectivamente veinte y veinticinco centímetros de longitud. Este marco de deslinde sitúase a uns 700 m, cara ao nordés, da Ponte do Barco (sobre o regueiro do mesmo nome), nun treito sinuoso e hoxe abandonado da estrada de Ourense (N-541), xa no termo municipal de Cotobade.
A noite do 13 de agosto de 1936, un fato de falanxistas de Cerdedo “sacaron” das antigas dependencias da Garda Civil da localidade a Francisco Arca Valiñas Brillante e a Secundino Bugallo Iglesias o Cambo, ambos os dous veciños de Figueiroa, canteiros, tratantes de gando e dirixentes da Sociedade de Agricultores “El Trabajo” (CNT). Os verdugos conduciron a Arca e Bugallo á Ponte do Barco (antigo km 74 da estrada de Ourense) e, alí, torturáronos salvaxemente e asasináronos.
Desoutros citados naquel atestado da Garda Civil de Cerdedo: Casimiro Cortizo (natural de Limeres-Cerdedo, labrego, membro da Sociedade de Agricultores de Lourido) exiliouse no Brasil. Manuel Gamallo Bugallo (natural de Figueiroa, labrego, 2º tenente de alcalde; IR) foi detido en abril de 1937 e padeceu cativeiro en Pontevedra. A súa causa foi sobresida. Davide Paz Cachafeiro (Cerdedo) e Xosé Mª Lavandeira Durán (Limeres-Cerdedo) foron perseguidos, procurando acocho na casa e nos pardiñeiros da Coenllosa (respec.). Ambos os dous foron inculpados mais non procesados. Francisco Varela Garrido Pancho (natural de Cerdedo, secretario do concello; IR) e o mestre Francisco Varela Buela (natural de Cerdedo, asesor técnico da Secretaría; PSOE) foron detidos e xulgados en consello de guerra. Capturado en Monleras (Salamanca) o 2 de setembro do 36, Pancho acubillárase de primeiras na cova do Outeiro das Aveas (monte do Seixo) xunta Xosé Torres Paz e os irmáns Bugallo Valiñas (IR/PSOE). Pancho Varela foi condenado a morte e fusilado en Pontevedra o 27 de xullo de 1937. O mestre don Paco, tras ser apartado da docencia, foi condenado a cadea perpetua (padeceu presidio en San Simón). Excarcerado en 1944.
Virando a chaqueta a comenencia, a dereita conservou a supremacía no concello de Cerdedo até que lle conveu a súa disolución. 1936-2016: oitenta anos sen alternancia, oitenta anos de lenta e inexorábel decadencia; a vergoñenta historia dun fracaso.
En 2006, integrando a directiva da asociación cultural Verbo Xido de Terra de Montes, ordenamos erixir no fatídico lugar da Ponte do Barco un monolito en lembranza e honra dos mártires Francisco Arca e Secundino Bugallo e de todos os cerdedenses que deran a vida por defender a democracia republicana: “Morreron pola liberdade”. Hai marcos cuxas aspas están riscadas con sangue; hai marcos que sobrancean inamobíbeis na chaira da lembranza. Non esquecemos!!