Calros Solla
Elaboro arestora –apenas con afán propagativo– a relación dos que, segundo o meu humildoso criterio e en atención á súa focalizada potencia simbólica, mitolóxica e cultural, se erixen, en terra cerdedesa, como axes mundi (plural), eixes do mundo, ónfalos, embigos..., seguindo o maxisterio do filósofo e historiador romanés Mircea Eliade, concepto acuñado nos anos 50: “Todo microcosmos, toda rexión inhabitada ten un centro, é dicir, un lugar que é sagrado por riba de todo”. Estes “puntos centrais”, ponte entre os mundos terreal e celestial, son referencia (ou o foron) para as comunidades espalladas á súa roda.
Distribuirei por parroquias os fitos axiais por min considerados, para a súa mellor catalogación e localización. A saber:
Na freguesía de Cerdedo dous lugares sobrancean –nunca mellor dito–: o Embigo do Becho (Cerdedo) e a Laxa do Castro (Arén).
O Embigo do Becho (X: 550.581; Y: 4.709.844) é o nome dunha peneda (ao parecer, foncha), situada na ladeira oeste do monte Sangal. No planalto ocúltase a necrópole megalítica do Coto de Mámoas. O Embigo do Becho (óese: Embigho), toponimia diáfana, é un dos escenarios da lenda fundacional da parroquia de San Xoán Cerdedo, descoñecida ben seguro para as xeracións máis novas. A mocidade cerdedesa chouta por riba das cacharelas solsticiais, ignorando que o padroeiro –precursor lato sensu do Ecce Homo–, brandindo un fachón, foi quen de acurrar un maléfico dragón –o Becho– naquela pedreira. A lenda do dragón encovado na cafurna do Sangal xa foi abordada noutras ocasións (v. g.: Almanaque de encantos (2005) e Ao saimento de nós (2017)). No artigo “Os dragóns da Terra do Medio” (Faro de Vigo, 13-9-2015) explícase a función apotropaica do lume, represor da tarasca que, antano, sometía onerosamente os aldeáns, a semellanza da Coca de Redondela: “O que leva a Coca sempr’é de Soutelo de Montes; e ás veces évos de Cerdedo”, comporía Pintos en coplas atribuídas ao padre Sarmiento, e en relación coa festividade do Corpus pontevedrés.
Na freguesía de Cerdedo inventariamos outro ónfalos: a Laxa do Castro (X: 551.648; Y: 4.709.496), afloramento granítico (130/70 cm de alto x 160 cm de ancho) sito na croa do castro de Arén. Nun dos socalcos –non por acaso– edificouse no século XVII a capela do San Miguel Arcanxo, antiga sede parroquial e camposanto. A face anterior da Laxa do Castro empregouse como panel inscultórico. O gravado, probabelmente moderno, representa un gran cruciforme de tres corpos, flanqueado por dúas cruces máis pequenas. O corpo inferior semella unha escada de sete chanzos (léase v. g.: O legado dos homes pequenos (2017)). Moitas son as interpretacións ofrecidas para o petróglifo e mais para o seu soporte. A Laxa do Castro é un betilo, unha pedra sagrada; o petróglifo nela tallado ben puidera ser o esquema da escaleira de Xacob. A laxa, a pedra da paciencia, é o acceso vedado ás galerías castrexas, lar da mourindade. Namentres non foron obxecto de esconxuro, os mouros do castro de Arén afanábanse na explotación do ouro imbricado no subsolo. Foron expulsados do outeiro polo Arcanxo (“Mouro, polo poder do teu ouro, fai ida de corvo!”). Ao tempo, San Miguel cativou o dragón de sete cabezas –o Demo mor– no alxube do castro, baixo a capela, e espallou pola revolta as sete chaves que pechan os sete cadeados. Un ciprianillo local nomeado o Rabelo tentou sen fortuna “abrir o sésamo”; empregou na racha cuñas de cerna de carballo. Un dos ramais do labirinto soterrado comunica co pozo da Torre do río do Castro, en cuxa fondura espreita a horrífica serpe Bichoca. Forzada ao éxodo, a Moura do castro despediuse dende a distancia bagoxando: “Aí vos quedades, castriño de Arén, que tres minas ten: unha de ouro, outra de prata e outra de lume de alcatrén, que é a que gharda as outras tamén!”. Probe de quen fochique na mina de alcatrén. Os tres corpos do gravado cruciforme –mapa do tesouro– tamén ilustran a retrónica das tres minas. O corpo superior lembra un paraugas (“que é a que gharda as outras tamén”).
Polo que respecta á parroquia de Pedre, no outarelo do San Lourenzo (X: 545.820; Y: 4.709.488) situamos o seu particular axis mundi. Amais da devoción dispensada ao mártir asado na grella, a relixiosidade popular –desprezada incomprensibelmente polos cregos de nova fornada– tamén lle rende culto ao san Serrapio. Unha pequena imaxe en pedra do tal san Serrapio, descabezada, custódiase a canda unha pintura do san Lourenzo na ermida que coroa o outeiro (séc. XVIII). O martirio do san Lourenzo (“assum est, inqüit, versa et manduca”) asóciase no lendario co pétreo antropomorfo achado en 2012 no inmediato Coto das Insuas (Faro de Vigo, 9-2-2012), quen, conforme a tradición, solicita dos camiñantes que lle dean a volta (“...e aghora descanso polo outro lado”). Hai quen albisca no san Serrapio reminiscencias da deidade greco-exipcia Serapis (Osiris-Apis), nume solar. A denominación popular do sol é Lourenzo: “O sol chámase Lourenzo e a lúa, Catarina; cando o sol se deita, Catarina se lle arrima” (léase v. g.: As pedras da tribo (2014)).
Estabelecendo a estrema entre as parroquias de Castro e Figueiroa érguese o picouto de Castrodiz (631 m) (X: 547.634; Y: 4.711.032), vértice omnipresente na paisaxe cerdedesa ao norte do Lérez: “A Conla mira pró Campo, Pedrouzos prá Forcarei, o Seixo mira pra Ourense; Castrodiz no medio, o rei”. Sitio arqueolóxico da Idade do Ferro, fortaleza medieval. Parnaso do poeta Otero Espasandín. Durante a II Guerra Mundial houbo intención de instalar no cumio unhas baterías para protexer a España franquista do avance aliado. Os canóns ían ser transportados en carros do país. Dende a Eira dos Mouros –a croa do castro– até a fonte da Crica (poleiro da galiña dos pitos de ouro), dirección sudoeste, existe un pasadeiro soterrado polo que os mouros baixan abeberar os seus cabalos. Dende a Eira dos Mouros até a fonte Manfreo, dirección noroeste, esténdese un filón de ouro que, de cadora en cando, unha cabra descobre coa súa esparruñada. Outros engaden que na ponte do Cando (no río Quireza), dereitiña pola rodeira, a roda do carro toca na veta do ouro. Entre os penedos do alto é perfectamente distinguíbel a chamada Cabeza do Mouro. Sabéndoa esconxurar, a pena rousa nos gonzos e deixa expedita a entrada á cova na que os mouros abandonaron ricos e escusados haberes.
Entre as parroquias de Parada e Folgoso localízase o ónfalos do Pego (óese: O Pegho) (X: 552.434; Y: 4.710.488): piago do río Lérez –o pozo Negro–, vaira do estarrecedor e esfameado Cancodrilo (“metade can, metade caimán”); pozo de ola. Xacemento castrexo. Na croa do castro áchase a ermida da Nosa Señora do Pego, da Purificación ou da Soidade (sécs. XVI-XVIII). Antes da súa sacralización, o edificio albergou a Casa do Pobo da xurisdición de Montes. Durante séculos, ao abeiro dos seus muros, os adaís dos labregos redactaron en asemblea os cadernos de queixas que despois remitían ao xuíz meiriño da quenda, residente na fortaleza do Castro (Presqueiras). O Pego acumula innúmeras noticias de tormentas inopinadas e chispas malfeitoras. Un destes raios seica chimpou as vellas campás da ermida, afundíndoas no goio. Tras seren derrotados por san Santiago, no mesmo pozo Negro abandonou a raíña moura dona Ghurina o podente cadal da Torre dos Mouros, refulxente cidadela de cuarzo. A soberana deixou a riqueza ao coidado do xigante Testadunto. Portas dentro, a ermida do Pego gardou tempo esquecido unha enorme queixada de cancodrilo, dependurada con cadeas dunha das paredes (As pedras da tribo, (2014)). O Catastro de Ensenada identifica o lugar como retiro de anacoretas.
Na freguesía de Quireza sábeme salientar as calidades onfálicas da penela do Castriño, situada a medio camiño das aldeas de Mamoalba e Fondós (X: 545.217; Y: 4.711.675). Necrópole megalítica: cinco mámoas catalogadas e dúas sen catalogar. Nas inmediacións atopouse en 2008 un idoliño funerario. No laxedo do coto descubriuse en 2019 un fermoso gravado rupestre: 11 coviñas e 13 cruciformes-antropomorfos. Xacemento da Idade do Ferro. Na leira contigua acháronse en 2012 os fragmentos dun muíño barquiforme. Louvado sexa o colectivo Capitán Gosende. Na fondeira distínguese unha pena dentada que, conforme a lenda, é o peite co que a Moura carda os cabelos. Na fronde do Castriño revoan as luces populares.
Finalmente, na parroquia de Tomonde é obrigado amentar o mamilón granítico nomeado A Pedra. A leira na que aflora chámase A Veiga do Chao ou Veiga da Pedra, no quinteiro do Cachafal (X: 549.062; Y: 4.714.115), predio aínda sen urbanizar nos anos 50. Soporte inscultórico: profusión de coviñas e outros signos. BIC aloxado no interior dun aboio. Das dormentes da pedra gurgullaba a auga. Rotadoiro infantil. Altar-escenario onde, até hai unhas décadas, se ritualizaba o casamento da Vella e mais Vello, monicacos de palla, protagonistas do entroido tomondés. Tras o casorio –banquete comunitario–, os espantallos eran queimados polo pobo nunha lubre próxima coñecida polo Bosque, de face á aldea da Vilalén (Faro de Vigo, 31-7-2022).
Agora ben, se os devanditos lugares onfálicos teñen predicamento en cadansúa parroquia, a comarca enteira xira arredor do eixe preeminente e liminar do Coto dos Chirimelos (950 m), no alto Seixo, na encrucillada do camiño de Coto e o antigo camiño da feira de Doade (Beariz), que ascende dende a aldea de Cimadavila (Caroi). Alí, na Feira Vella, no nemeton dos Metacios, rexen Portalén e o Marco do Vento, dados a coñecer por quen escribe no ano 2002 (X: 550.666; Y: 4.702.479). Portalén, a porta ao Outro Mundo, a soleira do Máis Alá; hogano, sen apoio nin inxerencia institucional, o atractivo máis visitado e fotografado da Terra de Montes; e, a maiores, o Marco do Vento, a pedrafita (6 m de altura) á que todos os ventos “lle fan a venia” e onde todos os ventos “dan a volta” (léase v. g.: Monte do Seixo, 2008).
Gira, il mondo gira nello spazio senza fine..., cantaba J. Fontana. Eu, aborrecendo as galas de profeta en terra propia, xiro ceibo arredor dos eixes certos do noso feito diferencial e do racional conservacionismo. E intorno a me girava il mondo come sempre.