Calros Solla
Capitán Gosende descobre catro gravados rupestres no monte do Ceo. Un dos petróglifos foi destruído por unha torre do tendido eléctrico proveniente do parque eólico do monte do Seixo.
Levamos unha tempada seguindo con atención o traballo do investigador cangués Anxo Coia. En febreiro deste ano, puidemos escoitar en Cerdedo os asisados razoamentos que vén empregando este estudoso para atribuírlle a Ignacio Cerviño a autoría do cruceiro do Hío. Segundo o seu parecer (e o noso), a obra cume da nosa escultura popular debe anotarse no haber de Ignacio e non no currículo de Xosé Cerviño (Pepe da Pena), coetáneos, parentes e ambos os dous oriúndos da freguesía de Augasantas (Cotobade). Ignacio Cerviño residiu en Cerdedo cando menos dous anos (1858-1860). En Cerdedo casou e bautizou a primeira filla. Da súa estadía cerdedense consérvanse, que saibamos, dúas obras: o cruceiro do Pego (Parada) e o panteón das Capitás, propiedade da familia Peleteiro (Cerdedo); quizais, unha terceira: o desencravo de Laxoso. No encontro con Coia establecemos a necesidade de pescudar a obra incógnita de Ignacio Cerviño na comarca de Montes.
Os mesmos que lle adxudican o cruceiro do Hío a Xosé Cerviño tamén lle asignan a feitura do que se ergue en Correa. Máis alá das indiscutíbeis semellanzas que as figuras dos “nosos primeiros pais” do cruceiro do San Salvador poidan ter co Adán e a Eva do cruceiro do Hío, a prodixiosa memoria do señor Aurelio Ramos, veciño da aldea de Alén, foi abonda para para fundar a sospeita: “Este cruceiro fíxoo Cerviño de Cerdedo, un canteiro que veu ou era de cara a Cerdedo; aquí é o que se di. O cruceiro fíxose sendo miña nai rapaza; esta casa era a casa da escola e miraban pró Cerviño como facía o cruceiro”. Fose ou viñese, Anxo Coia atopou un documento de 1896 (data da construción do cruceiro do San Salvador) que identifica a Ignacio Cerviño como residente no Carballiño, localidade que dista uns 20 km en liña recta das aldeas de Xirazga. O Carballiño, cabeza de comarca, é a vila de referencia para os habitantes das parroquias de Beariz.
O señor Aurelio Ramos ten case 91 anos e tras superar unha operación de cadeira e outra de belidas, axúdase dun caxato para camiñar. Mais, non se deixen enganar, o señor Aurelio posúe unha vitalidade envexábel. Coñecémonos no camposanto, viña de visitar a sepultura da súa muller. Calquera outro domingo, dirixiríase a pé a Doade para botar a partida, emporiso, por riba de todo, Aurelio estima un bo parrafeo e se a parola versa do Ciprianillo ou de mouras encantadas, mellor que mellor. Ao pouco, xa nos estabamos intercambiando os números de teléfono. Cando soubo que andabamos tras dunhas pedras riscadas, preguntounos: “Saben logo dalghún tesouro?”. Non fixeron falla máis explicacións. Axiña se acomodou no asento de diante do noso automóbil e, seguindo as súas prontas indicacións, atravesamos o lugar de Alén e ascendemos pola pista forestal que cingue as lombas de poñente do monte do Ceo. “Por aquí soben coches a cada pouco”, dixo Aurelio todo oufano. Os baixos do Peugeot renxeron ao pasar a pontella da regata de Donsueiro.
Trufando a viaxe co seu saboroso anecdotario, o señor Aurelio guiounos até a valiña pola que discorre a regueira de Arriba. Pé en terra, avanzamos dirección norte por un camiño atuído de matogueira e piñeiros derrubados. No medio do leito seco da regueira de Arriba localizamos a pedra que con tanta ansia nos quería mostrar: “Ten buratiños por encima e así coma uns peciños de neno”. Coa enxeñosa imaxe dos “peciños de neno”, o señor Aurelio referíase ás coviñas comunicadas por unha canle-desaugadoiro, é dicir, o que nós deramos en denominar “tipo bacilo” (Léase: O legado dos homes pequenos, 2017).
A pedra da regueira de Arriba é un cachote metamórfico (3’50 m x 2 m x 1’20 m de altura) que asenta a súa base irregular sobre a madre do regueiro, da mesma natureza rochosa. Na parte superior contamos 18 coviñas illadas e espalladas polo panel e, a maiores, 5 parellas de coviñas comunicadas por desaugadoiro (“peciños de neno”), un trío de coviñas unidas por desaugadoiro e mais outra parella de coviñas comunicadas por desaugadoiro (unha delas proxecta unha canliña). No mesmo cachote, nun saínte a modo de chanzo, talláronse 14 coviñas. Neste gravado rupestre, o diámetro das concavidades vai dos 3 aos 13 cm. As coviñas meirandes son tamén as máis fondas. Por mor do mal estado do camiño e, xaora, da súa eiva, o señor Aurelio non puido achegarse todo o que quería á pedra, pero si lembraba con nitidez aqueles episodios da infancia nos que, canda outros pastoriños, xantaban enriba dela sen afastar a vista do gando. Nomeamos o achado “petróglifo da regata de Arriba” (coordenadas.- X: 556.847; Y: 4.703.249; alt. 726 m).
Non houbo tempo nin para botar un pito. Abandonamos as lombas meridionais do monte do Ceo (819 m de alt.) e dirixímonos cara as de poñente. As laxas do Outeiro da Carqueixa agardaban por nós. Nin a mesta carqueixa nin a toxeira rixa nin as ribadas e desniveis apouvigaban o señor Aurelio, que ataviado coa roupa de domingo, aínda lle sobraban folgos para botarlles picardías ás compañeiras de Capitán Gosende.
A intención daquel singular ancián era ensinarnos un outeiro que sobranceaba a media costa, por riba dos 700 m: “Esta cheíña de peciños de neno, uns detrás dos outros”. De lonxe advertimos que a pedreira que nos indicaba co dedo quedara por baixo dun tendido de alta tensión. Non foi difícil constatar que a condución eléctrica proviña da subestación do parque eólico do monte do Seixo (a case 5 km en liña recta da súa orixe). Isto non podía ser cousa boa.
Mentres ascendiamos, sempre baixo os cabos eléctricos, déusenos por inspeccionar nos moitos afloramentos rochosos que ían cadrando na nosa traxectoria. A curiosidade viuse, ao pouco, recompensada. A unha altitude de 714 m, nunha laxa de xisto duns 6 m de lonxitude e con orientación NO-SE, descubrimos nove coviñas (coordenadas.- X: 556.607; Y: 4.703.072). O seu diámetro vai dos 7 cm aos 4 cm. As concavidades meirandes son tamén as máis profundas. As gravuras abranguen unha superficie de case 1 m2. Por razóns que se intúen doadamente, nomeamos este achado “petróglifo do outeiro da Carqueixa III”. Localízase a uns 100 m ao norte da pista forestal e a 68 m ao noroeste dunha torre do tendido.
Proseguimos o ascenso por entre carqueixa e carrasco en flor, toxo e unha repoboación nova de piñeiro. Pouco despois, a unha altitude de 716 m batemos co “petróglifo do outeiro da Carqueixa II” (coordenadas.- X: 556.587; Y: 4.703.087), situado a uns 115 m ao norte da pista forestal, baixo o tendido, e a 90 m dunha torre e a 110 m doutra. A inscultura tallouse sobre unha laxa metamórfica de 7’50 m de longo e 3’70 m de largo e con orientación NO-SE. O petróglifo componse dunhas 10 coviñas divididas en dous grupos. O primeiro grupo intégrano 6 coviñas (dúas unidas por un desaugadoiro e outra coviña con desaugadoiro). A 80 cm de separación do primeiro grupo atópase o segundo: 4 coviñas (desas catro, dúas únense por un desaugadoiro). “Velaquí tendes outra vez os peciños de neno”, apuntou o señor Aurelio, “Aquel outeiro de máis arriba está cheiño deles”. Tomadas as notas pertinentes, reemprendemos a marcha.
Antes de acadar o obxectivo, o noso acompañante anticipounos a desfeita. Baixo o tendido eléctrico, o outeiro da Carqueixa localízase a 720 m de altitude. A parte superior da peneda metamórfica posúe unha superficie duns 60 m2. Agardabamos a apoteose dos “peciños de neno”, mais o que atopamos nos afundiu na desolación. O señor Aurelio botou as mans á cabeza: “Marcháronlle coa casca á pedra; racharon na pedra para facerlles as zapatas as torres do tendido; isto estaba cheo de peciños de neno!!”. Consonte os nosos cálculos, os operarios e as súas picarañas fixeran desaparecer uns 30 m2 da superficie da rocha. A meirande parte do panel petroglífico fora empregado coma cascallo para a cimentación das torres eléctricas. A caseta enriba do petro do Recosto e agora isto. Foinos difícil aturar tamaña iniquidade.
Na actualidade o “petróglifo do Outeiro da Carqueixa I” (coordenadas.- X: 556.577; Y: 4.703.104) componse dunhas 8 ou 9 coviñas asociadas a un curioso labirinto de canles ou desaugadoiros e mais outras 2 coviñas illadas. Desgraciadamente, os “peciños de neno”, fermosa conxunción de arte prehistórica e mitoloxía popular, foran estragados polos mesmos que no ano 2000 obraran a destrución na montaña máxica do Seixo. O señor Aurelio tamén nos aprendeu unha maldición: “Inda ti vaias parar onde ghalo non ouzas cantar nin campás ouzas tocar”.
Inaccesíbeis ao desalento, os do Capitán Gosende xa descubrimos na comarca 67 gravados rupestres.