Carlos Solla
Valla en referendo impertérrito o quórum desta nosa Santa Compaña de represaliadas e represaliados, acugulando de razóns a ousadía do colectivo Capitán Gosende para outorgar galas e recoñecemento a mortos e a vivos, consonte a nosa ácrata condición de renegados da mansedume; somos xente de orde inversa, recoñecémonos nas causas xustas e necesarias, sempre a contrafío da resignación e da desesperanza.
A nosa Terra é nosa e por tal reivindicámonos novamente herdeiros e facedores dos seus sagros sinais de identidade. Cando foron para nós tempos propicios? Curtidos estamos na desventura e, mesmo así, non hai opción para o desfalecemento. Nunca amañece para quen non soña coa alborada. Acoiracémonos e arrostremos mañá os tempos que vivir nos toquen; porén, hoxe, data propicia, felizmente partícipes desta cerimonia de esplendor, blindámonos dos pesares do mundo e proclamamos que:
Por gozosa unanimidade, o colectivo Capitán Gosende desexa facer entrega do 2º Salvoconduto de Honra a Baldomero Iglesias Dobarrio “Mero”, por ter acumulado méritos abondos en prol dos xenuínos intereses da Galiza e da galeguidade e, ao tempo, para manifestarlle o noso amor, a nosa admiración e o noso agradecemento. Instámoslle así e todo a que porfíe na angueira, facendo valer como até hoxe os sellerios atributos da fronte estrelada e do bico cantor.
Recoñecemos en ti, Mero, as calidades de persoa valente, sabia, boa e xenerosa. Mero Iglesias: mestre, músico e escritor; nado en Vilalba da Terra Chá o 27 de xuño de 1951.
Fuxan os ventos e derrámense ruxidores pola Quenlla corgueira, deitando n’A Lonxitude do tempo Recendos de luz e sombra, pois neste Papel –neste Salvonduto– que mudo escoita consígnanse Doce ducias de parabéns, bicos e apertas para ti. Longa vida e froitosa, mestre.
Quixo o paxaro pousar na póla o seu chío e acordou, non por acaso, que fose nun castiñeiro da Fontedorraca de Meilide, a carón da casa natal de Pedro García Gosende Balboa e Sarmiento, o egrexio padre Sarmiento.
Así mesmo, por gozosa unanimidade, o colectivo Capitán Gosende desexa facer entrega do 3º Salvoconduto de Honra a David Otero Fernández, por ter acumulado méritos abondos en prol dos xenuínos intereses da Galiza e da galeguidade e, ao tempo, para manifestarlle o noso amor, a nosa admiración e o noso agradecemento. Instámoslle así e todo a que porfíe na angueira, facendo valer como até hoxe os selleiros atributos da fronte estrelada e do bico cantor.
Recoñecemos en ti, David, as calidades de persoa valente, sabia, boa e xenerosa. David Otero: mestre e escritor; nado en Compostela o 27 de decembro de 1946.
Castelao e Bóveda enviaron dende o Alén adhesións entusiastas, mesmo chantaron rexamente un Pedrón de Ouro en cada unha das catro esquinas da chousa na que verdea a semente da Nova Escola Galega, da AELG ou de Irimia.
Que facer coas palabras? senón honrar a quen todo nolo deixou: Dieste –camarada do noso paisano Otero Espasandín–, Ferro Couselo, Eladio Rodríguez. Pois, coma nenos abraiados seguimos asexando o mundo a través das xanelas dun arborado Castromil, aproando destemidos as voltas e reviravoltas da estrada de Ourense, agardando que nalgunha das paraxes suba a bordo Ramón de Liripio e sente a canda un, para aleccionarnos nos usos e costumes, para que a viaxe da vida sexa Un bambán de non virar baldo, porque Para iso está o futuro. Mestre, segue entretendo a nosa folganza e a dos Vagalumes con Cousas para facer, dicir e pensar. Longa vida e froitosa.
CAMARADAS DO CAPITÁN GOSENDE, 26 de novembro de 2023:
Mero Iglesias
OS GOSENDE
David Otero
Proclaman a hexemonía do humanismo, lendo comprensivamente a vida e a Historia, para que, sen humillacións, nin sometementos, o de todas e o de todos, signifique ao certo no presente… para daquela… mirar a un futuro de entendemento e comprensión, máis humano e solidario.
Os do monte, tamén na taberna, como aclara o compañeiro Carlos Solla, saben que o que proponen…xa leva tempo chamando á porta para o debate sosegado , no sereo de ser…é inevitable.
A fronte Gosende, brigada inexpugnable, no dito, son ambiciosos e responsables.Saben que hai pobo e que hai territorio. A súa opción honesta e lóxica… vai na teimosía da loita constructiva de cada día. Vai tamén coa súa resistencia. E así, como dixo o poeta: “xa todo non seguirá igual”, pois os soños dos como os Gosendes, a aqueles de sempre , xente dos freos e dos olvidos e silencios, moitos asesinos, han valerlle de pesadelos.
E velai que aquí estamos nesta Campa das Laudas,espazo de entendemento e de memoria, sumando cos Gosendes e indo por este día feliz, querendo poñer os sentepensares en alto, para nomear unha a unha , as nosas vítimas e así tamén… nos gustaría dicir os nomes e apelidos, un a un, dos asesinos, responsables perseguidores, para lles pedir contas. Todos e todas pois afiemos a folla delicada do noso ferro comunal: A MEMORIA.
A memoria tamén…tal como a máquina de coser apedal “ talón/punta, punta/talón, vai e vén, vén e vai, puntada a puntada e bórdanse os recordos, as memorias, na que van historias, que fan a historia.
Gocemos do azucre desta convivencia democrática.Gocemos da verdade recoñecida.Do claro da nosa historia.Relatemos con memoria, pois a impunidade é silencio e o silencio é impunidade. Por iso non podemos deixar impunes aos culpables. Que iso quer dicir que o seu mal non o foi tanto. E a memoria vai na verdade. Vai no pensamento que libera. Potencia a dignidade.O ben persoal e colectivo. A soberanía dos nosos pobos.
Velaí pois os Gosendes, que por dicir de DARÍO XOHAN CABANA definímolos:”TRIBU QUE NON CLAUDICA NO FUROR DO INVERNO”.
Por iso…non permiten os olvidos do fluir dos sufrimentos. Levan interiorizada a raiba concebida na que o amor milita. Aí está a misión laica , traballo duro, dos Gosendes. Benzóns a eles e a elas todas. Grazas por nos acollerdes no mellor dos vosos afectos e deixarnos militar nas vosas verdades. Non paredes de facer estas terras máis alegres. Non paredes. E así co ceo ourado polo sol máis puro, abrazade todos os menceres destas terras.Que o azul e branco o sexan de alegría.Que a estrela toda da nosa mornura popular… non se nos apague.Que hoxe vivamos entre todos o sorriso xigante da nosa memoria.Que as nosas palabras sigan sempre amigas.Digámolo todo ben…para que importe.
E hai algo máis…incuestionable…certo…
GOSENDES….
SODES O DEMO…!!!
david otero( na campa das laudas a XXVI de novembro de MMXXIII).