O nome do colectivo lembra un célebre heroe cerdedés, o capitán Gosende, que en 1589 liderou as milicias de Montes que combateron e derrotaron na Coruña a armada do corsario Francis Drake.
Os membros da asociación fixaron os seus obxectivos na descuberta, estudo e promoción do patrimonio material e inmaterial de Cerdedo e Montes, concretados nas disciplinas da etnografía, a historia, a lingua e a literatura. Do seu labor de investigación provese a colección bibliográfica Cerdedo in the Voyager (ao coidado de Edicións Morgante) que, a día de hoxe, componse dos seguintes títulos:
-Cerdedo. Materiais para o estudo da freguesía de San Xoán de Cerdedo. Inventario xeral, 2002.
-Cerdedo na obra do Padre Sarmiento, 2002.
-Cerdedo in the Voyager I, 2004.
-Almanaque de encantos. Mitoloxía da Terra de Cerdedo, 2005.
-Monte do Seixo. Reivindicación da Montaña Máxica, 2007.
-Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas, 2008.
-Cantares de Manuela de Barro. Achegas ao cantigueiro de Cerdedo, 2008.
-Carta arqueolóxica do concello de Cerdedo, 2009.
-O ano que chimpamos o cacique. Crónica do agrarismo en Cerdedo (1916-1923), 2011.
-O vervo xido. A fala secreta dos canteiros de Cerdedo, 2011.
-O código da vincha. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo, 2012.
-Cantares de Manuela de Barro. Achegas ao cantigueiro de Cerdedo, 2012 (Edición especial).
-O crime de Pardesoa, 2013.
-As pedras da tribo. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo II, 2014.
-Amuletos, talismáns e pedras da fartura. Obxectos de poder da Galiza tradicional, 2014.
-A conxura dos Gosende. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo III, 2015.
-Así aprenderán a non ter ideas. Agrarismo, caciquismo e República en Cerdedo, 2016.
-Ao saimento de nós. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo IV, 2017.
-O legado dos homes pequenos. Gravados rupestres de Cerdedo, 2017.
-A gran mortaldade, 2019.
-Edición da obra narrativa do escritor cerdedés Santiago Gómez Tato (no prelo).
-Edición d’O mestre de Quiroza, novela do escritor cerdedés Xosé Varela Buela (no prelo).
-O embigo do becho. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo V (no prelo).
Os devanditos vinte e tres volumes abordan o estudo do territorio atendendo á historia local (arqueoloxía, francesada, movemento agrario, memoria histórica...), a etnografía (costumes e ritualidades), a mitoloxía popular (monte do Seixo-Portalén, seres míticos, amuletos e obxectos de poder...), a arte e a arquitectura tradicional (capelas, igrexas, cruceiros, pontes, muíños, canastros, rueiros abandonados...), a lingua e literatura (fraseoloxía, literatura de tradición oral, o vervo xido, autores locais...)...
Algunhas das iniciativas culturais do colectivo Capitán Gosende son:
-O Roteiro Sarmiento. Proxecto pioneiro en Cerdedo. Este itineraio, instituído en 2002 (“Ano Sarmiento”), conxuga a lembranza da vida e a obra do Padre Sarmiento, natural das Raposeiras (Meilide), coa divulgación da historia, da mitoloxía popular e dos elementos arquitectónicos e paisaxísticos da parroquia de Cerdedo. Promoción da localidade como destino turístico. Denuncia da ruína do pazo das Raposeiras, berce de Martiño Sarmiento.
-O Roteiro da Montaña Máxica. Proxecto pioneiro na Galiza. O itinerario instituíuse en 2005, malia que a primeira visita guiada polos escenarios míticos do Seixo, entre eles Portalén, data de decembro de 2002. Oito rutas posíbeis deseñadas para vincular o monte do Seixo coas aldeas da redonda. Descuberta e promoción de Portalén, a porta ao Máis Alá. Divulgación do acervo mitolóxico da montaña e enxalzamento dos valores arqueolóxicos, paisaxísticos e ambientais do Seixo e da comarca. A día de hoxe, o número de participantes nos roteiros guiados acadou a cifra de 5.000. Deseño de mapas e trípticos e vídeo-documentais. Promoción da comarca como destino turístico. Repercusión internacional. Oposición ao parque eólico.
-O Roteiro da Pantalla. Proxecto pioneiro na Galiza. Evento anual instituído en 2011 que ten lugar na noite de defuntos. Escenificación da Compaña (denominada Pantalla en Cerdedo) polas corredoiras aldeás; cea e velada de contos de medo. Conxuga a divulgación da mitoloxía popular coa promoción dos elementos arquitectónicos e paisaxísticos do concello de Cerdedo. Denuncia retranquiera do despoboamento e do inmobilismo caciquil.
-O Roteiro polo Pedre milenario. Proxecto pioneiro na comarca. Este itinerario, instituído en 2013, ocúpase da divulgación da historia, da mitoloxía popular e dos elementos arquitectónicos e paisaxísticos da parroquia de Pedre. Descuberta e promoción da aldea vella de Vichocuntín. Difusión da parroquia como destino turístico. Oposición as centrais hidroeléctricas da conca do Lérez. Denuncia do despoboamento e do abandono do patrimonio arquitéctonico. Oposición ao trazado do TAV.
-O Campo das Laudas. Proxecto pioneiro e único na Galiza. Inaugurado en 2016, este lugar da Memoria, sito nas Raposeiras (Meilide), estableceuse en lembranza e honra das vítimas da represión franquista en Cerdedo. As cinco laudas fincadas até o momento redimen do esquecemento a Xosé Otero Espasandín, Antonio Sueiro Cadavide, Francisco Varela Garrido, Xosé Torres Paz e Martiño Ferreiro Álvarez. Denuncia do incumprimento por parte das autoridades locais da Lei de Memoria Histórica.
-O Roteiro Quireza arqueolóxica. Proxecto pioneiro na comarca. Itinerario instituído en 2020. Percorre os sitios arqueolóxicos da parroquia Quireza (petróglifos, mámoas e castros), moitos dos cales foron descubertos polo colectivo Capitán Gosende. Difusión da parroquia como destino turístico. Oposición ao proxecto do parque eólico.
A maiores das publicacións en formato libro, o colectivo Capitán Gosende pon en coñecemento do público interesado todos os seus proxectos, actividades e descubertas a través do seu perfil público de Facebook e, entre outros, os seguintes medios de comunicación: a web Tabeirós-Montes, a web Historia de Galicia, o xornal Faro de Vigo, a web Galicia Encantada, a plataforma Galicia Digital, a revista dixital Pontevedra Viva...
A día de hoxe, no eido da busca arqueolóxica, os exploradores do Capitán Gosende anotan no seu haber a descuberta de 46 gravados rupestre en Cerdedo e 77 na comarca de Montes, amais de castros, mámoas e outros elementos.
Que chova que vente, Capitán Gosende!!