A sección estradense da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí programou para o domingo día 18 a quinta edición do seu xantar solidario a favor do pobo saharauí. Celebrarase a partir das 14.00 horas nunha carpa instalada no campo da festa da localidade de Couso (A Estrada).
O menú será o mesmo das edicións anteriores: pinchos de empanada, entremeses variados, callos, xamón asado e sobremesas caseiros acompañados de viño, café e licores. O custo do menú será de 16 euros para adultos e 7 euros para menores de 12 anos.
A xornada estará amenizada coas actuacións da asociación cultural Tamparrantán e o grupo de acordeonistas Vos Lóstregos.
As entradas xa están á venda nos seguintes establecementos da Estrada: Alameda, Gran Vía, 20 Verzas e A Vila. En Vea poden adquirirse na de Emiliano, A Parra e Ou Rolo. Tamén é posible reservalas a través dos teléfonos 986 586 798, 986 586 796 ou 654 166 119.
Ademais da contribución económica coa propia participación no xantar solidario, os organizadores agradecen aos participantes a achega de alimentos non perecedoiros e de produtos de hixiene para enviar como axuda humanitaria aos refuxiados saharauís acolleitos no campamento de Tinduf (Alxer). Así mesmo, durante o evento poñeranse á venda rifas para o sorteo de varios agasallos doados por establecementos locais que colaboran coa iniciativa. Neste sentido, o presidente da delegación estradense da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, Juan Soutelo, destacou que varias empresas locais colaboran na iniciativa tanto aportando agasallos para os sorteos como alimentos para preparar o menú solidario, o que permitirá ter a maior parte dos gastos de organización cubertos.
Os fondos recadados serán destinados integramente ao pobo saharauí. Unha parte servirá para axudar a financiar as viaxes dos nenos saharauís que no verán participan no programa Vacacións en paz. O resto destinarase á adquisición de comida, medicamentos, material escolar e demais axuda humanitaria para os refuxiados dos campamentos de Tinduf.
Na última edición do xantar solidario celebrado na Estrada participaron preto de 450 persoas e se recadaron máis de 6.000 euros.
Programa "Vacacións en paz"
A través do programa Vacacións en paz, este ano pasaron o verán na Estrada 12 nenos dos campamentos saharauis. Antes de final de ano a asociación ten previsto abrir de novo o prazo de solicitude de participación no programa para as familias que queiran acoller nenos no verán do 2016.