Manuel Cabada Castro
É esta fondura “animal”, rebelde, animosa e animante, dos nosos compañeiros da montaña a que entra e desemboca nas rúas e camiños interiores da aldea, cos seus veciños e forasteiros en renovado abraio, coma un inesperado e sempre novo don, que se concentrará logo, máis intensamente, no mítico anfiteatro do curro. É alí, nese rotundo espello que separa e ó tempo conxunta (a eles e a nós) onde podemos, si, vernos neles e deles aprender tamén a sermos nós mesmos. Aprendendo da súa resistencia e do seu digno orgullo de ser e de existir como tales. As nosas bestas convértense así en gratuíta vacina de humanidade.
Por iso as festas, cando o son de verdade, na súa variedade, na súa fondura, na súa imperiosa necesidade social e humana, non son dispendio inútil e sen sentido, senón rexeneración viva do propio ser individual e comunitario, que endexamais pode ser entendido sen tomar conciencia da nosa comuñón coa terra, coa luz e a montaña, cos fentos e as xestas, coa auga daquela fonte agachada baixo a húmida sombra dun pereiro agreste e solitario...
Leccións maxistrais sobre todo isto ofrécennolas con xenerosidade as grandes e festivas tradicións populares. Como esta da Rapa das bestas de Sabucedo, que os mandatarios públicos non deberían endexamais deixar de apoiar para ben do país.-
* [“Faro de Vigo”, mércores, 18 de xullo do 2018]