Os motivos que propiciaron esta decisión son varios: excesiva proximidade dos aeroxeradores ás vivendas, con muíños de 163 m. de altura a 530 metros de distancia en algún caso; afección ós recursos e servizos hídricos que nutren a estas parroquias e aldeas; grande extensión de chan e vivendas afectadas polas poligonais dos parques eólicos; ou o despregue de liñas eléctricas rodeando os núcleos de poboación.
Fai un ano que estes dous proxectos saíron a exposición pública e se presentaron numerosas alegacións en contra que aínda non foron contestadas. Os veciños e veciñas, coñecedores do avance na tramitación dos expedientes, están moi preocupados e instan á Xunta de Galicia a que se teña en conta a súa opinión como propietarios dos terreos e como afectados polas consecuencias negativas que conlevarán estes parques eólicos.
Ante a alarmante situación, esta semana varios representantes veciñais mantiveron unha reunión co alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, para trasladarlle a postura contraria das Comunidades de Montes, que abarcan a maior parte do terreo afectado polos parques eólicos Campo das Rosas e Porto Vidros, e solicitarlle o seu apoio.
Nesta reunión co goberno local de Cerdedo-Cotobade, na que se comprometeu todo o apoio posible ós veciños e comunidades de montes, Jorge Cubela quedou en levar a cabo varias accións como proporcionar información clara e contrastada sobre o estado de tramitación dos proxectos e participar nas mobilizacións en contra coa organización dunha manifestación.